19 Dec “Nun rural sen servizos non se pode vivir” Entrevista a Antom Fente Parada
“”No interior galego estamos asistindo a unha batalla completamente asimétrica entre un capitalismo sen bridas e unhas comunidades locais que precisan axuda, tamén académica, para denunciar a xeografía da desposesión. A maior reinvindicación que podemos facer os indíxenas (das reservas de biosfera e demais marcas territoriais que buscan a mercantilización e non a protección) é retomar o lema da Xeración Nós: Terra a nosa!”
” Avanzando xa moitos concellos a relacións de habitantes por superficie próximas do deserto demográfico mentres o país, historicamente produtor de alimentos, se converte en deficitario e as AAPP promoven a perda de SAU para favorecer o extractivismo das grandes corporacións e o monocultivo.”
Chantada, 19 de decembro de 2022.
Con motivo dunha petición de entrevista que nos realiza a USC para falar sobre a Galicia despoboada nunha reportaxe, compartimos entrevista ao voceiro de Por Chantada e membro da Coordinadora de Interior Galego Vivo, Antom Fente Parada.
1. Cal é a maior problemática, ou cales son os maiores problemas, que supón agora o despoboamento rural en Galicia? e porque?
Facemos unha diagnose dalgúns deles nunha moción sobre fiscalidade rural e demotanasia que apresentamos en Chantada. A falta dunha fiscalidade rural e evidente para que corrixa discriminacións históricas, free o avance cara ao deserto demográfico no interior galego favorecida polas AAPP para impulsar o acaparamento de terras, perda de SAU e de biodiversidade produtiva, disneyficación do espazo (“comer turismo”), falta de dinamismo na sociedade civil e de “incentivos” nos partidos sistémicos para defenderen o territorio… en definitiva, o que David Harvey denomina como ciclos de “acumulación por desposesión” na secuencia da “destrución criativa” de Joseph Shumpeter.
No interior galego estamos asistindo a unha batalla completamente asimétrica entre un capitalismo sen bridas e unhas comunidades locais que precisan axuda, tamén académica, para denunciar a xeografía da desposesión. A maior reinvindicación que podemos facer os indíxenas (das reservas de biosfera e demais marcas territoriais que buscan a mercantilización e non a protección) é retomar o lema da Xeración Nós: Terra a nosa!
2. Estáselle dándo o suficiente protagonismo a esta problemática, ou e algo que non preocupa?
A Iberia baleirada ten producido unha crecente bibliografía e un crecente impacto no discurso que posibilitou nalgúns lugares, após décadas de traballo, a eclosión de movementos políticos que, no mínimo, situaron por riba da mesa os problemas de territorios rurais (Soria Ya, Teruel Existe e outros). No entanto, como en moitas outras desigualdades, a realidade é que estas continúan acrecentándose porque son consubstanciais á estrutura económica e ao sistema-mundo. Cabe destacar tamén que o interior galego seguiu perdendo poboación desde a década de 90, cando noutras áreas rurais (-10.000 habitantes) aconteceu o contrario polo saldo migratorio (Mediterráneo, Andalucía…).
Lugo, Zamora e Ourense apresentan dados brutais e, por comarcas, o interior de Pontevedra (Tabeirós – Terra de Montes), todo Ourense agás a cidade, todo Lugo agás a Mariña e a cidade, e as áreas limítrofes da Cruña apresentan comportamentos especialmente preocupantes avanzando xa moitos concellos a relacións de habitantes por superficie próximas do deserto demográfico mentres o país, historicamente produtor de alimentos, se converte en deficitario e as AAPP promoven a perda de SAU para favorecer o extractivismo das grandes corporacións e o monocultivo. As porcentaxes de SAU son máis próximas da Laponia ca do resto de Europa, mais a produtividade e posibilidades da terra son radicalmente diferentes. Entón, liquidamos a soberanía enerxética e alimentar conxuntamente mentres os teitos das cidades seguen espidos, algo que tamén denunciou recentemente na perifería de Macedonia Occidental Yanis Varoufakis.
Engádase ao anterior, que estamos asistindo agora a unha nova transformación que ten dous polos princiapis: dunha banda, disfrazado de verde (greenwashing), un forte proceso de acumulación de capital de carácter especulativo, através do acaparamento de terras para proxectos extractivos (parques eólicos, sumideiros de carbono, polígonos agrarios…),, que van transformar a estrutura de propriedade histórica do país e favorecen o baleirado do rural; doutra banda, a criazón de marcas territoriais que favorecen unha estratexia de mercantilización dos espazos e do patrimonio totalmente descontextualizada e de costas ás poboacións locais (Reserva de biosfera Ribeira Sacra, Iribio e Courel como paradigma), cando non contra elas do ponto de vista normativo e tendo en conta a dificuldade para o acceso ás supostas axudas da verdadeira poboación rural. Feitas as contas os desposuídos e as clases populares subvencionan os fundos de investimento americanos e holandeses, o oligopolio eléctrico e os neorrurais politicamente ben relacionados co crónico clientelismo caciquil. A Galiza interior ten que deixar de ser un cacicato e recuperar a autoestima e a cohesión social e territorial. Sen igualdade, sen isegoría e isonomía, non hai mañá digno.
3. Estase aplicando algunha medida na actualidade que solucione algún aspecto da situación, ou o único que existe son medidas menores que non axudan realmente de ningunha maneira ao despoboamento?
Véndese á sociedade que despregan figuras de protección (BIC Ribeira Sacra, Rede Natura…) que buscan captar fundos europeus que rematan por alimentar os procesos depredadores do territorio. Benefíciase e prímase a atracción de capital (os fondos de investimento mercan terras por todo o mundo na actualidade adiantando o mundo que vén, onde a terra produtiva e a auga doce van ter un valor moito máis importante ca na era do petróleo barato) por riba do consenso ou a codecisión das comunidades locais. Degrádanse os servizos públicos ou elimínanse. Fálase moito do “rural” (“a lexislatura do rural”, “volve ao rural”, “ruralízate”…) desde as institucións, mais sen o rural ou sen todo aquel rural que non forma parte dunhas estruturas clientelares e dunhas redes de poder cronificadas, que só agudizan a doenza practicamente terminal que padecen múltiplas comarcas do país se non se aplican medidas de discriminación positivas e posibilidades de futuro reais.
4. A corto prazo existe algunha que poida mellorar e situación que non se estea implementando?
Moitas propostas recollémolas no Programa de Antas e van xurdindo das nosas mesas de traballo.
Precisamos o deseño e implementación dunha fiscalidade rural, con tipos impositivos específicos e medidas inventivadoras.
Reforma do financiamento local, atendendo aos custes reais dos servizos, á dispersión e á superficie e non unicamente á poboación.
Servizos públicos robustos, políticas integrais de conciliación, oferta cultural e lecer, oferta formativa adaptada á estrutura económica, canon enerxético onde o 25% dos beneficios como mínimo fique no territorio….
5. Que activades desempeñades como asociación para solucionar esta problemática?
Podemos pór como exemplo a constitución desde a sociedade civil da Federación de asociacións da Ribeira Sacra que visa participar do GDR e dos organismos reitores da Reserva de biosfera, etc. No entanto, as AAPP non dan resposta ás demandas formuladas, porque teñen medo dunha participación real da sociedade civil e crean un “consello de parroquias” sen competencias no marco da candidatura a Patrimonio da Humanidade onde só están alcaldes e afíns.
Dar voz e nomear os problemas, organizarse e presionar ás institucións é sempre un primeiro paso imprescindíbel e nesas estamos. O interior galego e o rural deben dar voz ás súas problemáticas e propor alternativas e medidas fronte os problemas que arrastramos ao longo de décadas e que se agudizaron desde a década de 2000 e, concretamente, desde 2008 que comeza un novo ciclo acelerado de devalo poboacional nun rural xa moi envellecido e sen crecemento natural por esta causa.
6. Cal credes que é prinicipal medida que se debe introducir para frear o despoboamento rural cara ó futuro?
Nun rural sen servizos non se pode viver. E servizos non é só ter Internet. O pediatra, a atención primaria, cohousing e non macroresidencias, oportunidades formativas, axudas a lanzar proxectos de produción agraria e transformación como obradoiros partillados… non hai unha medida principal mais unha batería de medidas que deben coordinarse e que si que teñen un fío ou necesidade común: unha fiscalidade propria que incentive ficar e resistir no rural, ao menos por encanto só se pode resistir; e unha ordenación do territorio que sexa diferente á que despregou o PP na Xunta durante as última décadas, a saber, o baleirado do territorio favorecido por acción e omisión para entregar a terra a un turismo sen planificación nen orientación adaptada aos territorios e ás grandes corporacións que desexan terra fértil e auga. Talvez a mellor metáfora sexa a visión do monte como algo monofuncional que hai que “limpar” para pór a “producir” (mococultivo de pirofitas e pouco máis). Recuperar a multifuncionalidade do monte, favorecer a biodiversidade e o extensivo no marco dunha ordenación ao servizo das comunidades e non do capital transnacional é fundamental para construír futuro digno no rural. O contrario é dilapidar fundos en aldeas-modelo que son máis un decorado no que tirar fundos europeus sen resultados e, en todo caso, illas no deserto (demográfico).
7. Que consecuencias futuras pode ter, este continuo aumento do éxodo rural cara as zonas costeiras?
O éxodo rural é un fenómeno máis complexo. Comeza nos 50 con forza cara aos destinos europeus e o Mediterráneo. Tamén cara ás cidades galegas e as capitais de provincia. Nos noventa as grandes vilas fagocitan as súas comarcas. Hoxe o éxodo ten o nome da mocidade que se forma porque non hai oportunidades laborais no seu medio, na era en que se vende teletraballo, etc. Hai que reorientar o modelo produtivo. Un turismo de precariado, con baixos salarios e produtividade, pode atraer a mao de obra foránea mais non vai facer ficar a mocidade formada que pode inciar proxectos de futuro no territorio. Por iso hai que falar de ordenacións e políticas complexas que son unha entelequia na política de chíos en redes sociais e espectáculo: a privatización da política que a reduce a mercadotecnia eleitoral e que a afasta da resolución dos verdeiros problemas das persoas.
8. Conta o rural galego cun apoio util das institucións autonómica, nacional e europea?
O rural galego leva recebido moitos fundos. Tamén leva xerado moitos recursos que se capitalizan fóra e só deixan as “externalidades” no mundo rural. Desde os encoros do franquismo aos macroparques eólicos da actualidade. Se algo explica as dinámicas mundiais centro-periferia ao longo do mundo, a secuencia Norte-Sul mais tamén entre territorios, é a troca desigual, é dicir, hai unhas relacións de poder no sistema de relacións económicas, sociais e políticas que fan que haxa territorios e poboacións que ao longo do tempo son desposuídas porque entregan moito máis do que receben.
No caso do interior galego, o produto capitalizouse fundamentalmente fóra ou xerou débedas para unha modernización continua (a eterna reconversión do lácteo en intensivo) e os investimentos (fundos UE especialmentte) perdéronse nunha trama clientelar de longa data en proxectos faraónicos ou inútiles e non en dinamismo e diversidade produtiva. Iso aínda continúa hoxe e hai debates que simbolizan ben isto: o AVE ocupou a axenda política décadas cando as cabeceiras comarcais do país viven totalmente de costas entre si. Se vertebras o territorio pensando só no eixo da AP-9 concentrarás poboacións e produción nese eixo.
9. Que pode supoñer que o envellecemento continúe crecendo e que se lle dean as costas a este problema?
Como xa expuxemos o avance do deserto demográfico que, porén, producirá tamén tensións entre as envellecidas comunidades e os novos neorurais. As densidades demográficas alarmantemente baixas do futuro e o contexto de xestión ultraliberal retroalimentan a liquidación de servizos e oportunidades. Só queda teimar no optimismo da vontade gramsciano fronte ao pesismo da razón dos nosos violentos anos vinte: organización, traballo e acreditar que se hai futuro está no rural. Como dicía Celso Emilio:
A xeito de S.O.S.
falo na madrugada:
Pechái tódalas portas
e que xa ninguén saia.
Sin a seiva nutricia
esmorecen as gallas.
Arbre antigo, Galicia,
fendérono as machadas.
Unha ponla no mundo,
outra ponla na casa.
A ponla de alén mar
é soio unha metáfora.
O povo quere terra
coma Anteo na fábula.
A terra quere povo
para ser fecundada.
Nunca virá de fora
remedio ou esperanza.
Si o noso pobo morre
quedámonos sin patria,
pois patria e pobo son
o mesmo en dúas palabras.
Pechái tódalas portas
e que xa ninguén saia.Saúde e Terra.
No Comments