16 Feb Interior Galego Vivo pide dignificar as condicións laborais nas Casas Niño
Interior Galego Vivo pide dignificar as condicións laborais nas Casas Niño
- A Xunta ten a traballadoras como “falsas autónomas”, que prestan un servizo básico que corresponde á Administración.
- Vai suceder o mesmo coas Casas do Maior, como xa denuncian algunhas do rural.
A titular da Casa Niño de Folgoso do Courel atopouse con que, por quedar embarazada, vai ver drasticamente diminuídos os seus ingresos para poder afrontar o pago dunha persoa substituta para o servizo.
Esta situación dáse en máis casos: se es titular dunha Casa Niño e tes calquera enfermidade ou permiso laboral ou calquera continxencia non tes os mesmos dereitos ca calquera traballadora.
As “casas niño” son un servizo de ensino infantil e conciliación consistente na atención a grupos reducidos de crianzas de 0 a 3 anos nun fogar ou local habilitado en zonas rurais que non teñen outros recursos de atención á infancia.
Consiste no pago dunha prima pola prestación do servizo a unha persoa autónoma. Estas axudas foron reguladas no ano 2016 por primeira vez e na Orde do 26 de febreiro de 2021 regulouse a concesión das axudas para posta en marcha de Casas Niño para os anos 2021 a 2024.
Por parte da Xunta subvenciónanse as axudas para reforma e adaptación do inmoble onde funcione a Casa Niño (ata 100% cun máximo de 15.000 €) e a prima para desenvolvemento do proxecto, achega económica da que sae o salario da persoa dada de alta no Réxime Especial de Traballadores/as Autónomos/as. Esta prima foi de 19.600 €/ano ata 2021; en 2022 elevouse aos 21.560 €/ano, dos que hai que descontar a cota de autónomo/a e cos que teñen que afrontar o pago dos gastos de material e os gastos correntes – salvo nos Concellos que achegan o local -, que poden andar no 50%.
A Casa Niño terá carácter gratuíto para as familias, con atención diúrna de luns a venres, salvo festivos, e cun mes ao ano de vacacións. Salvo estas excepcións, o proxecto debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano, polo que se debe contar cunha ou máis persoas substitutas para a persoa titular no caso de enfermidade ou emerxencia, persoal que debe buscar e pagar a propia titular.
Deste xeito, o salario que lles queda mensualmente ás persoas titulares de Casas Niño, que son maioritariamente mulleres mozas, é inferior ao salario mínimo e vese moi minguado se teñen que buscar substitucións. Dáse, amais, a circunstancia de que ofrecen un servizo con menos días de descanso que o convenio laboral que se lles aplicaría, convenio que si deben respectar as persoas que contraten como substitutas.
Algúns concellos están apoiando as Casas Niño mediante a cesión do local e mesmo o pago dos fornecementos e material, mais esta situación non deixa de ser un parche e discriminatoria coas persoas que deben asumir os custes do seu peto.
Dáse o paradoxo de que a Xunta apresenta estas Casas Niño dentro do seu modelo “natalista” e que logo supón unha penalización quedar embarazada. Lembramos que o que cómpre non son titulares para “fomentar a natalidade” no rural, senón servizos de calidade para que, quen libremente o desexe, poida ser nai ou pai.
O que é unha alternativa moi interesante, con atención personalizada ás crianzas, e con moito potencial para moitas aldeas está sustentada no traballo inxente das titulares do servizo – a maioría son mulleres – e nunhas condicións laborais precarias, máis que no esforzo da Xunta de Galicia.
O que fai a Xunta é descansar sobre os ombreiros do emprendemento de moitas mulleres do rural o que é un servizo básico – a atención á infancia de 0 a 3 anos – ao que teñen dereito as crianzas galegas, vivan onde vivan. Este mesmo é o modelo que sigue a Xunta coas Casas do Maior para non incrementar recursos na atención á Dependencia. A Xunta prefire así crear “falsas autónomas” que dignificar as condicións laborais nos Servizos Públicos.
Asemade, en moitos lugares onde hai Casa Niño esta non pode substituír a necesidade de máis prazas en escolas infantís públicas. De feito, hai municipios de zonas rurais sen prazas suficientes para 0-3 anos. Monforte, capital da comarca de Lemos, non ten escola infantil da Xunta; en Chantada hai sempre lista de agarda e só se accedeu a ampliar prazas este ano 2022; Concellos coma Chandrexa de Queixa non teñen ningún recurso público de atención á infancia e outros coma Laza, Portomarín ou Vilardevós non tiveron nada ata que abriron Casas Niño – só poden ter máximo 5 prazas -. De feito, nais e pais de Monterrei denuncian a necesidade de máis prazas na comarca.
Cómpre unha política planificada de prazas de atención de 0 a 3 anos en todo o interior galego e que contemple a mellora das condicións laborais das persoas titulares de Casas Niño.
Por iso, Interior Galego Vivo trasladará á Xunta que:
– Se elabore un mapa de necesidades de prazas de atención á infancia 0-3 anos nos Concellos do interior galego para aumentar as prazas públicas naquelas zonas con déficit ata garantir os dereitos da infancia ao acceso gratuíto ao ensino infantil.
– Se melloren as condicións laborais das Casas Niño e Casas do Maior, con maior implicación pública na súa xestión e na resolución de continxencias como enfermidades ou permisos laborais, evitando que as persoas titulares perdan dereitos e ingresos.
—
No Comments