Insuficientes axudas para auditar as redes de saneamento dos Concellos

Insuficientes axudas para auditar as redes de saneamento dos Concellos

As axudas aos Concellos para auditar as súas redes de saneamento e detectar filtracións que a Xunta presentou en Sober son insuficientes dada a magnitude do problema: tocarían a 980 € por concello para dous anos

Interior Galego Vivo solicita a Xunta e Deputacións de Lugo e Ourense maior apoio económico aos municipios para mellorar a ineficiente e escasa rede de saneamento, sobre todo no medio rural do interior galego

13 de setembro de 2022

A Xunta presentou en Sober unha liña de axudas destinadas aos municipios de menos de 50.000 habitantes para auditar as súas redes de saneamento, coa finalidade de erradicar filtracións e vertidos e preservar a calidade da auga.

A propia Xunta parece partir da premisa de que poucos concellos se interesarán por esta cuestión fundamental, pois dota as subvencións cun crédito de 300.000 € repartidos entre os anos 2022 e 2023 (publicada no DOG do 7 de setembro de 2022). Aínda que se prevé a posibilidade de ampliar crédito, esta disposición inicial supón uns 980 € por concello, unha cantidade ridícula. As axudas están previstas para chegar até os 15.000 € por municipio, cubrindo o 80% do total das actuacións, e concedéndose en réxime de concorrencia competitiva.

Interior Galego Vivo considera necesarias estas actuacións, por iso mesmo considera ridícula a dotación orzamentaria e entende que se precisa unha labor de concienciación dos municipios para acometer estes traballos.

Partimos dun historial de atrasos na dotación do interior galego de redes de evacuación e tratamento de augas residuais, e mesmo atrasos no específico obxectivo da autoría do estado das existentes, pois xa no ano 2013 Xunta e FEGAMP asinaron un acordo para analizar as deficiencias de saneamento e abastecemento dos municipios galegos.

A evacuación e tratamento de augas residuais é unha competencia propia dos concellos que non se está a exercer correctamente na maioría do interior galego, por unha combinación de desinterese histórico e incapacidade financeira estrutural das facendas locais, así como por un deficiente apoio de outras administracións como Xunta e Deputacións.

Os casos de Monforte e Chantada no sur de Lugo, son flagrantes pois, sendo os principais núcleos de poboación non contan cunha rede de saneamento suficiente nin eficiente. A este respecto, xa unha auditoría de Augas de Galicia constatara que a EDAR de Monforte non ten capacidade necesaria para todo o caudal, pois infíltrase masivamente augda de choiva nos sumidoiros. En canto á depuradora de Chantada, é insuficiente, precisándose unha separación de pluviais e fecais na vila, así como un conxunto de renovacións. Tamén Augas de Galicia destacou a mala depuración de Quiroga. Pero o groso do problema está nos núcleos rurais: a inmensa maioría aínda hoxe sen redes públicas de tratamento de augas residuais.

Á par que a extensión das redes de tratamento de auga residual deben ir os plans de mantemento, inexistentes en moitos casos, como sucedeu moitos anos en Sober, concello no que se presentaron as axudas a municipios para auditar redes de saneamento. De feito, no propio Sober recibimos estes días avisos de deficiencias no saneamento en Canaval e en Matamá, imaxes que contrastan coas fotos de presentación da liña de axudas.

Os “problemas de infiltracións nestes sistemas, que redundan nunha depuración pouco eficaz, consumos enerxéticos elevados e afeccións ambientais sobre os ecosistemas acuáticos” son recoñecidos pola propia Consellería de Infraestruturas. É, pois, esencial que estas axudas para auditar as redes de tratamento de augas residuais sexan dotadas de suficiente crédito e que se conciencia aos municipios do interior galego para acometer estes traballos.

Por outra parte, dado que o principal problema sigue sendo a inexistencia destas redes e a falta de separación de augas pluviais e residuais, polo que a Xunta debe multiplicar a colaboración cos Concellos para extender correctamente o saneamento, ao tempo que os municipios do interior galego deben asumir esta como unha prioridade.

Por iso, dende Interior Galego Vivo solicitamos o aumento das liñas de axuda aos municipios para a dotación, xestión e mantemento das redes de evacuación e tratamento de augas residuais, para coidar do ben insustituíbel que é a augas.

INTERIOR GALEGO VIVO

Tags:
No Comments

Post A Comment