IGV acada acordos nos concellos a prol de pensións dignas para o interior galego

IGV acada acordos nos concellos a prol de pensións dignas para o interior galego

O PP vota en contra da revalorización das pensións namentres pide nos Concellos que suban

IGV acada acordos nos concellos a prol de pensións dignas para o interior galego

No interior galego, a 23 de xaneiro de 2025.

Ente novembro de 2024 e xaneiro de 2025, os plenos de diferentes Concellos rurais das provincias de Lugo e Ourense aprobaron unha moción de Interior Galego Vivo relativa á necesidade de apostar pola dignidade das persoas pensionistas mediante os seguintes acordos:

1. Comprometerse dende os Concellos a que por lei, se estabeleza que a pensión mínima contributiva sexa igual ao salario mínimo interprofesional (SMI).

2. Manifestar a adhesión dos Concellos á campaña pola blindaxe das pensións na Constitución Española, mediante a prohibición expresa da privatización do Sistema Público de Pensións e da perda de poder adquisitivo das pensións, blindando as pensións como unha prestación social fundamental.

Asemade, tamén se acordou dar traslado ao Congreso e ao Senado do Reino de España dos acordos adoptados para que “lexislen e, por lei, se estabeleza que a pensión mínima sexa, cando menos, igual ao SMI, aplicando a tal efeito revalorizaciós anuais progresivas até 2030”. E que “con carácter inmediato, nengunha pensión contributiva no mundo rural fique por baixo dos 1000 euros”.

O texto aprobouse por unanimidade – con mínimas variantes – nos Concellos de Sober (novembro, 2024), Chantada (decembro, 2024), Vilardevós (decembro, 2024) e Laza (xaneiro, 2025). En Monforte, no pleno de 2024, pola contra, a moción foi rexeitada cos votos en contra do PSOE, namentres que o PP se abstivo.

Con estas mocións, Interior Galego Vivo quere por o foco nas pensións baixas, xa que as provincias de Lugo e Ourense “temos as persoas pensionistas máis pobres de todo o Estado”. En 2024, a media das pensións foi de 1.250,71 € mes a nível xeral, en canto na Galiza foi de 1.070,48 €, un 14,5% inferior. Isto agrávase nas provincias de Lugo e Ourense, que son as que contan coas pensións máis baixas de todo o Estado, algo especialmente dramático nas pensións de viuvez, por baixo de 700 €, o que non sucede en ningunha outra provincia.

Esta cuestión ten implicacións en toda a sociedade, pois, segundo o IGE, case nun terzo dos fogares galegos os únicos ingresos proceden de prestacións públicas, polo que o que o nivel de benestar e calidade de moitas familias depende dunha pensión. É máis, son varios os concellos da nosa contorna onde as prestacións públicas son o principal ingreso da poboación, por riba dos salarios, dado o envellecemento elevado e a emigración da mocidade. Segundo a Enquisa Estrutural a Fogares do IGE, nas provincias de Lugo e Ourense unha gran porcentaxe das rendas dos fogares proveñen de prestacións: o 37,69% e o 43,04% respectivamente. Deste xeito, mellorar a contía das pensións do interior galego non só beneficia á maioría da nosa poboación, perceptora das mesmas, senón que favorece ao conxunto da nosa economía dado o seu elevado peso no conxunto das rendas dos nosos concellos.

Así, as pensións dignas son un elemento central da protección social e un dereito gañado pola clase traballadora que é obxecto de cobiza polo sector privado. Por iso, o aumento da idade de xubilación e a expansión do negocio dos plans de pensións privados son unha constante na OCDE.

A precariedade das pensións é especialmente dramática nun contexto de carestía xeral da alimentación, da enerxía e da vivenda após a pandemía da COVID-19 e hai unha fenda clara de xénero e tamén territorial, sendo as persoas que traballaron a terra e mantiveron o territorio e a paisaxe as máis damnificadas.

A xustificación desta moción nos nosos concellos vén dada pola realidade precaria das persoas maires da osa contorna. De feito, o último informe da Rede Europea contra a Pobreza en España para o ano 2024 constata que as pensionistas galegas son as que sofren maior risco de pobreza: o 48,4% están por baixo do limiar da pobreza, encabezando esta clasificación a nível estatal. Así mesmo, entre a poboación de máis de 65 anos hai unha tendencia de aumento da taxa de risco de pobreza e exclusión social nos últimos anos e constátase que nas zonas rurais os niveis de desigualdade e pobreza son máis elevados ca nas áreas urbanas.

As persoas pensionistas das nosas comarcas meréceno, despois dunha vida de duro traballo, e que, mesmo nesta etapa da vida, continúan apoiando e contribuíndo á renda familiar.

Dende IGV agradecemos ás e aos concelleiros dos diferentes partidos que nos nosos municipios apoiaron a aposta pola dignidade das pensións, buscando o ben común, cando, por desgraza, isto non é o habitual no panorama político actual, cando deberían importar máis os problemas reais da cidadanía e menos os intereses da banca de das multinacionais.

Así pois, destacamos tamén , a hipocrisía dos grandes partidos, que votan en cada sitio segundo lles conveña aos seus intereses e non pensando no benestar da maioría social. Deste xeito, no Congreso o PP e outros partidos veñen de votar en contra do Decreto que contiña a suba das pensións sen explicar con que aspectos dese Decreto están en desacordo, simplemente para inflinxir unha derrota ao goberno, a pesares de que esa derrota vaia no lombo das persoas máis desfavorecidas. Por outra parte, non nos explicamos como o PSOE de Monforte vota en contra desta moción, cando a apoiou no resto dos Concellos, a non ser que ao equipo de Goberno de José Tomé non lles interesa que saia en Monforte unha iniciativa que parte da oposición e dos movementos sociais.

IGV, xaneiro 2025

Tags:
No Comments

Post A Comment