
30 Xan Interior Galego Vivo pide aos Concellos que esixan á Xunta a documentación da candidatura da Ribeira Sacra para dala a coñecer á cidadanía
Interior Galego Vivo pide aos Concellos que esixan á Xunta a documentación da candidatura da Ribeira Sacra para dala a coñecer á cidadanía.
A falta de transparencia sobre a candidatura evidencia que “non houbo nunca vontade real de participación”. “Os Alcaldes van sacar a foto a FITUR, a gastos pagos, sen que a cidadanía coñeza o que se vai presentar”.
30/1/2025
IGV rexistra un Rogo nos concellos para que os Alcaldes esixan á Xunta que dea traslado da documentación da candidatura da Ribeira Sacra e que logo esta se expoña ao público nos Concellos. O Rogo foi presentado xa no Concello de Sober, onde se celebra pleno o 30 de xaneiro.
O pasado 22 de xaneiro a Xunta presentou en FITUR, Madrid, a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, nun acto con presenza do Consorcio de Turismo e concellos da zona, incluíndo os Alcaldes de Sober, Pantón e Monforte.
A Xunta divulgou entón unha nota de prensa sinalando que xa está entregada a documentación completa de dita candidatura ao Ministerio de Cultura e que este expediente xa foi enviado ao Centro de Patrimonio Mundial.
Sen embargo, esta documentación non é accesible ao público (non se atopa no Portal de Transparencia) nin foi facilitada aos distintos axentes interesados do territorio, nin sequera ás asociacións que participaron nalgún dos encontros promovidos o ano pasado para divulgar o proceso da candidatura – celebrados tarde e con pouca afluencia -.
Así, vemos que os Alcaldes de distintas cores políticas préstanse a sacar a foto, pero non a informar á cidadanía dun proceso de candidatura que, en teoría, debe ser transparente e participado polas xentes do territorio.
Ao non coñecer a documentación é imposible avaliar se se recolleron suxestións ou cal é a calidade científica da candidatura.
En todo caso, semella que a candidatura vai adiante arroupada pola práctica totalidade das administracións.
IGV non quere participar deste consenso político baseado na falta de información e solicita, a través destes rogos nos Concellos que se esixa á Xunta a documentación da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial e, a continuación, que se expoña ao público nos Concellos.
Por outra parte, a Administración mantén a suposición de que existe un apoio á candidatura no territorio, pero isto non é real porque a participación foi moi escasa e o que nos transmiten as xentes de diferentes parroquias é que non saben como vai contribuír a candidatura a solucionar os problemas estruturais da zona nin en que lles afecta dito proceso. É por iso que IGV tamén pide que os Concellos inicien un proceso de consulta ás parroquias sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial, e que aproveiten para recollida de suxestións e problemas do territorio.
No Comments