Señores da Xunta: nunca nunha matanza estiveron

Señores da Xunta: nunca nunha matanza estiveron

Señores da Xunta: nunca nunha matanza estiveron

* A Dirección de saúde pública da Xunta da Galiza elaborou un documento para previr a COVID-19 nas matanzas. A conclusión que sacamos é clara: NUNCA NUNHA MATANZA ESTIVERON.

* Interior Galego Vivo propón recomendacións realistas e útiles, fronte aos papeis de oficina da Xunta.

19/11/2020

A Dirección de saúde pública da Xunta da Galiza elaborou un documento para previr a COVID-19 nas matanzas. A conclusión que sacamos é clara: NUNCA NUNHA MATANZA ESTIVERON.

As recomendacións están pensadas para un espazo da administración (tipo oficina) e son totalmente xenéricas, sen nada concreto que se adapte á realidade dunha matanza. Unha verdadeira tomadura de pelo para quen non sabe o que é agarrar un porco, estremar as tripas ou picar a carne para facer a zorza.

É máis, a calquera persoa do rural pégalle a risa se le as «recomendacións» para «matanzas móbiles». Os telegobernantos que temos, descoñecemos como pensan que se fai e desenvolve unha matanza ou telematanza na súa cabeza. Para sacar isto era mellor ficaren descansados.

En resumo, non ten pés nen cabeza nen o vai ler 95% da xente que aínda mantén a tradición da matanza do marrao, porque perdería o tempo. Máis unha mostra do que é a política deste país: redáctase e apróbase desde oficinas de Santiago sen coñecer en absoluto o territorio.

Por tanto, desde Interior Galego Vivo elaboramos as seguintes recomendacións, simplemente aplicando o sentido común que lles falta aos da capital:

  • Facer os labores da matanza co mínimo indispensábel de persoas. Sempre couso da máscara e mantendo, cando for posíbel, a distancia interpersoal (chamuscado, estrema…) e desenvolver sempre as mesmas persoas cada tarefa. Lembramos que as restricións para non conviventes é de 6 persoas. Se o concello está baixo feche perimetral non debería facerse a matanza, a non ser que fagan a figadeira só os da casa.
  • Extremar a hixiene de maos con auga e xabrón e, se é posíbel, dispor de solucións hidroalcólicas.
  • Os locais deben estar sempre ben ventilados e desenvolver todas as tarefas que se poda ao ar libre.
  • Non usar rollas ou partillar apeiros e obxectos. Picar a carne, preferibelmente en mesas separadas con non máis de dúas persoas por mesa, e nun local ben ventilado. Dispor de papel para o secado de maos e desbotalo nun balde do lixo con pedal e bolsa do lixo (en ausencia deste unha tina ou capacho cunha bolsa de lixo que se cerrará hermeticamente ao rematar).
  • Evitar a exposición e a participación das persoas maiores ou grupos de risco. Lembramos que debemos protexelos como máxima prioridade.
  • Nas comidas, evitar aceiteiras e outros utensilios de uso común. As fontes sempre con garfo ou culler proprios. Respeitar as restricións de non conviventes. Manter a estancia sempre ventilada e espazar os comensais o máximo posíbel (recomendábel 2 metros). Respeitar as restricións de non convivintes.
  • Nos aseos dispor sempre de xabrón e papel para o secado das maos (evitar toallas). Ter un cubo con saco do lixo para o que se desbote. Aplicar, así mesmo, se é posíbel, ventilación ao eseo.
  • Se unha persoa apresentar sintomatoloxía compatíbel coa COVID-19 chamar ao 900 400 116 e, se non collen, ao centro de saúde. A persoa deberá ser illada de persoas e animais nun espazo que conte con ventilación adecuada.
  • Lembrar tamén que é necesario sempre facer analítica pola triquinose, así como as recomendacións xerais a respecto desta actividade.

No interior galego, novembro de 2020.

No Comments

Post A Comment