04 Nov Orzamentos da Xunta para 2024: 15 anos perdidos no interior galego e un territorio en poxa para o espolio e o acaparamento
ANÁLISE
A situación demográfica, social e económica nas nosas comarcas é tan dramática que urxe unha mudanza de goberno na Xunta no 2024 se queremos dotar minimamente de futuro os nosos territorios.
O proxecto para o interior galego do PP nos últimos 15 anos de gobernos ininterrompidos é o baleirado demográfico e a entrega da Terra e dos recursos a fundos de investimentos e grandes empresas, a maioría de capital estranxeiro e sen deixar nada no territorio máis ca espolio e abandono.
A Xunta do PP abonda nas vantaxes fiscais, que benefician sobre todo ás grandes fortunas, e non presenta unha fiscalidade propia para o rural interior, que permitiría equilibrar o territorio.
No interior galego, 3 de novembro de 2023.
Os orzamentos da Xunta para a anualidade 2024, a pesar de ser ano eleitoral, volven esquecer o interior galego e, nomeadamente. as comarcas de Lugo e Ourense. Ano após ano, a demotanasia, é dicir, a perda inducida de poboación e dinamismo económico das nosas parroquias vese alimentada por políticas pouco axeitadas para o territorio e por un crónico déficit de investimento e aposta polo medio rural.
Sen irmos máis lonxe, para o denominado pola Xunta como eixo para “Impulsar a cohesión territorial e a ordenación urbanística do territorio galego respectando a paisaxe da Galiza e potenciando os valores naturais da mesma. Vertebración dixital e mellora da conectividade do territorio. Fomentar a accesibilidade do solo industrial” adícanse case 69,5 millóns de euros, o cal é só un 1,7% do total orzamentar e con capítulos moi variados, como estudos, cartografía ou fomento de solo empresarial, así como actuacións sobre a calidade das augas, ámbitos tan diversos e dispares que son insuficientes os fondos, tendo en conta as necesidades e que, no seu conxunto, non van mellorar en absoluto a cohesión territorial.
No eixo de Educación non se inclúe un Plan de Ensino adaptado ao interior rural e só se menciona vagamente o rural nun punto, alén de que a Xunta está á cola do Estado en investimento educativo a pesar da propaganda recorrente nos principais medios de comunicación.
Na Sanidade o naufraxio da atención primaria continúa, como a insistencia en degradar hospitais como os de Monforte, O Barco ou Verín. Os investimentos reais en equipamentos hospitalares con fundos proprios apenas reprensentan 150.000 euros para Lugo e outro tanto en Ourense.
A atención primaria vai receber para equipamento 181.500 euros (fundos estatais) en Lugo e 178.599 euros en Ourense ao tempo que hai unha carencia xeralizada de facultativos e unha xestión lamentábel do persoal. A maioría distes fundos son para obras en centros de saúde que xa terían que estar feitos, como o de Antas de Ulla, licitado en 2021.
A maiores, o Hospital de Monforte vai receber un millón de euros, mentres continúa sen especialistas e cunha temporalidade e precariedade que espantan o persoal sanitario e o tensionan até o límite. O de Valdeorras 436.646 euros e o de Verín 980.673 euros. A casa comézase polo tellado.
En Turismo, a Xunta recoñece unha caída do turismo rural nas provincias de Lugo e Ourense, que contrasta co constante triunfalismo da publicidade institucional e a ausencia de autocrítica, á par que sinala un aumento xeral do turismo en estabelecementos extrahoteleiros. Por outra palabras, a Xunta coa falta de regulación e políticas reais de planificación do sector está arruinando aquelas persoas que rehabilitan e se dedican profesionalmente ao turismo mentres tolera a competencia desleal e as prácticas predatorias en relación coa vivenda, onde seguimos sen un plano para a rehabilitanción rural de vivendas con usos sociais e para incentivo de proxectos no rural. A proposta que se recolle de “proxectos tractores” do Turismo en áreas con despoboamento non se especifica, polo que será máis un ano auga de castañas.
É máis, no tocante á vivenda, hai escasos fundos para a reparación de vivendas para Ourense e Lugo debendo lembrar que propostas como as da área de rehabilitación integral (ARI) Ribeira Sacra teñen financiado apenas a especulación e os grandes investimentos e non a restauración ou rehabilitación das vivendas dos moradores “indíxenas”. O programa Rexurbe é igualmente anecdótico en Ourense.
No tocante á mocidade, avógase pola participación en proxectos europeus de “dinamización da xuventude” (sic) rural (RUYOU, DYAS, RuralYouthFuture e YouLeaders). Iso si, todos os fundos están na provincia da Cruña e nen un só euro para as provincias de Lugo e Ourense.
Nas áreas de emprego e igualdade, que son de extrema relevancia tamén para o interior galego, recóllese o Desenvolvemento do Estatuto da Muller Rural. No entanto, trátase dunha enunciación de boa vontade que leva décadas de atraso e o mesmo se podería dicir do impulso a xeración de emprego a través de fórmulas de economía social e micro, que nunca rematan por traducirse en proxectos duradeiros e identificábeis polas sociedades locais porque non se dotan e coordinan axeitadamente.
En política social o SAF e as residencias seguirán agardando e o crecente envellecemento non suscita reaccións no goberno da Xunta. Para a prometida residencia pública de Lugo só se dotan 70.000 €, e 140.000 € para a de Ourense, e as remodelacións de residencias e equipamentos figuran sen territorializar por concellos ou centros. Un centro de coidados intermedios – que IGV demandamos tamén para Lugo e Ourense – radicarase na provincia da Cruña.
Para conciliación e “Dinamización demográfica”, nome horríbel onde os haxa e que dá a medida de até onde chega o dogmatismo e o fanatismo ultraliberal deste Goberno, só 9,46% dos fondos totais (126.000 €) para Ourense e 10,5% para Lugo. Curiosamente, o groso vai para A Cruña e Pontevedra. Será que en Lugo e Ourense xa se renunciou a deter a demotanasia ou será que o proxecto para o interior galego do PP é o baleirado demográfico e a entrega da Terra e dos recursos a fundos de investimentos e grandes empresas, a maioría de capital estranxeiro e sen deixar nada no territorio máis ca espolio e abandono.
E que dicir de Medio rural? Recóllese a criazón dun Campus Forestal, co Centro Integral de Loita contra o Lume en Toén (Ourense), porén continuamos con poucos fondos para a loita contra especies invasoras e moi pouco para prevención de danos de incendios e catástrofes para as provincias de Lugo e Ourense. Por sectores sirva o da castaña de exemplo, pois a pesar da crise que arrastra desde hai anos só se destinan uns ridículos 19.000 € para a restauración de soutos, unha verdadeira tomadura de pelo. Ao tempo que a ordenación do territorio fica totalmente esquecida, asistimos a que se dilapidan fundos e proxectos “estrela” como os “polígonos agroforestais” e as “aldeas modelo”.
En canto aos investimentos de Augas de Galicia, os concellos centrais das comarcas de Chantada e Lemos, Chantada e Monforte, fican sen nada, aínda tendo grandes necesidades e tendo en conta que en concellos como Chantada levan recadado no canon sobre un millón de euros.
En xeral, a Xunta continúa apostando polos beneficios fiscais, que son, sobre todo, para as grandes fortunas, deixando de recadar case 700 millóns de euros que precisamos para atender as numerosas necesidades en materia de Dependencia ou vertebración territorial do interior galego.
No Comments