Interior Galego Vivo presenta alegacións contra o proxecto de Altri en Palas de Rei

Interior Galego Vivo presenta alegacións contra o proxecto de Altri en Palas de Rei

Dende Interior Galego Vivo, para contribuír á loita veciñal contra a macroplanta de produción de celulosa promovida por Greenfiber S. L. en Palas de Rei, rexistramos alegacións ante a Xunta.

As alegacións de IGV recollen o expresado pola Plataforma en Defensa da Ulloa e céntranse en resaltar os impactos, tanto localizados como globais.

Altri non é un proxecto verde: vístese de economía circular – que non é – para zugar fondos europeos (solicita o 30% do investimento previsto) que precisa o interior galego para o sector agrogandeiro e a promoción económica de proxectos sostibles ambiental e socialmente.

En primeiro lugar, non se avalían pola empresa nin pola Xunta as afectacciós concéntricas e sinérxicas sobre os territorios, estando nunha zona moi castigada e que sofre un crecente acaparamento de terras e perda de Superficie Agraria Utilizada a prol de especies madeireiras de crecemento rápido, que ameazan a viabilidade das facendas de gando, nomeadamente vacún, que aínda resisten na comarca da Ulla.

Trátase dunha actividade industrial con gran uso de auga e de substancias químicas contaminantes no proceso de fabricación, que ameaza tanto especies protexidas como todo o sistema fluvial do Ulla e a ría de Arousa.

Portugal non permitiu a súa instalación sendo a Galiza a opción B, que unicamente se explica pola corrupción do PP na Xunta da Galiza e os pingues beneficios que unha minoría espera obter dos fundos do PERTE e dos Next Generation UE, entre esta minoría Abanca.

Lembremos que Altri foi seleccionada pola sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia (Impulsa Galicia), a firma público-privada impulsada pola Xunta (co 40% do capital), mais onde os investidores privados -Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%)- son maioría e que se encargan de impulsar proxectos con cargo aos fondos europeos Next Generation. Cando os intereses da banca e das industrias de enclave e altamente contaminantes teñen a chave dos proxectos que deben receber fundos europeus nun país, relegando os intereses da maioría social e das xeraciós futuras ise país está condenado..

En relación á materia prima – o eucalipto – a fábrica de fibra téxtil prevé usar inicialmente (fase I) “aproximadamente 1,2 millóns de m3 de madeira de eucalipto (Eucalyptus globulus e nitens) por ano”, representando o 20% dos aproveitamentos forestais galegos (datos do 2022). Polo tanto, a fábrica afondará na eucaliptización da paisaxe galega, especie esta que é pirófita e que consome gran cantidade de auga.

Polo tanto, esta fábrica será unha macrocelulosa de produción non sostible depredadora dos nosos recursos, que consumirá e degradará un ben esencial para a nosa vida: a auga, e que destruirá áreas de excepcional valor ecolóxico producindo un gran impacto na zona onde se pretende implantar. Detraerá recursos públicos, auga e terro nunha área de produción agrogandeira que impedirá afondar na soberanía alimentar. Non pechará ciclos produtivos no País e adicará a maior parte da produción a exportación, polo tanto, non é unha iniciativa de economía descarbonizadora.

Altri NON!

Tags:
No Comments

Post A Comment