11 Xul Consolídase a revolta do interior galego pola vida digna e medioambientalmente sostible
Consolídase a revolta do interior galego pola vida digna e medioambientalmente sostible
Interior Galego Vivo consolida na IV Asemblea do Courel a súa organización e suma máis agrupacións locais e colectivos sociais
IV asemblea transcorreu no lugar do Mazo de Meiraos, no concello de Folgoso de Courel. Fotos: Interior Galego Vivo (IGV).
Seoane do Courel, 10 de xullo de 2021.
A plataforma Interior Galego Vivo celebrou o sábado, 10 de xullo de 2021, a súa IV Asemblea, na que se consolidou a organización, coa elección dunha Coordinadora composta por representantes das distintas agrupacións locais, con responsabilidades de coordinación política, organización, finanzas e difusión e formación, que se establecerán neste mes de xullo.
Por outra parte, fíxase a periodicidade das asembleas xerais en, canto menos, unha ao ano, que rotará territorialmente, celebrándose a seguinte en outubro deste 2021 en lugar por determinar e manifestouse a vontade de seguir sumando a persoas e colectivos a prol da nosa arela común.
Asemade, constituiranse ao longo do verán distintos grupos de traballo para ampliar a proposta programática de Interior Galego Vivo, centrada en garantir dereitos e calidade de vida para as persoas das comarcas do interior galego, apostando pola defensa de modelos agrogandeiros sostibles medioambiental e socialmente, un modelo de atención social centrada nas persoas, defensa de servizos sanitarios públicos e accesibles en todo o territorio, o impulso da economía social, ampliación da oferta de formación profesional no interior orientada á agrogandeiría, transporte público accesible ou promoción dun modelo enerxético descentralizado, público e alonxado da especulación e grandes impactos ambientais.
A Asemblea de Interior Galego Vivo aposta decididamente por propoñer modificacións lexislativas que transformen a vida da maioría social, comezando a traballar nunha proposta de fiscalidade rural que favoreza o mantemento e asentamento de poboación nos nosos municipios.
As persoas e colectivos presentes comprométense a continuar tecendo rede, transcendendo o local para coordinarse entendendo que as problemáticas e solucións pasan mesmo por unha coordinación de proxectos cidadáns a nivel europeo.
A IV Asemblea no Courel serviu para sumar a persoas e colectivos de máis lugares, contando con candidaturas e agrupacións locais de persoas dos Concellos de Antas de Ulla, A Pobra de Brollón, Carballedo, Chantada, Chandrexa de Queixa, Ferreira de Pantón, Folgoso do Courel, Laza, Manzaneda, Monforte de Lemos, Monterroso, Navia de Suarna, O Saviñao, Palas de Rei, Pereiro de Aguiar, Quiroga, Samos, Sober, Taboada, Touro, Trives, Vilalba e Xinzo.
Asemade, participan movementos veciñais como comunidades de montes, asociacións feministas e viciñais, movementos sociais e plataformas en defensa do ferrocarril e contra proxectos eólicos invasivos, que tiveron voz nesta xornada do Courel.
No Comments