27 Xan IGV apoia as mobilizacións en defensa da Sanidade pública en todo o país
IGV apoia as mobilizacións en defensa da Sanidade pública en todo o país
IGV defende a recuperación da capacidade de xestión das antigas áreas sanitarias de ámbito comarcal
No interior galego, 27 de xaneiro de 2023.
O pasado 25 de xaneiro, Interior Galego Vivo asistimos a unha xuntanza convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte e comarca, na que nos comprometemos, xunto con outros axentes políticos e sociais, a apoiar as mobilizacións en defensa dunha Sanidade pública galega que continúa recortada e deteriorada polas políticas da Xunta.
Así, defendemos e apoiaremos todas as mobilizacións que teñan lugar – incluída a manifestación convocada para o 12 de febreiro en Santiago de Compostela polas plataformas de todo o país – e a defender orzamentos axeitados ás necesidades da Sanidade naquelas instancias políticas nas que esteamos.
Dende IGV consideremos intolerable o abandono da Xunta cara as necesidades sanitarias da cidadanía do sur de Lugo, con especialidades no Hospital que non cobren as prazas – e as conseguintes listas de espera -, a ausencia de rehabilitación, que motiva derivacións á privada ou a falta crónica de pediatras, tanto en atención hospitalaria como en Atención Primaria, ámbito que se vén deteriorando nos últimos anos.
Asemade, dende IGV tamén apoiamos a reivindicación de repor as dúas prazas de pediatría no Centro de Saúde de Verín, referencia para toda a comarca.
Por iso, reivindicamos:
– a recuperación da capacidade de xestión das antigas áreas sanitarias dos hospitais comarcais de Monforte e de Verín.
– o aumento do orzamento da Atención Primaria, con aumento de prestacións como fisioterapia.
– o ofrecemento de contratos estables e cobertura das baixas e ausencias do persoal.
– un plan de cobertura pediátrica digna para todo o interior galego.
Só a mobilización cívica conxunta pode frear o deterioro e garantir que teñamos os dereitos sanitarios que nos corresponden. Por iso, Interior Galego Vivo súmase á mobilización cidadá, apoiando e acompañando unha reivindicación que ten que ser ampla e de todas e todos.
No Comments