IGV reclama que as Comunidades de Montes e agrupacións de propietarios poidan xestionar directamente o arrendamento de superficies forestais como sumidoiros de carbono

IGV reclama que as Comunidades de Montes e agrupacións de propietarios poidan xestionar directamente o arrendamento de superficies forestais como sumidoiros de carbono

  • IGV denuncia que na actualidade só se pode acceder ao comercio de dereitos de emisión de gases de efecto estufa por parte de iniciativas privadas alleas á propiedade da terra e das comunidades locais.
  • IGV reclama que as boas prácticas ecolóxicas das Comunidades de Montes ou dos agrupamentos de propietarios teñan un retorno e sirvan para fixar poboación no rural e evitar a especulación co territorio

Interior Galego, 20 de xuño de 2022.
Nos pasados meses, Interior Galego Vivo (IGV) interesouse ante o Ministerio de Transición Ecolóxica e a Consellaría de Medio Rural pola cuestión dos sumidoiros de carbono e, especificamente, se podían xestionar estes as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e as agrupacións de propietarios forestais.

O interese de IGV devén do crecente acaparamento de terras por parte de empresas alleas ao territorio para elaborar “sumideiros de carbono” con plantacións en áreas de dubidosa viabilidade e, en todo caso, cun rendemento inferior ao que terían as comunidades locais cunha xestión directa. Para alén do oxímoro que supón confiar a mudanza climática a solucións de mercado consideramos que se trata de máis un exemplo de desconsideración cara ás comunidades locais e de falta de planificación –sempre a prol das grandes empresas e de xerar negocio cos bens comúns como a auga, a terra ou o ar–. Cómpre subliñar que nun contexto de crecente importancia da soberanía alimentar para os pobos o noso país perde a marchas forzadas SAU e postos de traballo no rural.

QUE SON OS SUMIDEIROS DE CARBONO?

Coñécese como “sumidoiro” todo sistema ou proceso polo que se extrae da atmosfera un gas ou gases e se almacena, actuando como tais as formacións vexetais, debido á fotosíntese. Así, os vexetais absorben CO2, que compensa as perdas deste gas que sofren pola respiración e o que se emite noutros procesos naturais como a descomposición da materia orgánica (Ministerio de Transición Ecolóxica).

No Protocolo de Kyoto considéranse sumidoiros certas actividades de uso da terra, cambios de uso e silvicultura, e sucesivas directivas europeas estabeleceron un marco para o comercio de dereitos de emisión de gases de efecto estufa na Unión Europea. Asemade, o marco legal vixente a nivel estatal e galego obriga a adoptar medidas para a «xeración e a conservación das masas forestais e da produción e comercialización de produtos forestais procedentes de explotacións galegas con certificación forestal, así como dos produtos derivados con certificación no seu proceso produtivo no ámbito galego, para os efectos de aumentar a capacidade de almacenamento de CO2 nos sumidoiros galegos.»

Entre as medidas a adoptar está entra a posibilidade e participar no mercado de dereitos de emisións por parte das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común, recoñecéndose así o papel dos seus bosques, de ser o caso, como sumidoiros de carbono, e redundando nunha riqueza para a comunidade que se pode reinvestir en actividades que continúen a reducir a pegada ecolóxica, mais a Consellaría, en resposta a IGV, indica que «na actualidade non está regulado un procedemento para que desde as CMVMC ou agrupacións de propietarios forestais se proceda á configuración de sumidoiros de carbono», derivando toda o protagonismo a «iniciativas forestais de carácter privado», é dicir, intermediarios alleos á propiedade da Terra que son os que realmente fan negocio.

QUE PROPOMOS DESDE IGV E POR QUE?

Dende IGV consideramos fundamental que se dea posibilidade de xestionar os sumidoiros ás Comunidades Veciñais de Montes en Man Común, como forma colectiva de propiedade da terra que debe reforzarse e adquirir un protagonismo central na transición ecolóxica. A necesidade de reducir as emisións de gases de efecto estufa é unha tarefa colectiva, polo que este singular modelo de propiedade galego debe ter un papel central. Por outra parte, que as Comunidades Veciñais de Montes en Man Común poidan xestionar o arrendamento de superficies como sumidoiros de carbono suporía recoñecer ás comunidades de boas prácticas ecolóxicas e repercutir nelas un beneficio económico por contribuír á transición ecolóxica, por secuestrar carbono.

Deixar o mercado de dereitos de emisión só en mans privadas favorece a especulación, mentres que fomentar a súa xestión mediante fórmulas colectivas fomenta o ben común.

Quen contamina, debe pagar; quen contribúe a secuestrar carbono debe obter un incentivo para seguilo facendo. Non pode ser que grandes superficies do interior galego sexan sumidoiros de carbono e tamén sumidoiros de servizos públicos e de oportunidades de vida digna. Recoñecendo o papel activo das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común como actores para a xestión dos sumidoiros de carbono tamén se favorece a fixación de poboación nestas áreas e a continuidade delas como sumidoiros de carbono, pois a perda de poboación e a inactividade das Comunidades de Montes tamén favorece a especulación co territorio e a súa posta en venta para actividades industriais.

No Comments

Post A Comment