15 Ago Interior Galego Vivo insta aos alcaldes da Ribeira Sacra a facer unha fronte común para exixir que a Xunta actúe con présa na crise de excedentes da Ribeira Sacra
- Desde o mes de xaneiro IGV leva alertando da situación do sector e de que moitos viticultores poden ficar coa uva sen recoller e mesmo levamos iniciativas aos plenos de Chantada, Monforte e Sober. Porén, a Xunta leva máis de 8 meses perdidos sendo coñecedora da situación através do Consello Regulador.
- IGV segue reclamando axudas directas para as persoas produtoras sen as cales non existe a paisaxe que se quere converter en Patrimonio da Humanidade: hai que rescatar as persoas que manteñen a superficie amurada de viñedo. Igualmente, hai que limitar as novas plantacións mentres haxa excedentes e facer desde o Consello Regulador a zonificación precisa dos territorios que poden ampararse na DO.
- A xuntanza cos alcaldes por parte da DO, que excluíu a formacións políticas como a nosa, non trouxo calquera compromiso ou solución e só serviu para saír na imprensa.
No Interior Galego, 14 de agosto de 2024
Dende IGV acollemos con moita preocupación a situación que están vivendo as persoas viticulturas da Ribeira Sacra, xa que moitas adegas estanlles comunicando que non lles recollerán a uva, mentres medran os ruxe-ruxe de medidas desde a Xunta que pasan por subvencionar a distribución e as grandes adegas deixando os produtores sen unha normativa clara que garanta a recollida e o pago a prezos dignos.
Como sempre defendemos, a nosa principal aposta é que se recoñeza a singularidade do viñedo tradicional de ribeira, e que este tipo de cultivo estexa protexido e apoiado en maior medida, dada a fraxilidade do momento, cunha elevada media de idade das persoas produtoras e coa crise dos excedentes de viño tinto. Non hai futuro para a Denominación de Orixe e a Ribeira Sacra sen fixar poboación e sen paisaxe de ribeira cultivada de viñedo e, sobre todo, sen as xentes que a constrúen, non hai Patrimonio da Humanidade, só un parque temático con algún enclave turístico. Para evitar o abandono de terras e o despoboamento da zona, precisamos facer sustentábeis as actividades económicas, como a viticultura.
A crise actual é moi grave e vai durar varias campañas. Trátase de máis dun millón de quilos de uva que pode ficar sen recoller e de centeas de viticultores e hectáreas que poden desaparecer. Por iso, os alcaldes da zona deben tomar conciencia da dimensión do problema e presionar á Xunta para que se implique, xa que non fixeron o que deberían nos meses que seguiron á xuntanza do Consello Regulador, onde para alén das boas palabras non se adoptou calquera resolución efectiva.
MEDIDAS URXENTES PARA A CAMPAÑA 2024
Se ben no medio longo prazo debería ser coa PAC e desde a Xunta que se contribuíse con axudas directas a quen manteña superficie traballada en muras ou bancais, no inmediato é necesario que se pague aos viticultores por cada quilo de uva que se vai tirar (en función do rendemento por hectárea en vigor e en función do rexistro vitícola) co que se evitarían novos excedentes ao non entrar viño nas adegas. Deste xeito, garántese o rendemento das produtoras e produtoras e non se continúa metendo uva e xerando excedentes, xa que as medidas que supostamente vai lanzar a Consellaría de Medio Rural pasan por subvencionar a distribución, algo que só vai empiorar a situación nas próximas campañas ao tempo que favorecerá a especulación e a distorsión do mercado polo lado da oferta.
De por parte, IGV entende que deben tamén adoptarse con urxencia dúas medidas complementarias:
- Unha moratoria sobre novas plantacións até polo menos 2027, suspendendo a Xunta as axudas a reestruturación de viñedo e substituíndoas por axudas para enxertar en verde e mudar a castes máis comerciais na demanda actual.
- Unha zonificación rigorosa por parte do Consello regulador en función das parcelas catastradas e non de ámbitos parroquiais moi heteroxéneos, delimitando con claridade que parcelas poden producir uva dentro da DO Ribeira Sacra e incrementando os controis.
Estas medidas son fundamentais para pór coto a proliferación de viñedo en zonas onde nunca o houbo en canto fican abandonadas as parcelas que historicamente se destinaron a este cultivo desdebuxando o noso principal sinal de identidade. Deste xeito, a Xunta debe mover ficha para estabelecer incentivos para manter o tipo de cultivo tradicional en pendente, amurado, forma de aterrazamento e cultivo está dentro da Paisaxe Cultural BIC Ribeira Sacra e que se conformou na Alta Idade Media. Para iso, cómpren liñas de apoio directo ás e aos produtores deste tipo de parcelas, polo plus de traballo e custos que esixe manter a paisaxe, incentivando, ademais, a recuperación de viñedos históricos.
Por último, é fundamental aumentar as campañas de promoción, que deben incidir no local e no mercado galego e non ollar só para o exterior, e dispor dunha estación de vixilancia con avisos metereolóxicos e fitosanitarios.
MEDIDAS PARAS AS VINDEIRAS CAMPAÑAS
- Axudas directas a colleiteiras e colleiteiros por manteren a paisaxe e o territorio vivos nunha viticulturaintensiva en mao de obra e de moi baixo redentemento. Estas axudas deberían facerse coa PAC e desde a Xunta, mentres que os concellos deberían estabelecer taxas turísticas en todo o xeodestino Ribeira Sacra para a mellora das infraestruturas.
- A Consellaría de Medio Rural debe elaborar estudos de custe por subzonas da Ribeira Sacra para trasladar ao MAPA e dar cumprimento á Lei da cadea alimentar.
- Poda en verde e baixar rendementos.
- Destilación de crise solicitada ao MAPA e á Comisión en prazo, xa que este ano si se autorizaron para Chequia, Austria e Portugal con cargo ao orzamento da PAC.
- Mellora da promoción, tamén orientada ao mercado galego, buscando a singularidade da DO Ribeira Sacra que non pode ser só sinónimo de mencía.
- Estabelecer unha estación de vixilancia con avisos meteorolóxicos e fitosanitarios.
Finalmente, IGV quere subliñar que sen unha mobilización forte desde o sector e un compromiso firme desde os os gobernos locais para apoiar as demandas dos sindicatos e facer unha fronte común diante da Xunta, así como desde o Consellor Regulador para informar as persoas viticultoras e desenvolver medidas valentes vai ser irreversíbel o proceso de abandono macizo de hectáreas e viñedo na Ribeira Sacra comprometendo o elemento máis singular da DO e tamén a cerna da candidatura a Patrimonio da Humanidade. É tempo de altura de miras e audacia.
No Comments