Interior Galego Vivo coa Sanidade pública, sempre!

Interior Galego Vivo coa Sanidade pública, sempre!

Interior Galego Vivo apoia totalmente as mobilizacións que SOS Sanidade Pública, axentes sociais e plataformas locais convocan este mes por toda Galicia para esixir o cese do recorte na Sanidade pública e o reforzo da Atención Primaria.

Todo o País sufrimos as listas de agarda, derivacións á privada ou saturación da Atención Primaria. No interior galego, a Administración non garante as especialidades hospitalarias esenciais para unha sociedade avellentada, ten os hospitais comarcais sempre en precario, dependendo de áreas sanitarias provinciais e unha Atención Primaria cada vez máis tensionada, sendo sangrante o caso da pediatría.

Só a loita da cidadanía agrupada arredor da necesidade de defender a Sanidade pública que tanto esforzo custou conseguir aos nosos e ás nosas maiores pode frear o desmantelamento. Lembremos como a cidadanía de Verín e comarca freou o peche decretado pola Xunta do paridoido do Hospital de Verín. Non esquecemos tampouco a última afrenta da Administración: concentrar ás persoas maiores de 80 anos nos “vacinódromos” para a cuarta dose da vacina, en lugar de administrala nos centros de saúde.

Pola dignidade da atención de Saúde de cidadanía e profesionais sanitarios, por servizos ben dotados e por condicións de traballo dignas, IGV parcicipa nas mobilizacións cidadás a prol da Sanidade Pública.

Onte mesmo, 29 de novembro, a Plataforma Sanitaria do sur lugués ateigou a Casa da Cultura de Monforte esixindo medios, persoal e capacidade de xestión coa recuperación da área sanitaria de Monforte.

O público é servizo, o privado, beneficio.

Tags:
No Comments

Post A Comment