IGV demanda paralizar a ampliación da OU-0509 en San Pedro de Rocas

IGV demanda paralizar a ampliación da OU-0509 en San Pedro de Rocas

A cidadanía autoorganizada está facendo quendas para evitar o atentado que a Deputaciónde Ourense quere executar na contorna de San Pedro de Rocas.

Este domingo unhas 300 persoas participaron nunha marcha organizada por SOS Ourense e a Fundación Moreiras San Pedro de Rocas. Especialmente grave é que os traballos comezasen cando o 10 de marzo comezará en Ourense o xuízo contra o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, polo proxecto de ampliación da estrada OU-0509, que atravesa o couto do mosteiro de San Pedro de Rocas.

A Fundación Moreiras leva tempo advertindo que a ampliación provocaría danos irreparábeis neste conxunto declarado BIC en 1999, protección ampliada no 2018 como parte do BIC Ribeira Sacra, na categoría de paisaxe cultural, que amplicou a superficie de protección ao redor da igrexa até as 100 hectáreas. A isto cómpre engadir a declaración pola UNESCO da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Coure, que non se pode xebrar de San Pedro de Rocas como elemento basilar da inventio da Ribeira Sacra e mesmo chama a atención que a actuación coincida co proceso para conseguir que a Ribeira Sacra sexa inscrita na lista do Patrimonio Mundial da Unesco

Esta agresión ao territorio ten por tras unha concepción moi concreta: ampliar as vías para receber inxentes fluxos turísticos masificados, que desfiguren o territorio e que levaría por diante centos de árbores e tocaría ao couto do mosterior de valor incalculábel, cando a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta en 2011 e 2018 informara en contra. De feito, cando a Dirección de Patrimonio da Xunta denega o permiso para facer a estrada en 2011 e 2018 faino porque as obras afectarían ao espazo do couto do mosteiro, mesmo antes de que estivese protexido. Como poden agora cun nível de protección superior autorizar as obras cando só se permite reafirmar o actual firme sen tocar o seu trazado? A impunidade do caciquismo ten que rematar.

A Deputación de Ourense, así como a Xunta da Galiza, deberán reflexionar se as figuras de protección que están lanzando de costas ao moradores e cultivadores do territorio teñen algunha credibilidade no tocante a protección ou se se trata unicamente de configurar marcas territoriais para procesos de acumulación e espolio.

Que propón INTERIOR GALEGO VIVO?

Desde Interior Galego Vivo pomos o noso gran de area de dous xeitos: por un lado, por medio dun escrito que solicita á Deputación de Ourense a paralización inmediata do proxecto e a aprobación dun plan reitor para San Pedro de Rocas desenvolvido por unha equipa interdisciplinar; e, por outro lado, encamiñamos unha moción á Corporación do Concello de Esgos e aos grupos nela representados e  onde PROPOMOS:

1.- Dirixirse á Deputación de Ourense para solicitar a paralización inmediata e retirada do proxecto de ampliación da OU-0509.

2.- O Concello de Esgos propón ao ente provincial nomear unha comisión interdisciplinar, con presenza da sociedade civil, para elaborar e facer o seguimento dun plano director para o conxunto de San Pedro de Rocas, revisábel anualmente, na secuencia de estabelecer unha guía para a correcta protección conservación, restauración, documentación, pesquisa, difusión, posta en valor, xestión, accesibilidade e desenvolvemento.

3.- O Concello de Esgos remite este acordo ao organismo ICOMOS perante o que se está tramitando a Candidatura a Patrimonio da Humanidade da Ribeira Sacra para que faga as achegas e consideracións, de ser o caso, que estime oportunas.

Na defensa do patrimonio e do interior galego nen un paso atrás.

Terra a nosa!

#salvemosRocas

#SOSOurense

No Comments

Post A Comment