25 Feb Caurel Vivo insta a recoñecer os Concellos de Montaña na Lei de Administración Local
A Xunta de Galicia vén de presentar o anteproxecto da nova Lei de Administración Local de Galicia, na que, entre outras cousas, se renuncia ao desenvolvemento das comarcas: o anteproxecto fala de eliminar a entidade administrativa das comarcas e pasar a depender para todo da provincial.
O que fai décadas xa se fixo co recoñecemento administrativo das parroquias, agora faise coas comarcas, deixándoas unicamente como división xeográfica.
Desde Caurel Vivo cremos que iso nos levará a distanciar máis os servizos da xente, supoñendo unha perda de servizos que se prestan con ámbito comarcal ou de proximidade (oficinas agrarias, dispositivos de emerxencias, coordinación de incendios, atención social de proximidade…). A desaparición do encaixe comarcal como referencia pode dificultar a planificación e a atención de proximidade.
Por outro lado, desde Caurel Vivo vemos positivo que a futura lei teña en conta factores como o reto demográfico, a dispersión da poboación e o envellecemento. Pero sen incorporar o factor montaña estes criterios non recollen os sobrecustos reais de accesibilidade e prestación.
Así, o anteproxecto resulta insuficiente ó non recoñecer de maneira expresa a realidade específica dos concellos de montaña, tal como o recollen outras comunidades autónomas, priorizando as inversións en concellos como o noso.
No 2024 xa solicitabamos esa mesma lei e vemos que agora que aínda está en
redacción e exposición publica, é o momento de alegar.
Non é o mesmo un concello pequeno ou disperso situado na contorna dunha cidade, con acceso próximo a servizos públicos, emprego e infraestruturas, que un concello de montaña afastado, a máis dunha hora de centros hospitalarios, administrativos ou económicos. A aplicación de criterios uniformes a realidades tan distintas non garante igualdade, senón que perpetúa desigualdades estruturais.
Os concellos de montaña necesitamos máis financiamento para a prestación de servizos públicos, dificultades de acceso, poboación moi dispersa e orografía onde as obras custan máis diñeiro facelas.
Ademais, son territorios clave desde o punto de vista ambiental, forestal e paisaxístico, e contan cun potencial específico ligado ao turismo de montaña e ao desenvolvemento económico sostible.
Por todo isto, resulta necesario que a futura Lei de Administración Local de Galicia recoñeza esta singularidade e estableza medidas concretas adaptadas a estes territorios.
No Comments