18 Abr Consideracións ante a emerxencia sanitaria e a crise social e económica pola COVID19
As candidaturas, entidades sociais e persoas que integramos Por un Interior Galego Vivo (IGV) vimos mapeando as necesidades, acertos e deficiencias nesta crise sen precedentes desde hai décadas no noso ámbito e, en consecuencia, consideramos imprescindíbel encetar un debate sobre alternativas e medidas necesarias para afrontar a consecuencias sanitarias, mais tamén as sociais e económicas que non van ser flor dun día. Así pois, é esencial comezar a pór unha serie de cuestións por cima da mesa e que seguiremos artellando e desenvolvendo mediante o traballo colaborativo e a cooperación que caracterizan a nosa razón de ser, ao servizo do noso territorio e as súas xentes.
Así as cousas, algunhas das cuestións que consideramos vitais pór neste momento no centro do debate e ás que social e politicamente cómpre darmos resposta son as seguintes:
Apertura gradual por territorios e confinamento total para os principais focos. Unha medida urxente á que a observación empírica e as recomendacións científicas conducen. Para a apertura gradual cómpren controis severos de mobilidade para evitar novos contaxios, nomeadamente nas nosas áreas cunha maioría de poboación de risco.
Descentralización e coordinación da diversidade. Ter políticas centralizadas e únicas para territorios con impactos e realidades totalmente asimétricos non é o máis axeitado. Por exemplo, é posíbel permitir, mediante os pertinentes protocolos, que nas áreas rurais a xente maior e as crianzas saian a pasearpara paliar os efectos na mobilidade psicomotriz do confinamento prolongado, cando menos nas vilas e núcleos de poboación. De feito, en boa parte do rural, o distanciamento social por desgraza xa é un feito diario en moitas ocasións. Non ten sentido que se volva ao traballo, coas conglomeracións resultantes no ámbito urbano, aplicando ao rural un confinamento estrito cando non se producen contactos e se gardan as distancias.
A mellor política,a prevención. Realización de testes masivos na poboación, a comezar polos profesionais que están na primeira liña (SAF, brigadistas, persoal municipal, Protección Civil, sanitarias, caixeiras e repoñedoras…), que deben ter prioridade absoluta no reparto de EPI’s, así como seren estes axeitados e eficaces. Dentro das políticas de prevención, o noso sistema sanitario ten demostrado o valor fundamental da Atención Primaria de saúde, que é imprescindíbel reforzar.
Protocolo racional de uso e reparto de máscaras. Un bo sistema de reparto é través das farmacias e dispor nos concellos para o persoal e para dar a colectivos expostos (supermercados, tendas, taxistas etc.). Débese intervir o seu prezo e reparto. Cando o subministro garanta que a poboación máis exposta estea cuberta, reparto responsábel de máscaras á cidadanía dende os concellos, o que trae consigo control de non acaparamento e difusión de pautas para un uso correcto das mesmas. Tendo en conta o desabastecemento, aínda que non é o ideal, haberá que informar sobre a correcta elaboración das caseiras e a súa reutilización.
A mellor vacina contra os boatos, a transparencia. Creación dun portal de acceso libre que ofreza os datos desglosados por concello e centro de saúde, como xa fan Portugal, Cantabria e Euskadi. O coñecemento leva a extremar as precaucións e transmite tranquilidade, evitando especulacións. Asemade, o desglose por municipios dos casos permite adecuar as políticas públicas a cada zona.
Por un minifundio e humanización dos coidados das persoas maiores e dependentes. É posíbel – e crea máis emprego e con dignidade – mudar o modelo de macrorresidencias por un reforzo do SAF, asistentes persoais e Centros de Día que fomenten a autonomía persoal e mesmo pequenas aldeas-residencias e/ou vivendas comunitarias para persoas maiores, máis humanas, próximas e que permiten o sostemento da comunidade, alén de rehabilitar vivendas e aldeas abandonadas. En relación aos casos detectados neste momento en centros de atención directa, solución arca de Noé.
Produtores/as locais de comida e mercados de proximidade. Aínda que o desabastecemento alimentario non parece probábel, cada vez hai máis noticias do acaparamento macizo realizado polas grandes superficies e do incremento dos prezos de alimentos básicos. É necesario que todas as Administracións (Estatal, Autonómica e Local) se involucren no mantemento dos mercados de proximidade, onde os houber, e na facilitación do traballo de todas as persoas que produzan ou vendan alimentos locais. Non podemos deixar fechar estas canles máis aínda do que xa o vimos facendo e que toda a comida diaria dependa das grandes superficies.
O día despois. As estimacións de caída do PIB estatal son do 9%, sabendo que é un indicador moi pouco útil polo seu impacto totalmente desigual dependendo das faixas de poboación e da súa distribución xeográfica, evidenciando que poda ser letal nos territorios periféricos con crises recorrentes e crónicas como o interior galego. Cómpre, pois, unha análise da realidade socioeconómica de cada concello para propoñer planos de emerxencia social e de reactivación económica acaídos, que inclúan apoio ás pequenas produtoras agrogandeiras locais e ás PEMES e persoas autónomas, esenciais no noso tecido produtivo. Non volver facerlle pagar a débeda pública con axustes draconianos ás facendas locais.
Políticas públicas que prioricen o socialmente necesario. Non queda outra que fuxir do ordoliberalismo e voltar a Keynes e Leontiev, o mecanismo do MEDE, como analizou Varoufakis, é unha ilusión ao repercutir nas regras de déficit en 2021 fronte á solución da mutualización da débeda através de eurobonos. Desde o ámbito local, debe ser posíbel activar fondos de continxencia e programas de apoio e axudas ás persoas vulnerábeis, autónomas e pequenas empresas, mantendo e reforzando os investimentos, subvencións e axudas, reforzo dos servizos públicos esenciais e, por suposto, reaxustando orzamentos e ordenanzas fiscais. Estas políticas actúan como estabilizadores automáticos na economía. Nos concellos onde existen elevados remanentes de tesouraría e superávits deben poder destinarse a estas cuestións e a investimentos reais produtivos (infraestruturas, empresas de participación pública etc.) e non destinando estes a destinos que teñen outras fontes de financiamento e alternativas de pago aprazado. En consecuencia, é mester demandar ao Estado que deixe sen efecto as normas restritivas como a regra de gasto e os limites e condicionantes á dispoñibilidade de gasto ou á contratación de persoal.
Coordinación e fronte única na política galega. Cremos necesario que todas e todos os electos, concelleiros e alcaldes, fagamos unha fronte única na política galega. Para iso as comisións de seguimento deben reunirse semanalmente, renderen contas e crear consenso mediante o diálogo, o que non está acontecendo en múltiplos lugares. Non é de recibo tampouco a descordinación, por exemplo no reparto de máscaras onde nuns concellos se entregan a toda a poboación e noutros son insuficientes mesmo para os profesionais que están na primeira liña. Noutras ocasións, cargos do Goberno fan un uso partidista, partillando novas moitas veces falsas e sen contrastar. Cando todo isto pase será o momento de analizar e pedir responsabilidades onde as houber, mais desde IGV acreditamos e executamos a fronte única onde gobernamos e onde non o facemos desenvolvemos un labor construtivo formulando propostas e manifestando a vontade de colaborar e axudar a Goberno de viciñanza en todo momento, apostando pola unidade na diversidade e priorizando sempre a saúde e a superación da pandemia.
No interior galego, a 17 de abril, día da loita labrega, de 2020.
No Comments