12 Set Non caben escusas: a Xunta ten que dar solucións ás persoas viticultoras que non van poder vender a uva
- As declaracións do Alcalde de Sober, Luís Guitián, en relación á “responsabilidade de todos” botan balóns fóra para eludir as responsabilidades da Xunta.
- Interior Galego Vivo censura os alcaldes do PP, pois antepoñen as siglas á viciñanza e á propria Denominación de Orixe.
As axudas á paisaxe son necesarias e positivas, unha medida que debe ser permanente para que se axude as persoas que manteñen a singularidade do viñedo nas nosas ribeiras da Ribeira Sacra, mais o tradicional e de interese paisaxístico son os muros de pedra seca, que permitiron lanzar a Ribeira Sacra como viticultura diferenciada: o café para todos que pretende a Xunta só serve para cadrar o libro de contas dalgunha adega. Porén, o que sucede é que só este tipo de axudas neste momento non resolven o problema desta vendima: necesitamos solucións urxentes xa, que eviten que moitas parcelas queden a monte xa para o ano que vén.
As declaracións do Alcalde de Sober acusando, xenericamente, a todo o mundo, están distribuíndo indiscriminadamente responsabilidades metendo no mesmo saco a quen cumpre a lei e a quen non e evitando exixir á Xunta que evite a desaparición da nosa viticultura tradicional.
IGV aposta porque a Xunta compense as persoas viticultoras pola uva que teñen que deixar na viña, en aras de manter a maioría de parcelas tradicionais en cultivo para o ano que vén ao tempo que se reducen os excedentes. Non se entende como coñecendo desde hai máis dun ano os excedentes existentes non se solicitase a poda en verde que se pagou sobre 4000€ hectárea en Rioxa ou Euskadi e que, xunto ás axudas á paisaxe, terían aliviado a precaria económica de moitas persoas viticultoras.
Os alcaldes andan agudos para “celebrar” as medidas da Xunta en vez de antepor os intereses da viciñanza e o futuro do territorio ás siglas do PP. Estas declaracións tentar repartir a “culpa” sen faceren nada realmente por solucionar a situación. Tamén nos preocupa a postura de parte do Consello Regulador e que non se posicione claramente nesta grave crise, se ben recentemente xa se admite o que até hai pouco se negaba: hai un problema grave e hai unha crise que vai supor un antes e un despois para a DO.
É moi grave que alcaldes do PP poñan en dúbida os controis e a produción da DO, xa que non só non axudan aos viticultores e viticultoras nesta crise, senón que poñen en tea de xuízo a credibilidade do conxunto da denominación nunha situación onde as vendas baixan e os excedentes se acumulan. Tanto a Xunta como os alcaldes do PP deben ter altura de miras e pórse a traballar en serio, pois o que demostran e que durante meses foron neglixentes e non fixeron nada.
Cómpren solucións urxentes e, a partir de xa, traballar en medidas estruturais como as que xa IGV defendeu nos plenos de Chantada, Sober e Monforte, entre outras: deter novas plantacións, crear unha delimitación cartográfica da Ribeira Sacra, facer campañas serias de promoción do viño na hostalería da zona ligado ao Xeodestino Ribeira Sacra ou dispor dunha estación de vixilancia con avisos metereolóxicos e fitosanitarios.
Hai que falar das solucións para a DO Ribeira Sacra con rigor e non mesturando declaracións con comentarios ao vento que só buscan confundir e eludir responsabilidades.
No Comments