O rural non ten deputados en Madrid

O rural non ten deputados en Madrid

Aínda que a democracia naceu en espazos rurais e a primeira república moderna, a dos EUA, contaba con desfensores dunha “república de pequenos propietarios” o certo é que hoxe o mundo rural non ten presenza nas Cortes, nen no Congreso nen no Senado.

Resulta descorazonador ver como entre a pléiade de partidos con representación no Congreso e que protagonizan estes días os debates sobre a investidura as políticas para o rural estexan totalmente ausentes, para alén dunha breve mención no acordo entre PSOE e Sumar sen concreción. A principal política europea, en dotación económica comunitaria, e que é fundamental no mundo rural, a Política Agraria Común (PAC), nen sequer figura no debate nen no espectro da esquerda nen no da direita.

En consecuencia, Interior Galego Vivo (IGV) observa con preocupación que nun contecto de demotanasia e envellecemento o rural vai volver estar marxinado e lonxe dos focos e das políticas lexislativas máis unha lexislatura. O urbanocentrismo dos partidos con presenza do Congreso é absolutamente indiscutíbel sen que iso supoña pola nosa banda cuestionar direitos como fan as direitas, completamente desaforadas, e que mesmo cuestionan o direito de empregar as nosas proprias linguas.

Mentres a direita anuncia a apocalipse e que todo se rompe, a esquerda fala de infraestruturas para ligar cidades e de avanzar en cuestións importantes mais que esquecen a maior parte do territorio. Se algo se rompe e se acaba no Reino de España é o mundo rural e as formas de vida que sustentan a biodiversidade, a paisaxe e un territorio con crecentes ameazas climáticas e que é imprescindíbel para a seguranza alimentar.

IGV lamenta que PSOE e PP teñan o foco posto só en Catalunya ou que se tenten solucionar xudicialmente diferendos cuxa solución é política, deixando enxergar preocupantes tics antidemocráticos no PP.

O patriotismo de pulseira non ve alén da Castellana, e os debates sobre financiamento non poñen sobre a mesa a necesidade dun plano de investimentos que permita revitalizar o tecido produtivo e o sector primario, como tampouco se formula a necesidade dunha fiscalidade rural que apenas forzas como IGV, Teruel Existe ou Soria Ya temos defendido con insistencia.

Para as persoas traballadoras, do campo e das cidades, e para os e as demócratas de todo o Estado esta lexislatura debería ser unha ocasión para reflexionar sobre os pobos da Península e para desenvolver políticas de resilencia climática que teñen que pór o foco no mundo rural e nos seu futuro, porque ser menos non resta direitos.

Señorías, o rural e o interior galego existen.

No Comments

Post A Comment