Interior Galego Vivo ante a crise do coronavirus

Interior Galego Vivo ante a crise do coronavirus

As entidades, candidaturas, grupos municipais e persoas da Plataforma Por unInterior Galego Vivo (IGV) póñense a disposición dos respectivos gobernos locais para colaborar no que sexa necesario na abordaxe da crise do coronavirus e para garantir o cumprimento das recomendacións das autoridades sanitarias. 
Facemos un chamamento á serenidade e á solidariedade que sempre demostraron ter as xentes do rural nos momentos máis difíciles da nosa historia. 
Asemade, queremos trasladar unha serie de propostas, tanto aos Concellos canto á Xunta, para afrontar a situación nestas comarcas avellentadas e, portanto, con poboación máis vulnerábel.
Consideramos que se debe ter en conta a maior vulnerabilidade das poboacións avellentadas, con fondos e programas extraordinarios e máis precaución se queremos limitar a incidencia da pandemia e protexer do colapso o noso sistema sanitario, castigado xa por anos de recortes nomeadamente os hospitais comarcais e os PAC. A importancia do público fica demostrada a cada nova crise. 
Así as cousas, desde Por un interior galego vivo, en vista da ausencia de directrices ou da improvisación de medidas sen protocolos claros, propomos: 
1.- SOLICITAR Á XUNTA
  • Máis fondos -dado o noso carácter de zona envellecida- para as equipas de servizos sociais, en relación á vulnerabilidade das traballadoras do SAF, en contacto coa poboación avellentada, e á necesidade de reforzar a atención ás persoas maiores nos domicilios, polo peche de centros de día e a necesidade de saír da casa o menos posíbel. É necesaria unha estratexia específica que protexa os e as nosas maiores.
  • Apoio económico para planos de axuda social ás persoas máis maiores que viven soas: seguimento da súa situación, apoio para facer as tarefas cotiás como a compra, información para evitar o medo (cun teléfono de apoio ao maior específico), etc.
2.- SOLICITAR AO ESTADO:
  • Demandar ao Estado un paquete social destinado a autónomos e PEMES para moratorias nas hipotecas e degravamento dos impostos durante o período.
  • Demandar a todas as AA.PP e á empresa privada o teletraballo, fechando os centros físicos na medida do posible. Perante a saúde pública todo o demais é secundario.
  • Limitar os movementos da poboación para evitar espallar velozmente a transmisión da pandemia desde os focos de maior incidencia.
3.- SOLICITAR AOS CONCELLOS:
  • Facer dende os Concellos labor explicativa para aclarar dúbidas e deter o alarmismo, facendo chegar os bandos municipais e a información oficial sobre o coronavirus a todos os fogares.
  • Ceder instalacións municipais para calquera eventualidade e exixir protocolos claros para como actuar coa poboación que está chegando desde zonas de risco estes días a numerosos concellos do interior galego, co fin de protexer a poboación non estacional.
  • Recomendar que os enterros se celebren na intimidade e a suspensión dos cabodanos e cerimonias relixiosas.
  • Trasladar á FEGAMP a necesidade de contar con protocolos unificados en relación ás medidas adoptadas polos Concellos, por veces contraditorias como se observa nos diferentes bandos emitidos polas entidades municipais, seguindo as recomendacións da OMS, da Xunta e do Ministerio de Sanidade.
Por último, reiteramos a chamada á responsabilidade colectiva e á solidariedadepara evitar o colapso sanitario e protexer a poboación de risco.
No interior galego, 13 de marzo de 2020.
POR UN INTERIOR GALEGO VIVO
No Comments

Post A Comment