Novo modelo de residencias no rural si, mais non para os fondos voitre

Novo modelo de residencias no rural si, mais non para os fondos voitre

Interior Galego Vivo demanda xustiza e equidade nos fondos europeos de reconstrución para reducir a fenda territorial, crear emprego e servizos dignos no rural.

3/2/2020

Temos coñecemento da intención da Xunta de, a través do financiamento cos fondos europeos Next Generation, impulsar catro proxectos de cohousing no rural – vivendas para uso compartido de persoas maiores, con servizos colectivos de apoio na vellez -, usando aldeas abandonadas.

Dende Interior Galego Vivo valoramos positivamente que estes fondos se destinen a proxectos de carácter social e que xeren valor engadido no medio rural, necesitado tanto de prazas de atención a persoas maiores, canto de empregos dignos. De feito, no documento con propostas para as eleccións Galegas de 20201, que desde Interior Galego Vivo enviamos ás candidaturas concorrentes, sinalabamos, entre outras, como medida urxente:

Impulso de residencias-piloto en aldeas abandonadas, total ou parcialmente, restauradas a tal efeito.

Porén, aínda que nos aledamos de que se tomara nota da nosa proposta preocúpanos que se poda deturpar ao primar intereses de parte do lobby dos coidados, que tanto mal está facendo aos nosos maiores e ás traballadoras e traballadores do sector (residencias, SAF, etc.).

Neste sentido, queremos facer unha serie de consideracións:

1. Rexeitamos a falta de transparencia do Goberno galego a respecto dos proxectos que presenta a optar a fondos europeos. Nin transparencia no listado de iniciativas (108, segundo a Xunta) nin nos criterios de adxudicación.

2. Rexeitamos o actual modelo de privatización dos servizos de atención á Dependencia e Terceira Idade, que primou o lucro, con maioría de prazas en residencias privadas e concertadas, insuficientes e desigualmente repartidas polo territorio, con escasos rateos de persoal de atención directa. A pandemía amosou o fracaso deste sistema, sendo nas residencias de xestión privada nas que máis contaxios COVID e falecementos se produciron. O modelo e a calidade están cuestionadas, polo que cómpre facer unha transición cara fórmulas de trato centrado na persoa, como na nosa proposta humanizadora e que fixaría emprego digno no rural.

3. Como condición indispensábel para a calidade asistencial e a xeración de postos de traballo digno, consideramos que os proxectos que se impulsen deben ser xestionados de xeito público ou mediante fórmulas de traballo cooperativo ou PEMES ás que se esixan altos estándares de calidade e rateos axeitados de persoal, así como que se mellore o labor inspector de Política Social.

4. Semella que os fondos europeos poden converterse nunha fórmula de captación de gasto público por parte de grandes empresas. No sector dos coidados e atención aos nosos maiores consideramos que debe evitarse agasallar fondos públicos e fontes de negocio a conglomerados empresariais, dependentes de capital privado de fondos voitre, que amosaron, nesta pandemía, primar o lucro sobre a calidade asistencial e mesmo a vida.

5. É esencial potenciar servizos de atención á Terceira Idade centrados na persoa e que aposten por atrasar ao máximo o deterioro cognitivo, algo que pode acadarse co sistema de casas de maiores nas nosas aldeas que, ademais, contribúe para a restauración de vivenda abandonada e á fixación de empregos no rural, asemade, debérase apostar, ademais do reforzo do SAF, por redes de apoio no fogar para frear no posible o deterioro.

6. O desenvolvemento destes proxectos debe ir acompañado por un reforzo do Servizo de Axuda no Fogar, a modificación do marco legal en relación ás residencias de maiores para garantir rateos de persoal axeitadas ás necesidades e o impulso de centros de día para fomentar a autonomía persoal, así como apoiar o desenvolvemento de iniciativas agrogandeiras sostibles nestes territorios.

7.- A Xunta debe deixar dunha vez de infradotar a dependencia e os coidados e garantir un financiamento digno para os coidados. Así as cousas, os concellos reciben achegas moi cativas para o SAF ou deben asumir nos centros de día 2.500€ dun total de 7.500€ prazo/ano. Non se poden cadrar as contas do ente autonómico desangrando aos concellos, nomeadamente os pequenos, e despoboados concellos do interior galego cun crónico déficit de financiamento.

8. Outra necesidade urxente no eido sociosanitario para o interior galego sería a creación dunha residencia de media estancia de referencia para o sur de Lugo e parte de Ourense que debería localizarse na Ribeira Sacra. Un óptimo recurso para quen precise un ingreso residencial temporal (por exemplo, para sandar dunha doenza), pois neste momento non hai este servizo e a súa carencia pode acelerar un ingreso temperán en residencia, totalmente evitábel e, xa que logo, permitiría aforro de gasto público.

9. Consideramos que, para a localización destes proxectos, se debe primar aquelas comarcas máis avellentadas e con maior carencia de prazas residenciais, así como aquelas con menor renda per cápita e máis necesidade de postos de traballo.

Finalmente, facemos un chamamento á cidadanía para concienciarse sobre a necesidade de vixiar o uso dos fondos europeos de reconstrución Next Generation. Do contrario, só servirán para encher os petos da elite e ao tempo xerar máis un novo ciclo de débeda e recortes para a sociedade. Asistimos á crise de representatividade das forzas políticas tradicionais, que están xerando un conglomerado público-privado ao servizo da elite económica, que se alimenta de débeda, recortes nos servizos públicos esenciais e mesmo das nosas vidas.

No interior galego, 3 de febreiro de 2020.

1 “Medidas urxentes para un interior galego vivo”. Dispoñíbel en https://interiorgalegovivo.wordpress.com/2020/07/03/medidas-urxentes-para-un-interior-galego-vivo-documento-autonomicas-2020/

No Comments

Post A Comment