
20 Set Interior Galego Vivo (IGV) expresa a súa máis firme condena diante do covarde atentado terrorista contra o edificio que ía albergar un centro de menores migrantes en Monforte de Lemos en plena vaga de lumes nas Terras de Lemos
Interior Galego Vivo (IGV) expresa a súa máis firme condena diante do covardeatentado terrorista contra o edificio que ía albergar un centro de menores migrantes en Monforte de Lemos en plena vaga de lumes nas Terras de Lemos.
No interior galego, a 20 de setembro de 2025.

- En canto Pantón e Sober son devastados por un terrorífico incendio o fascismo perpetra atentados. Valentes para atacar un edificio, covardes para atallar o lume.
- PP, PSOE e Vox levan semanas alimentando os discursos de odios con declaraciós completamente repulsivas por irresponsábeis.
- Esta semana Esperta Monforte rexistrou, precisamente, unha moción á vista do odio e da irresponsabilidade na esfera mediática e pública.
Este acto violento non é un feito illado, senón a consecuencia directa dun clima de odio e crispación social que está a ser alimentado por determinados discursos políticos e pola permisividade fronte á propagación do racismo nas redes sociais. Un acto covarde e vil feito en plena vaga de incendios, en canto a veciñanza loitaba nas Terras de Lemos por salvar as súas casas. O que hoxe se materializa en violencia contra un inmóbel, mañá pode facelo contra persoas inocentes, especialmente contra menores en situación de total desamparo. Os Dereitos Humanos non son ambiguos neste sentido, e existe o deber ético e o imperativo legal de dar cobertura social aos menores de idade, como se deberían perseguir e condenar os delitos de odio.
Queremos lembrar que os menores migrantes son, ante todo, nenos e nenas que teñen dereito á protección, á dignidade e a un futuro seguro, tal como recoñecen os tratados internacionais, a comezar pola Declaración Internacional dos Dereitos Humanos, e a lexislación estatal e autonómica. Nenos e nenas sen familia, coma os orfos e as orfas que a emigración deixou na nosa xeografía durante décadas por mor da emigración, as viúvas de vivos e as viúvas de mortos das que falaba Rosalía de Castro.
Declaracións políticas irresponsábeis que alimentan o odio
Nos últimos días asistimos a unha escalada de mensaxes profundamente irresponsábeis, que apenas contrarrestrou Esperta Monforte através dunha moción valente e de apoio aos menores e ao sentido común que impera aínda na sociedade galega, a pesar do extremismo fascista.
A conselleira de Política Social, Fabiola García (PP), minimizou a responsabilidade da Xunta e cargou contra o alcalde de Monforte, chegando a dicir que “debería dar grazas” pola chegada de menores, sen achegar explicacións claras nin procurar consenso social e deshumanizando o colectivo dos menores sen familia.
O alcalde de Monforte, José Tomé (PSdeG), declaraba que “nin temos que ver nin sabemos de onde veñen” os menores, lavándose as mans dunha responsabilidade institucional que esixe coordinación, transparencia e empatía.
O novo portavoz comarcal de Vox, Miguel González Lemos (ex PP), chegou a afirmar que a apertura do centro en Monforte podía ser un “catalizador” para o seu partido, usando a infancia migrante como arma electoral. Amais, fixo insinuacións graves e infundadas sobre a idade, procedencia e suposta perigosidade destes menores, reproducindo estereotipos racistas e criminalizadores.
Estas declaracións, lonxe de seren anecdóticas, alimentan a sospeita, o medo e o odio cara a colectivos vulnerábeis. Constitúen gasolina que prende no terreo fértil dos discursos de odio en redes sociais, onde xa se multiplican as mensaxes racistas e xenófobas sen control e con total impunidade.
Compromiso democrático
Desde Interior Galego Vivo queremos afirmar con rotundidade que o fascismo e o racismo non teñen cabida na democracia e que o interior galego condena a violencia e o extremismo fascista. As administracións teñen a obriga de garantir políticas de inclusión, acollida digna e convivencia, e non de contribuír á división social nin de sinalar ás persoas migrantes como problema.
A violencia sobreLemos das bandas fascistas organizadas é a proba de que a irresponsabilidade política ten consecuencias. Cómpre, pola contra, actuar con valentía, pedagoxía social e políticas públicas que reforcen a solidariedade. Interior Galego Vivo defende a xustiza social e os servizos públicos robustos e non a loita do último contra o penúltimo, que a extrema dereita formula como solución en canto blanquea a corrupción e participa do crecemento da desigualdade económica e social con impudicia.
Neste sentido, apoiamos a iniciativa do grupo municipal Esperta Monforte, que presentou unha moción ao Pleno local de apoio e colaboración institucional en relación co centro de menores estranxeiros non acompañados en Monforte de Lemos. A moción demanda que o equipo de goberno de Monforte de Lemos manifeste a súa vontade de colaborar institucionalmente coa Xunta e co goberno central en todo o relacionado coa correcta posta en marcha e o axeitado funcionamento do centro de menores estranxeiros non acompañados no municipio;
que o Concello se comprometa a velar para que a Xunta cumpra as súas competencias en relación a que este centro conte cos recursos axeitados en materia de seguridade, educación, servizos sociais e integración comunitaria, solicitando as reunións necesarias coa Xunta e co goberno central;
que o Concello promova campañas de información e sensibilización dirixidas á cidadanía para evitar rumores infundados e fomentar unha convivencia positiva e construtiva.
Neste sentido, Esperta Monforte demanda unha reunión urxente da xunta de voceiros para tratar alternativas que permitan que os violentos e os covardes non saian coa súa atrasando a posta en marcha do centro.
Chamamento á sociedade
Facemos. igualmente un chamamento á cidadanía, ás organizacións sociais e ás institucións a alzar a voz contra o racismo, a intolerancia e a violencia construíndo unha fronte única dos demócratas. Non podemos permitir que a Galiza rural se converta en laboratorio de discursos de odio que só benefician a quen pretende sementar división.
A solidariedade, a convivencia e a defensa dos dereitos humanos son a base dunha sociedade democrática e xusta.
No Comments