INTERIOR GALEGO VIVO demanda ao Goberno reducións nas cotizacións empresariais en Lugo, Ourense e Zamora

INTERIOR GALEGO VIVO demanda ao Goberno reducións nas cotizacións empresariais en Lugo, Ourense e Zamora

Lugo, Ourense e Zamora figuran unha e outra vez á cabeza nos piores indicadores, cun índice de avellentamento extremo que lidera as cifras a nível europeu e padecendo unha fortísima demotanasia froito de décadas de caciquismo e afondamento da súa condición periférica.

13/10/2022

Interior Galego Vivo leva demandando en diferentes ocasións unha fiscalidade rural que debe concretizarse en planificacións e coordinacións transversais das diferentes administracións públicas partindo do direito europeu e do principio constitucional de igualdade, pois non pode existir igualdade e equilibrio territorial nun territorio sen servizos nen mocidade.

O Goberno do Estado vén de anunciar tamén beneficios fiscais que se aplicarán ás tres provincias de menor densidade de poboación (Terual, Soria e Cuenca) e que foron incluídas pola Comisión Europea no novo mapa de Axudas á Finalidade Rexional. As novas axudas actívanse xa conforme a disposición adicional 123 dos Orzamentos de 2022 e suporán reducir as cotizacións empresariais nos contratos indefinidos nun 5% nos contratos existentes no ámbito provincial, dun 15% nos novos contratos e dun 20% nos novos contratos en concellos de até 1000 habitantes (se a sede social e fiscal está nese concello).

Celebramos esta vitoria do rural, que non se entendería sen o traballo parlamentario de Teruel Existe, que fixou a activación destas axudas como conditio sine qua non para apoiar os próximos Orzamentos Xerais do Estado, se ben fica aínda moito por facer para termos unha fiscalidade rural de noso.No entanto, a situación de Zamora, Ourense e Lugo non é mellor e entendemos deberían acollerse a estes beneficios fiscais de igual xeito, xa que aínda tendo unha maior densidade de poboación o envellecemento e a dispersión sitúannos igualmente un escenario de recursos e dinamismo económico reducido e nunha proxección de deserto demográfico. En consecuencia, Ourense, Zamora e Lugo encóntranse no mesmo artigo 174 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea polo que non atopamos xustificación para que se aplique nuns territorios e noutros non.

Ao tempo, Interior Galego Vivo reclama que se abandone o indicativo de investimento por habitante co que se realizan as valoracións dos Orzamentos Xerais do Estado como fundamento único, xa que é moi lesivo para o interior galego. Demandamos, pola contra, o emprego do estándar de investimento por superficie, que deixa ben en claro a marxinación dos territorios rurais do interior. Os indicativos do PIB; a renda ou o investimento por habitantes non son bons indicadores para medir o desenvolvemento dun territorio, pois o que cómpre é valorar o custe real dos servizos para planificar o seu financiamento en base á dispersión e o índice de avellentamento se verdadeiramente se acredita na igualdade e na cohesión territorial.

Axudas europeas de finalidade rexional

A Comisión europea expón os condicionamentos das axudas de finalidade rexional compatíbeis co mercado interior no artigo 107, apartado 3, letras a) e c) do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (zonas «a» e «c», respeitivamente). Trátase de territorios ultraperiféricos, territorios cuxo PIB per capita é inferior ou igual ao 75% das media da UE e zocas escamente poboadas.

O Estado nomeou como tales a Canarias e Baleares pola súa insularidade (zona a con intensidade máxima das axudas a grandes empresas de 50%) e Cuenca ao ser zona pouco poboada con menos de 12.5 habitantes por km2 (intensidade máxima das axudas a grandes empresas de 30%). Para Teruel e Soria (artigo 107, apartado 3, letra c) do TFUE) unha intensidade máxima das axudas de 20% por seren zonas escasamente poboadas.

Interior Galego vivo demándalle ao Goberno central o recoñecemento de Zamora, Ourense e Lugo como territorios ultraperiféricos e subvencionábeis en virtude do seu índice de envellecemento, as proxeccións demográficas e a elevadísima dispersión que encarece a prestación de servizos públicos esenciais e reduce a igualdade de oportunidades. O PIB per cápita na maioría dos concellos tamén é inferior a 75 % da media da UE e concéntranse no sur de Lugo e en Ourense a meirande parte dos concellos con maiores índices de pobreza. Amais, a Galiza xa está designada como zona denominada «c» para os fundos europeus (intensidade máxima 15%), mais o tratamento homoxéneo oculta a situación dramática de Lugo e Ourense. En Castela e León a intensidade varía do 15% ao 25% en Salamanca e en Zamora fronte ao resto da comunidade, tratamento que non se aplica no caso galego para Lugo e Ourense, pola elevada perda de poboación.

Amais, a intensidade máxima das axudas pode incrementarse 10% para os investimentos realizados por empresas medianas e 20% para pequenas empresas para investimentos iniciais con sustes subvencionábeis de até 50 millóns de euros.

Asemade, Interior Galego Vivo exíxelle á Xunta que o incremento do financiamento autonómico, que recollen os vindeiros Orzamentos Xerais do Estado, se traduza nun reforzo dos apoios ao sector primario e nunha mellora da atención primaria e da oferta educativa, adaptada á nosa estrutura económica, rehabilitación de vivenda no rural para uso social, reforzo dos Centros de Desenvolvemento Rural, impulso á conciliación e unha política forestal asociada a unha ordenación do territorio racional e que favoreza a fixación da mocidade apoiando os seus proxectos de vida.

Finalmente, cabe perguntarse se as comarcas do interior galego poden continuar permitíndose o luxo de non disporen de voz nas institucións, xa que os deputados galegos e as deputadas galegas actuais non demandaron algo tan elemental e de xustiza como as reducións nas cotizacións empresariais que si conseguiron Teruel Existe e Soria Ya! na secuencia das negociacións dos Orzamentos Xerais do Estado. Tampouco ouvimos voces galegas na Eurocámara pedindo unha fiscalidade rural e políticas agrícolas que garantan a fixación de poboación e o equilibrio territorial.

#avozdorural

#atúavoz

#interiorgalegovivo

Tags:
No Comments

Post A Comment