Galiñazo no rural?

Galiñazo no rural?

Galiñazo no rural: mesmo para mercar as pitas ou polos para autoconsumo haberá que dar de alta unha explotacións

Dende Interior Galego Vivo consideramos que vai na liña contraria de fomentar o autoconsumo e pode xerar abandono da cría de aves por parte de xente maior que asi obtiña unha alimentación barata de calidade

Nun primeiro momento non será preciso rexistrar altas e baixas de animais como se fai noutras explotacións gandeiras, mais os/as técnicos/as da administración deixan a porta aberta a que poida ser preciso no futuro, o cal entendemos que a calquera persoa que coñeza minimamente o manexo da cría de aves lle parecerá un absurdo.

A partir do 1 de xaneiro de 2023 todas as persoas que teñan galiñas ou pitos de engorde aínda que sexa para autoconsumo, segundo establece o Real Decreto 637/2021, de 27 de xullo, polo que se establecen as normas básicas de ordenación das granxas avícolas, deberán ter dada de alta unha explotación para poder mercar animais. De feito, a día de hoxe os establecementos de venda xa están solicitando nome e DNI das persoas que mercan aves. Dito decreto regula tanto as grandes explotacións como aquelas de menos animais, destinadas ao atoconsumo, tamén establece as medidas de deseño e situación do galiñeiro, actuacións en caso de enfermidades e a necesidade de identificación de veterinaria de referencia ante a aparición de problemas sanitarios, medidas de limpeza, etc.

Dende Interior Galego Vivo consideramos que esta medida afondará no abandono prematuro da actividade agrogandeira de autoconsumo, xa que moitas das persoas que habitan no rural galego optarán por deixar de criar aves ante o feito de ter que facer trámites administrativos de rexistro de explotación, coas dificultades engadidas da fenda dixital para o emprego da administración electrónica, que abeiran xa en moitos casos o maltrato dixital por parte das administracións públicas a unha parte importante dos contribuíntes. Nun primeiro momento non será preciso rexistrar altas e baixas de animais como se fai noutras explotacións gandeiras, mais os/as técnicos/as da administración deixan a porta aberta a que poida ser preciso no futuro, o cal entendemos que a calquera persoa que coñeza minimamente o manexo da cría de aves lle parecerá un absurdo.

Unha vez máis, verémonos afectados/as por normas feitas dende unha visión urbanocéntrica que, a pesares de cumprir con todas as consideracións técnicas, manifestan un total descoñecemento da realidade e os modos de vida das persoas que habitan a maior parte do territorio do país.

Esta é unha mostra máis da incomprensión dos modos de vida do rural, de afondar nunha burocracia absurda en prol da loita contra as posibles zoonoses e a seguridade alimentaria, e unha medida de tantas que son totalmente contraproducentes para a loita contra o despoboamento das aldeas. Pola contra, cremos que se debería apoiar o consumo de proximidade, o autoconsumo e a soberanía alimentaria para o futuro do medio rural e mesmo do planeta. Así como apostar pola simplificación dos trámites administrativos para o emprendemento e para o mantemento do entorno, que non podemos esquecer que, aínda que sexa coas dificultades provocadas polo despoboamento, mantemos a paisaxe e o patrimonio material e inmaterial grazas ás persoas que continúan habitando as aldeas.

Tamén nos consta que a información que se está a facilitar nas oficinas agrarias comarcais de Galicia está sendo contraditoria, polo que consideramos que a Consellaría de Medio Rural de levar a cabo este absurdo debería facilitar os trámites a todas as persoas afectadas.

No Comments

Post A Comment