O PP rexeita pedir máis fondos para a Sanidade mentres a Xunta proxecta gastar 408.000 € nunha rotonda

O PP rexeita pedir máis fondos para a Sanidade mentres a Xunta proxecta gastar 408.000 € nunha rotonda

A moción da Plataforma SOS Sanidade en defensa da Sanidade Pública é

rexeitada polo PP de Sober

– Ao mesmo tempo, a Xunta aproba no Concello un proxecto de rotonda de máis de 400.000 € orientada ao turismo

Sober, 1 de febreiro de 2024.

Sober debateu no pleno do Concello celebrado o 31 de marzo de 2024 unha moción de SOS Sanidade Pública que reclamaba uns puntos básicos para a mellora do noso sistema sanitario.

Dende Agroma Sober defendemos esta proposta da Plataforma SOS Sanidade argumentando que a cuestión dos servizos públicos en Galicia é fundamentalmente un tema de modelo social e de financiamento.

En primeiro lugar, a Xunta do PP, dende 2009, aposta por reducir o peso do orzamento sanitario na economía, que representa un 7,4% do PIB galego, fronte ao conxunto do Estado (case un 11%) ou cando en países europeos avanzados sobrepasa o 12%. Por outra parte, o modelo PP é a privatización de servizos públicos, pois o eufemismo da “colaboración público-privada” no Hospital de Vigo acabou costando máis que como construción pública e, de feito, a Xunta vén de quitar case 4 millóns de euros da partida de construción de centros de saúde comunitarios para obter crédito para pagar as facturas da concesionaria deste Hospital.

Ademais, como vemos en Monforte, a centralización sanitaria en áreas provinciais, quitando capacidade de xestión e de contratación nas comarcas, leva aos hospitais comarcais á perda de especialidades e falta de profesionais.

Neste momento, que no sur de Lugo temos un grave problema de falta de pediatras, a Xunta decide presentar un proxecto de rotonda no cruce de Doade que suporá un gasto de máis de 400.000 €.

Non nos opoñemos a proxectos que melloren a seguridade viaria da zona e dese cruce, moi transitado no verán, pero non require unha obra de tal magnitude, podendo solucionarse con, como moito, un cuarto do total do que se vai gastar.

Ademais, na propia parroquia de Doade hai moitas necesidades en vías de comunicación, como o arranxo de todo o núcleo de Francos de Doade, que leva anos agardando.

Orzamentos do Concello de Sober 2024

No pleno de onte tamén se debateron os Orzamentos do Concello para 2024 nos que, coñecendo o que vai investir a Xunta en camiños para todas as parroquias do Concello, vemos que serán uns 75.000 € do Plan Marco, o que supón menos dun cuarto do que costará unha soa rotonda nun único punto. Hai, asemade, en marcha ou previstas obras de urbanización en lugares, máis funcionais e complexas, que non chegan a costar nin a metade da rotonda, polo que non entendemos a magnitude do proxecto nin que non se poida resolver con menos fondos. Por outra parte, os gastos de iluminación da rotonda correrán por parte do Concello.

Por por en contexto, nos Orzamentos da Xunta de 2024 destínanse 181.500 € do Plan de Acción de Atención Primaria para toda a provincia de Lugo a equipamento dos centros sanitarios, menos da metade do que supón o investimento nunha soa rotonda. Segundo o cadro de persoal do Sergas, o total anual das retribucións dun ou dunha pediatra ou persoal médico en Atención Primaria son 46.672,26 €.

Tamén cómpre sinalar que hai numerosos puntos do Concello que, como xa temos demandado, requiren tamén medidas para a redución da velocidade dos vehículos, algo que se podería resolver con sinxelas actuacións e que melloraría a seguridade viaria no día a día da xente das nosas parroquias, sobre todo en lugares onde hai nenas e nenos.

Agroma Sober abstivémonos na votación dos Orzamentos; concordamos con varias liñas do mesmo e coa maioría de investimentos, pero botamos en falta determinadas cuestións como a creación dunha nova praza de Educador/a Social para coordinación de programas sociais e reforzamento da equipa de Servizos Sociais, a dotación do Punto de Atención á Infancia de servizo de comedor, a estabilización do persoal da Oficina de Turismo e de Técnico/a Forestal – que agardamos se faga na RPT pendente – e a aposta por programas activos de dinamización do sector agrario.

AGROMA SOBER

No Comments

Post A Comment