IGV só ve parches e non soluciós na Ribeira Sacra

IGV só ve parches e non soluciós na Ribeira Sacra

O movemento cidadán Interior Galego Vivo foi quen primeiro advertiu da crise da Ribeira Sacra e tamén da ameaza da flavescencia dourada levando iniciativas aos plenos de Chantada, Monforte de Lemos e Sober. Amais, participamos das mobilizaciós convocadas polos principais sindicatos do sector (SLG e UUAA).

No entanto, até o de agora só vemos parches na Ribeira Sacra e non soluciós. Valoramos con incredulidade que o Consello Regulador comunicase que “consulta” os viticultores sobre a poda en verde cando aínda non explicou por que non a pediu na pasada campaña ou cando moitos non receberon calquera información e cando as cartas chegaron a moi poucos días para rematar o prazo en que se debe comunicar ao Ministerio desde a Xunta se se quer poda en verde en non. Novamente, o que se ve é que desde a Xunta actúase improvisando e sen calquera folla de rota para o sector, expondo a toda a DOP e, nomeadamente, os seus elos máis débiles.

O Consello Regulador, guiándose polos precedentes de Rioxa e Euskadi, fai unha estimación de 4000€/ha para quen destrúa toda a produción da parcela antes do pintor, sendo compatíbel coa axuda á paisaxe e permitindo aforro en tratamentos como “solución” para aquelas persoas que non podan vender a uva. Porén, a realidade é que, se temos en conta a superficie media dos viticultores (0.4 ha) da DOP moi poucos van poder chegar a 3000 euros entre as dúas axudas, en canto os que si que teñen grandes superficies van ver favorecido o acaparamento de terras (a DOP ten 2.500 hectáreas segundo o Consello Regulador). Evidentemente, para boa parte dos viticultores non van chegar nen migallas ao non poderen incluír a superficie de autoconsumo.

Patrimonio da Humanidade sen xente nen agricultura? Patrimonio do xabarín.

Como advertimos no seu momento, as tan cacarexadas “axudas á paisaxe” da Xunta son un globo que naceu pinchado e en vez de seren un contributo a un territorio que se pretende facer patrimonio da Humanidade non pasan de morfina para dar a estacada final á maioría de viticultores.

Por un lado, só con estas “axudas”  despois da desastrosa campaña do ano 24, a primeira dunha crise que se enxerga de longa duración, só se contribuirá a eliminar a pequena produción multiplicando o abandono; por outro lado, as pequenas adegas vanse ver prexudicadas tamén por volume e intensidade das axudas, reforzándose os grandes grupos da DOP e a medio prazo empobrecendo unha área vitícola onde a variedade era identidade e valor. É dicir, van cobrar os maiores importes as plantacións con superficies máis grandes, aínda que puideron vender a uva sen problema, e para quen dá a identidade á DOP as migallas. Non hai progresividade nas axudas e poderían darse de oficio cando se parte dos inscritos no Consello Regulador.

Tamén merece mención a exclusión de produtoras e adegas que non estexan na DOP tamén é contraditorio con “manter a paisaxe”, pois entendemos ilegal que a Xunta exclúa viticultores e adegas que producen fóra da DOP mais manteñen igualmente a paisaxe ao traballaren as parcelas no seu ámbito. É máis, a burocratización e politización das DOP ten feito que, por toda a parte, haxa cada vez máis persoas produtoras que non queiran estar en organismos que derivaron en xestorías dunha marca e non en selos de calidade e identidade ao servizo de todos os produtores do seu ámbito.

A Xunta e o Consello Regulador deberían ser igualmente francos e aclarar porque seguimos sen estudo de custes transparente e rigoroso na DOP. Saber con obxectividade o que vale producir un quilo de uva debería ser o ponto de partida de calquera diagnose realista. A Interprofesional do Viño estimou no seu día (2023) que en Ribeira Sacra están os custes máis elevandos do Estado cun mínimo de 1.20€ por quilo de uva fronte a media estatal de 0.48 euros. Esta colleita, quen tivo a “sorte” de vender uva raramente o fixo a un prezo superior ao prezo de custe e, portanto, lévase anos incumprindo a Lei da Cadela Alimentar con total impunidade, por iso a baixada de rendementos (de 9.500 a 7.500 kg/ha para as variedades tintas) vai ser para os pequenos produtores  un problema.

Desta arte, o PP na Xunta terá que explicar como se compite con Rioxa se a poda en verde se paga alí e en Euskadi a 4000€/ha e cando aínda, nas dúas CCAA puxeron millóns de euros de fondos proprios para pagar a aquelas persoas que non entraran na convocatoria do Ministerio (axudas de minimis). Rioxa e outras grandes DOP con moita implantación no mercado levan recebendo anos subvenciós de maior contía que as que agora comezará a receber Ribeira Sacra, cando lles custa a terceira parte producir un quilo de uva, cando a capitalización, poder de mercado e dimensión dos grupos empresariais está a anos luz da nosa DOP.

En síntese, non hai soluciós á vista e só moita propaganda, mais esquece a Xunta que o sol non se tapa cun dedo: en 2005 había 2906 persoas viticultoras e no 2022 xa só 2.217 (case 700 menos). Tamén 102 adegas que manteñen 205 empregos directos e outros 421 asociados ao trabalo na viña. E calculamos que non pasarán duns centos se a crise persiste durante anos, como todo indica que ocorrerá.

A hipocrisía do PP non pode ser maior: no nome duns hipotéticos empregos quere xustificar os 250 millós de euros de fundos europeus para Altri, mentres destrúe todos os anos milleiros de empregos reais no sector primario con especial incidencia nas comarcas do interior galego.

Tags:
No Comments

Post A Comment