04 Set “Até eiquí chegamos”. Isto non vai só de uvas, xogámonos o futuro do territorio
- Interior Galego Vivo apoia a mobilización unitaria dos sindicatos SLG e UUAA o vindeiro día 6 de setembro ás 12 horas diante do Consello Regulador Ribeira Sacra en coherencia co traballo desenvolvido ao longo demeses.
- Rioxa pagou 4000 euros por hectárea para poda en verde cando alí costa dez veces menos producir un quilo de uva. As medidas da Xunta, para alén de serodias, son totalmente insuficientes e abandonan os pequenos produtores que esculpen o territorio e manteñen vivas as nosas parroquias.
No interior galego a 3 de setembro de 2024.
Interior Galego Vivo (IGV)apoia a mobilización unitaria dos sindicatos SLG e UUAA o vindeiro día 6 de setembro ás 12 horas diante do Consello Regulador en coherencia co traballo desenvolvido ao longo demeses propondo alternativas e demandando medidas da Xunta que chegan tarde e son insuficientes, para alén de «atrás de maio vén San Xoán. Non podemos pensar só na colleita do 2024, senón que vai pasar como mínimo de eiquí até o 2030», aseveran desde IGV.
«Isto non vai só de uvas, xogámonos o futuro do territorio», afirma Antom Fente, «gandeiros que traballan a perdas e sofren o mosquito, viticultoras que non saben que facer coa uva e co traballo de todo un ano, mocidade formada sen oportunidades eiquí, falta de médicos e profesores, aldeas sen servizos básicos… isto vai de extinguirnos ou sobrevivir como sociedade e territorio, vai do mañá e do futuro que imos deixar. Por iso, facemos un chamamento a toda a cidadanía dos concellos da Ribeira Sacra para que se mobilizan e berren “até eiquí chegamos”». O coordinadora xeral de IGV engade: «Ninguén nos vai regalar nada se non loitamos polo que nos corresponde. Non queremos ser máis, pero tampouco menos que calquera outro territorio, nen renunciar a ter unha economía diversificada e parroquias vivas, pois o futuro non pode pasar por comer só turismo».
«Pouco importa falarmos de “patrimonio da humanidade” pola mañá se pola tarde seguimos baleirando o territorio de palabra, obra e omisión para sermos “patrimonio do xabarín”», sentencian desde o movemento cidadán do interior galego. A Xunta favorece o acaparamento de terras por capital foráneo e a liña de axudas dun máximo de 2000 euros por hectáreas impide que os pequenos viticultores poidan seguir producindo, mentres subvenciona os grandes para que manteñan a rendibilidade e se fagan con toda a DO. Trátase daquela duna medida tam ixusta canto insuficiente e que xa ía saír de todas formas ligada á “paisaxe”, ao igual que a destilación de crise chega moi tarde, sen garantías de que se acollan a ela as grandes adegas ou de que se recolla a uva das persoas viticultoras. Niste sentido se en Euskadi niste 2024 se pagou a destilación a 1.10 euros, complementando os fundos europeus con fundos da comunidade foral, «a Xunta debera ter feito un estudo de custes rigoroso para Ribeira Sacra que permitise complementar con achegas proprias o queimado da uva e ter feito valer a Lei da Cadea Alimentar».
Resulta indignante comprobar que «mentres todo isto acontece nas nosas comarcas, a conselleira de Medio Rural prefire andar cos alcaldes do PP de verbena en verbena», en alusión á autonomeación de dona do Mencía un remedo extemporáneo dos Cabaleiros do albariño no marco da Festa da vendima do Saviñao. «Lamentamos a pasividade dos alcaldes dos concellos máis afectados, que andan máis ocupados en facerse fotos e subirse a palcos ca en encabezar as demandas que permitan manter a viticultura heroica tal e como a coñecemos», lamenta Fente.
Cómpre recordar que na Rioxa o MAPA financiou con máis de 14 millóns a poda en verde en 3604 hectáreas e o goberno financiou nunha segunda quenda 1243 hectáreas con 4.345.725 euros, é dicir case 4000 euros por hectárea nun territorio onde producir un quilo de uva vale dez veces menos ca na Ribeira Sacra. O goberno rioxano tamén pagou a queima de viños (destilación de crise) con 15.8 millóns de euros. É dicir canto interesa pódense adoptar decisións políticas e aparecen cartos, aínda que a Xunta nen foi capaz de facer un estudo de custes serio para que se cumplise a Lei de Cadea Alimentar porque non lle interesan os colleiteiros e colleiteiras.
Na Ribeira Sacra deixáronse pasar meses cando xa se sabía, desde finais do 2023 polo menos, cal era a situación por moito que o Consello regulador restase importancia aos excedentes e por moito que continúe sen aprobar unha moratoria a novas plantacións até delimitar as parcelas que son susceptíbeis de entraren na DO, un traballo pendente desde a súa criazón e que só beneficia movementos especulativos. «Non entendemos que unha DO, que cando quere remarca o seu carácter técnico, non desenvolvese tarefas tan básicas, para logo ter que ouvir declaracións ideolóxicas do seu presidente como que o mercado vai ser a solución para logo recoñecer que hai excedente e rematar por dicir que hai que resetear a Ribeira Sacra. Talvez non se escoitase o suficiente a todo o sector e sobretodo a súa base: non hai identidade sen a diversidade produtiva e os saberes que este abano de produtores achega».
Canto ao goberno vasco, financiou as perdas pola baixada de rendemento de 10% na tinta, aprobada polo Consello Regulador de Rioxa, pagando máis a aquelas explotacións con menos hectáreas e destinando 5.6 millóns de euros. Tanto Euskadi como a Rioxa non agardaron a que se estivesen xa vendimando as primeiras uvas e mantiveron un diálogo co sector que no caso galego foi inexistente ao carecer dunha mesa onde dar voz a todas as produtoras na procura de solucións. Na Consellaría de Medio Rural e na Xunta aproban en propaganda, mais suspenden en gobernar que é para o que cobran.
No Comments