15 Mar FAQ #crisecoronavirus Interior Galego Vivo
FAQNINGUÉN É UNHA ILLA.
Preguntas e respostas para o mundo rural perante a crise do coronavirus.
Interior Galego Vivo
Antes de máis, lembramos a páxina web do SERGAS sobre o coronavirus: https://coronavirus.sergas.gal. Lembramos que só debemos seguir a información de canles oficiais e manter a serenidade e a responsabilidade colectiva para evitar o colapso sanitario e protexer a poboación de risco. #ficanacasa
0.- Por que un FAQ?
As informacións dos últimos días están xerando moitas dúbidas e non solventan a preocupación de moita da nosa viciñanza, para alén de circular nas redes información contraditoria e as denominadasfake news. Daquela,habilitamos un documento para solventar as principais dúbidas que nos van chegando e fundamentándonos en fontes oficiais.
Verificamos que as informacións que circulan están deseñadas para o ámbito urbano e que o desamparo e desinformación no rural é moi preocupante, nomeadamente na xente maior. Por iso, e cos medios dispoñíbeis que temos, queremos contribuír para paliar esta situación, xa que moitos concellos non disponibilizaron liñas de atención e axuda pensadas para os cidadáns en situación de maior vulnerabilidade (persoas maiores, en risco de exclusión social, grupos de risco etc.).
Lembramos que é fundamental mantermos a calma en todo momentoe ficar, na medida do posíbel, baixo confinamento. #ficanacasa
A información que disponibilizamos fundaméntase, en liñas xerais, na seguinte lexislación e seguindo as pautas da OMS e das autoridades sanitarias:
-
(A) Real Decreto polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.
-
(B) RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta da Galiza, do 13 de marzo de 2020, polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma da Galiza e se activa o Plano territorial de emerxencias da Galiza (Platerga) no seu nível IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.
-
Diferentes instrucións oficiais emitidas para a sanidade, a seguranza colectiva, o ámbito farmaceútico e dos servizos sociais…
O apoio mutuoe a colaboración de toda a viciñanza é fundamental para minimizar a crise, protexer a poboación en riscoe evitar o colapso do sistema sanitario. En caso de sintomas empregar o telefone 900 400 116.
1.- Recomendacións xerais sanitarias e de hixiene.
-
Queda na casa. Protéxete e protéxenos. #ninguénéunhailla
-
Evitar acudir ao PAC ou ao hospital comarcal, agás casos de forza maior. É imprescindíbel evitar o colapso sanitario.
-
Manter as distancias, evitar o contacto físico e lavar as maos con auga e xabrón. Evitar tocar os ollos, o nariz e a boca se non se teñen as maos limpas.
-
Practicar unha boa hixiene respiratoria: cando se tusa ou esbirre, tapar a boca e o nariz cun pano de papel, que inmediatamente hai que desbotar nunha papeleira, ou facelo contra a flexura do cóbado. Despois de tocar as secrecións respiratorias (ao esbirrar, tusir ou tocar un pano de papel) e/ou obxectos contaminados, deberase lavar ben as maos.
-
Se hai sintomas de infección respiratoria (FEBRE, TOSE, DIFICULTADE RESPIRATORIA ou DISPNEA) pórse en contacto co 900 400 116 ou ben ao centro de saúde para receber instrucións. Protéxete, protéxenos.
-
Primar a consulta telefónica. Mediante o número 902 077 333 (Telefone único do SERGAS) a cidadanía pode:
-
Pedir cita para ser atendido no seu centro de saúde.
-
Solicitar a anulación ou atraso de citas hospitalares.
-
Solicitar atención telefónica por parte de profesionais sanitarios.
-
O telefone único do SERGAS é de pagamento (902) polo que, como alternativas, podes empregar os seguintes: 981 952 950 (A Cruña), 988 398 350 (Ourense), 982 269 893 (Lugo) e 986 806 350 (Pontevedra).
2.- Se es maior, vives no rural e precisas medicamentos…
As persoas que precisan menciñas sofren porque estas só se lles dan en días sinalados, dependendo de cada fármaco. As farmacias en todo momento van seguir abertas e abastecidas e o servizo público de taxi en funcionamento. Amais, as menciñas cargaranse nas tarxetas sanitarias mediante a vía telefónica (teléfono do centro de saúde de referencia).
Vivimos, por pirámide de poboación, nun dos territorios máis sensíbeis. Tendo en conta a duración da medida e como parte da prevención sanitaria, a vixilancia alimentar e de fármacos, as tomas de TA e os controis rotineiros (tensión, azucre, anticoagulantes…) faranse evitando aglomeracións. Debemos informarnos no teléfono do noso centro de saúde de referencia para calquera cuestión.
3.- Baixas consultas e relación co SERGAS.
Aínda que o proprio SERGAS está anulando consultas e revisións rotinarias lembramos que é posíbel a atención telefónica e recomendamos non asistir aos centros de saúde se non é estritamente necesarioa fin de evitarmos o colapso sanitario. No entanto, moita xente maior non se defende á hora de realizar trámites electrónicos ou telefónicos. No mundo rural podemos tentar axudar a estas persoas, mais son os concellos os que deben arbitrar medidas (persoal debidamente protexido) para axudarlles, xa que moitos maiores non teñen nestes momentos a quen recorrer. Infórmate chamando ao teu concello das medidas que teñen en vigor ao respeito.
Desde o SERGAS están anulando citas que non sexan urxentes, a criterio médico, desde o centro de saúde, hospital ou o que corresponda.
4.- Que acontece co butano e outros combustíbeis?
Os desprazementos en vehículo privado para repostar combustíbel están permitidos e, igualmente, o Goberno debe garantir o subministro de butano e combustíbel, que no rural é esencial en moitas casas para cociñar. O subministro das bombonas correspóndelle ás empresas distribuidoras.
5.- Supermercados, tendas de produtos básicos e prazas de abastos e alimentación.
Non debemos ir mercar se non é estritamente necesario e só adquirir os produtos que precisamos, facilitando evitar o desabastecemento e as aglomeracións desnecesarias. A colaboración e a solidariedade de todas e todos é fundamental. O subministro de alimentos, se for necesario até mediante requisas, está garantido en todo momento.
É importanteinformar a todas e todos que as tendas de produtos básicos ou os supermercados e as farmacias estarán abertos en todo momento durante a crise(até 24 horas), xa que moitas persoas maiores están acreditando en que non vai ser así e estase facendo un amoreamentoinnecesario de produtos básicos e alimentares. Debemos ser racionais e evitar as aglomeracións nos supermercados.
Infelizmente, as autoridades non disponibilizaron aínda protocolos de actuación eficaces e clarosnos supermercados, expondo a traballadoras e consumidores, polo que se recomenda extremar as precaucións: pago con cartón de crédito se for posíbel, uso de luvasdescartábeis, mantementode distancia (2 metros)… Acreditamos que, como en Portugal, as persoas traballadoras de máis de 50 anos do sector da alimentación deberían ficar na casa.
6.- Alimentación animal.
No rural a alimentación e o benestar animal sempre están entre as nosas máximas preocupacións. No entanto, nesta crise non se está dando resposta axeitada a varios interrogantes ao respeito. O sector primario é fundamental ao ser produtor de alimentos.
Por encanto, as limitacións ao movemento afectan fundamentalmente ás persoas, maisnon ás mercadorías, aínda que haxa subministros que poidan acabar afectados na medida en que a actividade económica se paralice ou ralentice, polo que determinadas empresas subministradoras e industrias transformadoras están a facer acopio de materia prima polo que poida acontecer.
Desde a Consellaría de Medio Rural aínda non se activou ningún protocolo nen instrución concreta a 14/03/2020. Entendemos que urxe adoptar medidas concretas.
7.- Confinamento na aldea funciona igual que nas cidades?
Nas vilas e cidades é imprescindíbel extremar o confinamento e ficar nos fogares sempre que for posíbel. No entanto, no mundo rural, onde en moitos lugares viven escasas persoas e as distancias de seguranza se gardan perfeitamente, non é necesario ficar estritamente encerrados. Moitas persoas maiores achan que non poden saír da súa casa, mas loxicamente poden ir até a horta ou alimentar os animais. Contodo, é imprescindíbel lavar as maos a miúdo(con auga e abundande xabrón), nomeadamente após contacto con superficies non porosas. A transmisión é entre persoas a unha distancia de 2 metros ou inferior.
Após esta crise agardamos que a sociedade valorice dunha vez o rural e as súas xentes, nomeadamente aqueles produtores de alimentos de excelente calidade como os que temos no noso territorio.
8.- Direitos laborais, medidas de seguranza no posto de traballo e prestacións.
O persoal laboral ten o direito de protección fronte os riscos laborais, segundo o artigo 14 da Lei 3º/1995, de 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais(LPRL), podendo interromper a súa actividade perante calquera risco grave e inminente para a súa saúde (art. 21 LPRL). Se o empresario impide o exercio dese direito cometería unha infracción moi grave (art. 13.9 do Real Decreto Lexislativo 5/2000, de 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social).
Tendes aquí aGuía para a actuación no ámbito laboral en relación ao novo coronavirus:
Están previstas novas medidas económicas, xa se aprobou a moratoria de certos impostos, que agardamos dean solucións aos autónomos e, como en Italia, estabelezan suspensión das hipotecas.
8.1- Que medidas preventivas debe adoptar a empresa?
Conforme co estabelecido na LPRL e no Real Decreto 39/1997, de 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención(RSP) a empresa ten a obriga de velar pola saúde das persoas traballadoras e adoptar todas as medidas que foren necesarias para preservar a saúde destas. Os servizos de prevención das empresas son obrigatorios e deben proporcionar á empresa o asesoramento e apoio que precise (art. 31 LPRL e art. 19 RSP).
A empresa debe facilitar as
equipas de prevención individual (EPIs) axeitadas(art. 17 LPRL) e, naquelas actividades que envolvan un grande número de traballadores que fiquen de forma continuada no local de traballo, débese ter vixiancia específica.No tocante ás viaxes, queda restrinxida a liberdade de circulación, que non afecta á asistencia ao posto de traballo, mais deben prohibirse deslocamentos a zonas de risco en que se decretase o illamento e restrinxir ao máximo os desprazamentos a zonas en que se detectara un amplo número de contaxios.
8.2.- Que ocorre se a empresa non adopta medidas?
De producirse contaxio no ámbito laboral porque a empresa non adoptou ningunha prevención é considerado accidente laboral e producirase recargo por falta de medidas de seguranza das prestacións que a Seguridade Social abone pola doenza, para alén da correspondente infracción grave con sanción económica, con multas de até 40.985 euros (art. 40.2.b LISOS).
Amais, de acordo co artigo 157 do Real Decreto Lexislativo 8/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social(LXSS) entenderase como doenza profesionala contraída por mor do traballo e, xa que logo, se se produce contaxio como consecuencia dunha viaxe de traballo ou no centro de traballo, podería considerarse como accidente laboral.
A maior abastanza, o 11 de marzo, emitiuse comunicado no BOE que modifica a lexislación referente á Lei Orgánica 3/1986, que fai referencia a Medidas Especiais en Materia de Saúde Pública.
Nesta modificación, no seu artigo 5.1, estabelece que, en caso de confinamento ou doenza derivada do COVID-19, considerarase accidente laboral e desde o primeiro día da baixa percibirase 75% da base reguladora da Seguridade Social, non sendo que o convenio colectivo de aplicación estabeleza unha cantidade superior.
8.3.- Como empresario podo suspender contratos de traballo por paralización da actividade da empresa?
No caso da presente pandemia, de acordo cos artigos 45.1.i e 47 do Real Decreto Lexislativo 2/2015, de 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, pódese tramitar un expediente de regulación temporal de emprego por forza maior (ERTE), por exemplo nos supostos de falla de material necesario para a actividade ou acontecementos imprevisíbeis e inevitábeis alleos á empresa. No entanto, en condicións normais isto require un mínimo de 15 días e descoñecemos calquera instrución que axilice os prazos polo de pronto.
Amais, para a prestación por desemprego, se se cumpren as cotizacións para o seu cobro, a empresa está obrigada a manter durante ese período a cotización á Seguridade Social (arti. 273 LXSS), mais coas moratorias aprobadas polo consello de Ministros.
En ningún caso a empresa pode obrigar as persoas traballadoras a utilizar os días de vacacións por feche do centro de traballo. Tampouco se poden encobrir como permisos ou asuntos particulares e moito menos pretender que non sexan retribuídos.
9.- Teletraballo.
Canto ao teletraballo, medida recomendada polo Ministerio de Traballo xa hai días: <>. Por exemplo, a operadora galega Greloprioriza a posta en marcha de centraisvirtuais de teléfono para que o persoal de empresas poida traballar desde a casa utilizando o teléfono da oficina igual que se estivesen nos seus postos. Porén, ben é certo que moitos call center non están aplicando medidas lóxicas de seguranza como distancias de 2 metros para as persoas traballadoras.
En ningún caso, a empresa pode descontar cantidade ningunha de soldo por falta de servizos técnicos ou ferramentas de traballo no noso fogar, xa que é responsabilidade da empresa a resolución deste tipo de incidencias.
10.- Persoas en situación de exclusión e emerxencia social.
Non existe, até o de agora, nengún protocolo ou instrución específica. Reina a improvisación a todos os níveis como en tantas outras cuestións, e só o 14 de marzo desde a Xunta se indicou que se abrirán todos os albergues para as persoas sen fogar. No entanto, as persoas en risco de exclusión ou emerxencia social precisan tamén de atención urxente. Se coñecemos casos impelilos a que se dirixan aos servizos sociaiscomo primeira medida.
É urxente que se viabilicen servizos de comida de balde, con entrega no fogar, para persoas maiores e en risco de emerxencia social. Este servizo pode contratarse desde os concellos con PEMEs locais e pola vía de emerxencia que permite dotacións orzamentares extraordinarias.
11.- Se retorno de fóra para o rural que debo facer?
A solidariedade e o apoio mútuos son sempre fundamentais, máxime en tempos de crise. No rural sabémolo ben desde sempre.Se retornas ao rural desde outros territorios debes extremar o confinamento pola saúde de todas e todos. Recomendamos dirixirse ao concello telefonicamente para comunicar a chegadae seguir as instrucións que se vos dean. En caso de sintomas empregar o telefone 900 400 116.
12.- Persoas traballadoras do SAF.
Cada concello está aplicando os protocolos que estima convenientes, algúns máis afortunados, outros totalmente contraindicados. Entendemos que as exixencias deben ser as seguintes:
-
Suspender o SAF agás para dependentes, polo que non se atendería a libre concorrencia para minimizar riscos. Servizos mínimos en todos os concellos.
-
Demandar o uso de luvas e mascariñas debidamente homologadas e de apenas un uso.
-
Entrega do protocolo específico de actuación en papel.
-
Folleto informativo para entregar nos enderezos con información básicas: como lavar ben as maos, telefones de interese etc.
13.- Reorganizar o persoal municipal.
Fronte a emerxencia operar a reorganización do persoal municipal (brigada de obras, peóns, parques e xardíns etc.) para asistencia a persoas (maiores e/ou en situación de emerxencia social) en labores de entrega de alimentos, leña, estufas… En todo caso, deberían reforzarse os servizos desde a Xunta e o Goberno con dotacións extraordinarias e cómpre un protocolo unificado e detallado para os concellos. É incríbel que non se previra nada e que se improvisen medidas sobre a marcha.A policía local e a Protección civil fican baixo mando único do Ministerio de Interior.
O persoal municipal debe contar coas medidas de protección axeitadas e a Xunta non arbitrou aínda medidas especiais para os nosos maiores após fecharen os centros de día. Por iso, é urxente transferir fondos extraordinarios aos concellos e reorganizar os servizos municipais para atender as necesidades básicas da cidadanía máis vulnerábel.
14.- Fórmulas de atención de consultas en liña.
Se tes calquera dúbida sobre este documento ou calquera outra cuestión podes contactar con nós mediante as redes sociais e intentaremos axudarche na medida do posíbel:
É necesario exixirque as administracións locais habiliten canles de información para a cidadanía e, nomeadamente, unha liña de asesoramento e asistencia para persoas maiores. A actuación das diferentes AA.PP. está deixando bastante que desexar, tamén no eido local.
Por último, lembra que nas crises e nos momentos difíciles as xentes do rural sempre fomos solidarias e exemplares. #ninguénéunhailla
No interior galego, a 15 de marzo de 2020.
No Comments