06 Mar Un 8 de marzo combativo polas pensións dignas das mulleres do interior galego.
No 8 de marzo deste ano 2024 queremos reivindicar pensións de xubilación dignas para as mulleres do interior galego.
A diferencia das pensións, en xeral, entre homes e mulleres en Galicia é dun 25% (segundo datos do Ministerio de Facenda en 2022): supón 4.546 € anuais menos de media ao anoo que cobran as mulleres por baixo dos homes.
Esta desigualdade no nivel de ingresos e de vida na xubilación vén determinada por unha desigualdade de base: elas adicaron máis tempo ao coidado da familia, sen remunerar nin recoñecer, e tiveron traballos remunerados máis precarios, ou mesmo non cotizaron a pesar de traballar na empresa familiar.
Aínda que é un feito a revalorización das pensións nos últimos anos (por parte dun Goberno progresita, o PP no Goberno do Estado non o ía facer), a realidade das provincias interiores galegas é moi dura: a media das pensións de Lugo e Ourense é a máis baixa do Estado, son as provincias con pensións máis precarias; Ourense e Lugo, segundo datos do INSS non superaron a barreira dos 1000 € de media – aínda que o Delegado do Goberno afirmou que si o fixeron neste ano 2024 as de xubilación: pero continúan sendo as máis baixas de todas-. E, con todo, as medias agochan desigualdades, unha das máis importantes, a de xénero: as mulleres de Lugo e Ourense cobran pensións moi baixas.
As pensións de viudedade en Lugo e Ourense – sobre todo de mulleres – están, de media, debaixo dos 700 €, algo que non acontece en ningunha outra provincia do Estado.
E todo isto nun contexto no que as pensións son a principal fonte de rendas da cidadanía nos concellos do interior máis avellentados.
Non podemos permitir que as mulleres que sostiveron e sosteñen a vida das nosas comarcas teñan esta precariedade na súa madurez: teñen dereito a pensións dignas e a un retiro de Benestar, con servizos públicos de calidade na súa contorna rural.
Cos datos que temos, podemos afirmar que as mulleres maires de Lugo e Ourense son das máis pobres do Estado.
É por iso que este 8 de marzo, por elas, polas traballadoras incansables, e polas que veñen detrás, berramos, unha vez máis, en defensa da igualdade real nas nosas parroquias.
É por iso que reclamamos que ningunha pensión estea por baixo do salario mínimo interprofesional (1.134 € mes en 14 pagas).
Deixámosvos os datos da desiguladade territorial e de xénero, que falan por si mesmos (Fonte: Instituto Nacional da Seguridade Social, febreiro 2024, e Ministerio de Facenda, 2022).
Pensións dignas para as mulleres do interior galego!
No Comments