Interior Galego Vivo (IGV) reclama que se poña punto e final a 33 anos de baltarismo en Ourense.

Interior Galego Vivo (IGV) reclama que se poña punto e final a 33 anos de baltarismo en Ourense.

A Deputación de Ourense precisa unha mudanza por hixiene democrática como primeiro chanzo
para desartellar unha rede caciquil e clientelar letal para o interior galego.
Sería difícil de explicar á viciñanza por parte dos partidos con representación que se deixase
novamente a Deputación de Ourense en maos do PP despois de 33 anos de baltarismo a non ser
que sexan os seus cómplices necesarios.
Ourense, 10 de xuño de 2023
Nas pasadas eleccións municipais do 28 de maio a cidadanía ourensá, como xa ocorreu fai catro
anos, deu as costas ao PP e o clan Baltar, dun xeito claro e inequívoco, apostando polo cambio no
goberno da Deputación Provincial sen o PP á fronte.
Esta situación non é nova. Nas anteriores eleccións de 2019, os resultados foron similares, mais os
intereses partidistas, a falta de valentía política e os personalismos impediron cumprir a vontade
maioritaria das persoas desta provincia.
En 33 anos do malgoberno do clan Baltar, a provincia de Ourense rexistrou en tódolos ámbitos, os
peores rexistros posibles. Ten a poboación máis envellecida do Estado español e unha das que máis
rapidamente poboación perde. Iso fai que na provincia haxa xa sete pensionistas por cada catro
persoas activas. A estes datos hai que engadirlle que pecharon o 15 % dos centros de ensino público
(maioritariamente nos concellos rurais) e unha cuarta parte das explotacións do sector primario.
Ademais, deixáronse escapar empresas despois de recibir importantes subvencións e axudas de
fondos públicos e tívose unha atención moi deficiente cara ao patrimonio material e inmaterial dos
ourensáns.
Os malos datos socioeconómicos da provincia nas últimas tres décadas son a consecuencia das
formas de actuar nefastas do caquismo que en Ourense ten nome propio: o baltarismo. As súas
corruptelas, despotismos, redes clientelares e cacicadas disuaden ás grandes empresas de investir en
Ourense pola falta de garantías e seguridade.
É por iso que reclamamos altura de miras e sentido da responsabilidade a tódalas forzas políticas
que acadaron representación na Deputación de Ourense nas pasadas eleccións de maio, para que
fagan o imposible para desaloxar ao PP do seu goberno. Interior Galego Vivo (IGV) confía en
iniciar unha nova etapa que permita soñar cun futuro mellor para Ourense.

No Comments

Post A Comment