05 Out A Xunta discrimina as persoas maiores do interior galego enviándoas a “vacinódromos”
A resposta do Sergas ante os problemas de mobilidade da xente maior no medio rural é “ que agarden ás repescas”, discriminándoos duplamente, tanto xeográfica, canto económicamente. Ao tempo volve demostrar o crónico desleixo e a falta de investimento na Atención Primaria.
No Interior Galego a 5 de outubro de 2022.
Centro de Saúde de Seoane no Concello de Folgoso do Courel. O rural máis unha vez con piores servizos e a veciñanza discriminada, mentres o PP continúa coa degradación da atención primaria. Foto: Interior Galego Vivo.
A administración da cuarta dose da vacina contra a COVID19 ás persoas de máis de 85 anos está a provocar trastornos a moita xente do interior galego, por ter que acudir, de novo, aos denominados como “vacinódromos”, ou sexa, centros de vacinación maciza, en moitos casos a ducias de quilómetros, en lugar de nos centros de saúde de Atención Primaria.
Cando remate esta fase de vacinación, o Conselleiro de Sanidade informou que “haberá repesca”, esta si, nos centros de saúde, e convida a quen non queira ir aos vacinódromos “agardar ás repescas”, mais ficarían deste xeito durante meses desprotexidos e contradise ao admitir que a vacinación sería máis eficiente e lóxica nos centros de saúde.
Xa se están a producir numerosos casos de persoas que non van vacinarse aos centros dispostos e que agardan á repesca na Atención Primaria, co cal, o plan da Xunta devén en fracaso, todo por non reforzar os centros de saúde para que administren xa a cuarta dose da vacina.
Trátase da enésima burla á xente máis vulnerábel do medio rural. É completamente intolerábel que persoas de idade avanzada grazas ao traballo e esforzo das cales temos Sanidade pública e Atención Primaria descentralizada, que ven como son desprezadas á hora de administrar a cuarta dose da vacina dunha doenza que lles afecta sobre todo a elas.
As persoas maiores das parroquias máis afastadas dos “vacinódromos” deben xestionar o desprazamento a estes, que inclúe necesidade de acompañamento, en casos de cadeiras de rodas ou mobilidade reducida, e gasto de cartos en taxis, pola falta de liñas regulares de transporte público en moitos puntos.
Dispor a vacinación nos centros de saúde de Atención Primaria reduciría gastos e trastornos a estas persoas de máis de 85 anos, só que o Sergas non reforza os centros de saúde co persoal necesario nin a Xunta contempla un reforzo dos medios de transporte público no medio rural.
Prodúcense situacións como a de persoas de 104 anos de Chantada citadas vía SMS para acudir a vacinarse ao centro de vacinación disposto en Monforte, ou persoas en cadeiras de rodas que non poden saír sen axuda, ou a xente da Montaña de Lugo que debe ir ao HULA, tendo unha hora de traxecto en coche só para recibir a vacina.
Esta cuestión súmase aos problemas de fondo xa de moita xente maior de comarcas interiores de Lugo que deben facer importantes gastos en taxis para acudir a citas médicas ou probas ao HULA, por non dispor de alternativas de transporte.
A actitude da Xunta cara a sanidade é preocupante, como tamén mostra o feito de termos un único helicóptero medicalizado en funcionamento: estase xogando coa saúde e mesmo coa vida das persoas. A violencia exércese de moitos xeitos: os trastornos económicos e para as persoas maiores con mobilidade reducida son violencia. Os recortes matan.
Dende Interior Galego Vivo sumámonos ás voces que reivindican o reforzo da Atención Primaria de saúde no medio rural e a disposición inmediata da vacinación da cuarta dose da vacina contra a COVID19 a maiores de 85 anos nos centros de saúde lembrando tamén a nosa demanda de isócronas aos hospitais e centros de saúde que garantan a equidade e a igualdade de toda a cidadanía galega.
No Comments