30 Mai Interior Galego Vivo medra e aséntase no interior galego
Interior Galego Vivo medra e aséntase no interior galego
Ás portas de facer caer maiorías absolutas do PP e sendo chave en Vilardevós
As candidaturas presentadas baixo a coalición “Concellos do Interior con Futuro”, de Interior Galego Vivo, aumentaron apoios en votos e escanos o 28 de maio.
Cun gran traballo militante e nun contexto de reforzamento da dereita a nivel xeral – aínda que en Galicia son as forzas progresistas quen reteñen as principais institucións – as xentes de Interior Galego Vivo conseguiron sumar para candidaturas que apostan pola vida digna no rural galego.
Interior Galego Vivo é a quinta forza galega en escanos, amosando o acerto de agruparse entre candidaturas afíns. Queremos aproveitar para parabenizar a múltiples candidaturas veciñais galegas que acadaron ou mantiveron representación e a aquelas que conseguiron subir e mesmo derrotar á dereita nos seus municipios.
Agora, estamos nun novo ciclo político, acelerado pola convocatoria de Eleccións Xerais para xullo, que IGV afronta dende a súa posición de sempre: traballo de base municipal, a longo prazo, e centrado nas necesidades das xentes do interior galego.
Os resultados foron excelentes en Chantada e Folgoso do Courel, na provincia de Lugo, e Vilardevós e Laza, en Ourense.
Da provincia de Lugo.
En Chantada, IGV acada 1406 votos (440 máis), subindo do 18,56 % ao 27,59% dos votos, sendo segunda forza e quedando a maioría do PP en Chantada – que baixou – por un cento de votos. Serán 4 os escanos de Por Chantada – tiña 2 -. Cabe destacar que máis de 600 votos contrarios á maioría do PP quedaron sen representación pola fragmentación de candidaturas.
No Courel, Caurel Vivo obtén 279 votos, que é o 32,55%, mantendo 2 concelleiros nun pleno que baixou a 7 escanos en total (tiña 2 de 9 cun 21,21% dos votos).
En Sober, Agroma Sober sobe do 18,71% ao 21,3%, con 296 votos e 2 escanos – xa tiña 2 -.
En Monforte, Espertamonforte! mantén a súa representación de 1 concelleiro (5,83% dos votos).
En Portomarín, onde se presentaba por vez primeira Terras de Portomarín, non acadou escano, aínda que case chega ao 7% de voto.
Da provincia de Ourense.
En Vilardevós, IGV, onde se presentaba por primeira vez, obtivo un 20,13% dos votos e 2 escanos, perdendo o PP a maioría absoluta e converténdose IGV en chave do goberno.
En Laza, Xuntos pasa do 23% do voto e 2 escanos de 2019 até o 35% e 3 escanos, mais a caída do PSOE dalle a maioría absoluta ao PP. É a candidatura de IGV con maior porcentaxe de respaldo no seu concello.
En Chandrexa tamén se melloran resultados, saltando de 1 escano e 19% dos votos de 2019 a 2 escanos e máis do 29% do voto, sendo a única oposición ao PP.
En definitiva, IGV alí onde se presenta ten base e consegue situarse como segunda forza na maioría de Concellos, con 16 escanos comprometidos coa vida digna no interior galego, nun contexto difícil que esixe seguir con este traballo de base.
No Comments