A Deputación de Lugo volve convocar axudas para a vivenda do seu persoal encanto non impulsa unha política propia de vivenda social

A Deputación de Lugo volve convocar axudas para a vivenda do seu persoal encanto non impulsa unha política propia de vivenda social

A Deputación de Lugo volve convocar axudas para a vivenda do seu persoal encanto non impulsa unha política propia de vivenda social

Lamentamos que BNG e PSOE manteñan unha política herdada da etapa de Cacharro Pardo, en lugar de destinar os recursos e os esforzos da institución a dar resposta á emerxencia habitacional que vive a sociedade.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 17 de outubro de 2026 recolle unha nova convocatoria de axudas para a adquisición ou rehabilitación da vivenda habitual destinadas ao persoal funcionario e laboral da Deputación de Lugo, correspondente ao ano 2025. A convocatoria contempla financiar parte dos xuros dos préstamos para a compra ou rehabilitación da vivenda habitual, cun límite de préstamo computable de 60.101,21 euros e unha axuda de ata dous puntos de xuro. A cantidade exacta fixada como límite computábel (60.101,21 euros) provén directamente da conversión exacta de 10 millóns das antigas pesetas. Isto demostra que os criterios económicos e as bases reguladoras deste programa foron deseñados con anterioridade á implantación plena do euro (ano 2002) e mantivéronse invariábeis desde entón.

Consideramos lamentable que, nun momento no que o acceso á vivenda é unha das principais preocupacións sociais, a Deputación siga mantendo este tipo de medidas sen que iso se traduza nunha aposta decidida pola creación de vivenda social ao servizo do conxunto da cidadanía.

Non se trata de cuestionar o dereito do persoal público a recibir apoio para acceder a unha vivenda, mais de pór sobre a mesa cal debe ser a prioridade dunha institución pública cos recursos e as competencias dos que dispón. A Deputación debería desempeñar un papel activo na resposta ás dificultades que atopan tantas persoas e familias para acceder a unha vivenda digna e asumíbel tamén para fixar poboación en concellos con menos de 5000 habitantes.

É especialmente criticábel que BNG e PSOE manteñan esta política, que vén de etapas anteriores da institución, incluída a de Cacharro Pardo, en vez de abrir unha nova orientación que sitúe a vivenda social entre as prioridades políticas da Deputación.

A provincia precisa políticas públicas que contribúan a aumentar a oferta de vivenda a prezos accesíbeis, facilitar o acceso á mocidade, apoiar as familias con menos recursos e favorecer que as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida nos concellos lucenses, que teñen un amplo parque de vivenda en ruínas ou abandonadas nas parroquias rurais. Para iso cómpre impulsar medidas concretas, estudar a mobilización de patrimonio público e promover a colaboración cos concellos e coas administracións que teñen competencias en materia de vivenda.

A publicación dunha nova convocatoria destas axudas obriga a formular unha pregunta fundamental: que está facendo a Deputación de Lugo para contribuír a resolver o problema da vivenda da maioría social?

A nosa posición é clara: sen negar os dereitos laborais adquiridos, a Deputación non pode limitar a súa actuación a manter mecanismos internos de apoio á vivenda. Ten que asumir tamén a súa responsabilidade social e pór a política de vivenda ao servizo do interese xeral.

Por iso, reclamamos a BNG e PSOE que revisen as prioridades da institución e abran un debate serio sobre o papel da Deputación na promoción da vivenda social. A cidadanía lucense precisa respostas, non a perpetuación de políticas que non abordan de maneira directa as dificultades de acceso á vivenda que sofre unha parte importante da sociedade.

A Deputación debe ser parte da solución ao problema da vivenda en Lugo, e non limitarse a reproducir políticas do pasado.

No Comments

Post A Comment