09 Abr Os plenos dos Concellos de Monforte, Chantada e Sober aproban as mocións para a preservación da viticultura tradicional de ribeira a proposta de Interior Galego Vivo
Os plenos debateron e chegouse a consensos, con propostas inmediatas e para o futuro, que serán trasladadas ao Consello Regulador da DO, ás Deputacións e á Xunta, que é quen debe achegar fondos e implicarse máis facendo fronte con urxencia aos excedentes de viño tinto e planificando axudas directas a quen mantén superficie amurada.
O Pleno de Chantada aproba tamén unha moción con indicacións e medidas para atallar a “peste nova” (flavescencia dourada) antes de que teña efectos devastadores no sector.
No Interior Galego, 9 de abril de 2024
Dende IGV estamos moi satisfeitas porque conseguimos trasladar o debate sobre a supervivencia da nosa viticultura aos municipios da zona, que precisan implicarse na aposta pola calidade e o mantemento da viticultura tradicional de ribeira, e porque acadamos consensos que son positivos para o conxunto da economía das ribeiras de Sil, Cabe e Miño. Como movemento cidadán e municipalista demostramos máis unha vez a nosa capacidade de dialogar e chegar a consensos lonxe do ruído estéril que domina a política española. Fica aínda moito por facer, máis abrir espazos de diálogo e que agromen propostas non deixa de ser un paso necesario para chegar a solucións.
A nosa principal aposta é que se recoñeza a singularidade do viñedo tradicional de ribeira, e
que este tipo de cultivo esteña protexido e apoiado en maior medida, dada a fraxilidade do momento, cunha elevada media de idade das persoas produtoras e coa crise dos excedentes de viño tinto.
O que achegamos son ideas inmediatas e tamén propostas e debates para abordar o futuro da Denominación de Orixe, a súa sostibilidade e a capacidade de xerar emprego e manter a poboación: porque sen paisaxe de ribeira cultivada de viñedo e, sobre todo, sen as xentes que a constrúen, non hai Patrimonio da Humanidade, só un parque temático con algún enclave turístico. Para evitar o abandono de terras e o despoboamento da zona, precisamos facer sostibles as actividades económicas, como a viticultura.
As mocións de Interior Galego Vivo aprobáronse con matices e con novas ideas, xurdidas do debate o que as converte en propostas asumidas pola maioría dos grupos, por exemplo, en Chantada as dúas mocións foron aprobadas co apoio unánime dos tres grupos (IGV, PSOE e PP) e mesmo unha delas foi refundida con outra moción do grupo socialista para atinxir o apoio do grupo popular. En Monforte, a moción de Esperta recadou o apoio de BNG e PP mentres que o PSOE abstívose e en Sober tamén houbo acordo unánime que se traducirá nunha proposta do propio consistorio de apoio á viticultura, aínda que debería ser coa PAC e desde a Xunta que se contribuíse con axudas directas a quen manteña superficie traballada en muras ou bancais.
A nosa proposta de catalogación do viñedo tradicional de ribeira supón englobar e distinguir os distintos modelos de viñedo tradicional amurado en pedra seca. Non estamos falando de opor unhas subzonas a outras, senón de “catalogar o viñedo tradicional de ribeira” e dotalas de maior flexibilidade normativa e recoñecemento, subliñando as súas peculiaridades segundo a subzona e apostar polo mantemento deste xeito tradicional de cultivo –muros, muras, pataosm calexotes… -. Por iso, apóstase polo recoñecemento de parcelas, camiñando cara unha especialización e singularidade cada vez maior.
Así, este punto da catalogación quedou redactado deste xeito: “elaborar unha delimitación cartográfica da zona de produción da DO, na que quede marcada a produción en socalcos ou muros, que será a que debe receber axudas e un especial pulo polo seu carácter heroico”. Amais, por en canto non se elabore esa cartografía, entendemos que cómpre unha moratoria que poña coto a proliferación de viñedo en zonas onde nunca o houbo en canto fican abandonadas as parcelas que historicamente se destinaron a este cultivo desdibuxando o noso principal sinal de identidade.
Deste xeito, a Xunta debe mover ficha para establecer “incentivos para manter o tipo de cultivo tradicional en pendente, amurado, forma de aterrazamento e cultivo está dentro da Paisaxe Cultural BIC Ribeira Sacra e que se conformou na Alta Idade Media. Para iso, cómpren liñas de apoio directo ás e aos produtores deste tipo de parcelas, polo plus de traballo e custos que esixe manter a paisaxe, incentivando, ademais, a recuperación de viñedos históricos.”
Houbo consenso en pedir á Xunta “dar saída aos excedentes através da destilación voluntaria dos mesmos nas adegas este ano 2024, implementando, por un lado, unha planificación a curto prazo e cunha liña de axudas ás adegas para tal fin; e, por outro lado financiando podas en verde nos exercicios 2024 e 2025.”
Houbo consenso tamén en destacar a importancia dos “controis de produción”, na necesidade de maior “asesoramento” e redución de “burocracia”, así como a necesidade dunha “PAC que se adapte á nosa realidade para que se primen as hectáreas de viñedo en socalco. Tamén, para apoiar a toda a xente que produce uva, a PAC debería chegar ao viñedo en ladeira, tanto para agricultores a título principal como para persoas produtoras de uva que o fan como economía complementar.”
Os tres plenos municipais aceptaron a necesidade de campañas locais de promoción do viñedo da DO Ribeira Sacra, debaténdose en Sober a idea dunha campaña conxunta dos municipios da DO, que mesmo podería ser a edición de folletos para a hostalería da zona e un mantel de papel co mapa e información básica da DO, animando a consumir viño da Ribeira Sacra.
Houbo tamén unanimidade na necesidade de impulsar a formación en cantería e a oferta formativa de viticultura e enoloxía, engadindo apetición dun módulo de viticultura do IES Val do Asma. Nestes puntos, é a Xunta quen ten competencias en Educación e debe responder. Temos que decatarnos que sen canteiras e canteiros vai ser difícil manter muras e pataos de pedra seca centenarios.
Asemade, engadiuse a necesidade de “dispor dunha estación de vixilancia con avisos metereolóxicos e fitosanitarios”, o que se aprobou no Pleno de Chantada, pleno que tamén decidiu manifestar “a disposición da Corporación do Concello de Chantada de pór a dispor do Consello Regulador da DO un local para atención semanal a persoas viticultoras e adegueiras, que facilitaría moito os trámites.” Asemade, o Pleno de Chantada tamén apoiou unha moción sobre a praga da peste nova, a flavescencia dourada, que xa en 2023 chegou ao Ribeiro sen que a Xunta estexa adoptando as medidas que funcionaron en Franza ou dispondo das axudas e contías que se empregaron en Cataluña. Hai que fixarse nas zonas onde se fixeron as cousas ben e se combateu este perigoso fitoplasma con eficacia, pois pode supor que as cepas sequen en masa e é de obrigada comunicación segundo se detecta, mais a Xunta non forma nin informa polo que tememos o pior.
Interior Galego Vivo continuará defendendo propostas para a mellora da vida da xente das comarcas ribeirás do Sil e do Miño, dende o diálogo e a achega de ideas, facendo da política o que debe ser: un exercio de debate e propostas, traballando para aqueles que nos elixiron. Tanto Espera Monforte, coma Por Chantada e Agroma Sober estamos satisfeitas co resultado do debate e agardamos que a Xunta, que ten os fondos e as competencias, se implique na defensa da nosa viticultora ribeirá exixindo igualmente que a nova PAC se adapte á nosa realidade.
No Comments