A oposición fala en Chantada: Por Chantada – Interior Galego Vivo

A oposición fala en Chantada: Por Chantada – Interior Galego Vivo

Reproducimos entrevista do Ribeira Sacra XA ao voceiro de Por Chantada: Antom Fente Parada, Coordinador Xeral de IGV.

Como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido?

Na adolescencia comecei a desenvolver o sentido da xustiza social e o interese polo ben común, que aínda hoxe me acompañan se ben na política stritu senso non nos iniciamos, mais esta determínanos desde o berce. Non podemos restrinxir a política aos partidos nen confundir unha cousa coa outra, se só deixamos a política para os partidos entón temos unha privatización dos asuntos públicos (a RES PUBLICA que dicían os romanos), que é a crecente mercadotecnia onde os intereses da cidadanía son impotentes fronte ás maquinaias eleitorais.

Niste sentido, en tanto en canto seres sociais, somos “animais políticos” no sentido que lle daba Aristóteles, é dicir seres sociais que viven en comunidade e que teñen asuntos e problemáticas comúns ás que daban dar resposta. Na Atenas do século -V onde naceu a democracia as persoas “sen ideas” que evitaban participar dos asuntos da polis (de onde vén política) ern os “idiotas”. É moi importante que sexamos cidadáns activos e conscientes e que non permitamos que nos “idioticen”.

Canto aos partidos, representan diferentes intereses e grupos que pugnan por impor a súa visión e opcións nunha sociedade e nun contexto histórico. Por Chantada nace no 2015 como unha forza independente e local na secuencia da crise de lexitimidade que tiñan os partidos tradicionais a partir da crise de 2008. Non nos valían os espazos existentes e entendiamos que debiamos artellar a pluralidade de a democracia directa nun proxecto aberto e ao servizo de toda a viciñanza. Cos anos fomos coñecendo opcións municipalistas semellantes e configurando un proxecto coherente e aglutinador para o rural que é Interior Galego Vivo, sendo unha honra poder ser o seu Coordinador Xeral. Mentres que outros partidos teñen a sede en Madrid ou en Santiago nós témola no rural e nas nosas parroquias, en Chantada, en Antas, en Laza, en Folgoso do Courel, en Chandrexa de Queixa ou en Vilardevós.

Desde cando forma parte da política local do Concello de Chantada?

Como ficou acima expreso, concorremos aos comicios locais de 2015 obtendo 10,31% do voto. A partir de aí comecei o meu labor como concelleiro, primeiro en solitario e desde 2019 xa co apoio da miña compañeira Cruz Fernández e desde 2023 co de Helena Fernández e Ibán Ratón. A verdade que é un luxo poder coordinar unha equipa así e agardamos poder seguir sumando apoios da viciñanza para manter este crecemento exponencial, que nos permite multiplicar os apoios en cada convocatoria (1-2-4) e que entendemos é un recoñecemento da xente ao noso labor a pesar de non ter as siglas dos partidos de sempre por tras ou, talvez, por mor diso mesmo, pois non resolven os problemas reais da xente e mostran a corrupción asociada á contratación pública e a descomposición da súa lexitimidade ao afastar a axenda dos problemas e preocupaciós reais das persoas.

Cal é o papel da oposición no Concello?

O noso papel é construír unha maioría alternativa demostrando que hai un programa e un proxecto solvente alternativo ao do bipartito PP-Inta que fai esmorecer o noso concello e dilapida as potencialidades que timos. Para isto escoitar a viciñanza e achegarnos aos problemas das 36 parroquias e dos 8000 viciños e viciñas é o fundamental, sen esquecer a defensa do ben común e dos intereses da maioría social e non só intereses privados ou parciais que marcan a axenda da actual alcaldía. Por iso o control e o seguimento do labor do Goberno é esencial, fiscalizando as súas actuaciós.

Cal cre que debe ser o papel da oposición en xeral, en calquera concello?

Nunha democracia o goberno debe tentar executar o seu programa escoitando a viciñanza e actuando desde a ética e o ben común. Por súa vez, a oposición debe velar polo correcto funcionamento dos servizos e da institución, pola transparencia e a legalidade, polas contas certas e por tentar presionar para que partes do seu programa se integren na axenda da maioría gobernante. No entanto, hoxe os lobbies están por riba do ben común e hai presións e intereses particulares que suplantan os intereses da maioría social en todos os níveis. En moitos concellos onde só están os partidos tradicionais a política local non deixa de ser un partido de tenis onde se reparten as culpas e se trasladan os debates bizantinos de Madrid ou Santiago. Felizmente, onde está IGV hai axenda propria: a axenda dos intereses da viciñanza e non o sucursalismo seguidista.

Como axuda o seu partido a mellorar a vida na vila?

Desde o comezo apostamos pola transparencia e a información. A pesar das continuas pexas á hora de trasladar información desde o Goberno municipal, aínda sendo un direito fundamental das persoas concelleiras recollido na Constitución española, a viciñanza sabe que moitas veces é máis fiábel e rápido informarse dun asunto dirixíndose a nós que ao proprio Concello. Entendemos que o sentido da nosa existencia debe ser acompañar nas demandas ás viciñais e naquelas loitas que se dean pola mellora do que é de todos. Iso traducímolo, xunto ao noso programa elaborado un xeito participativo e horizontal, en mociós, rogos, perguntas, etc.

Cales son as necesidades de Chantada?

Chantada partilla coa súa comarca e con outras comarcas do interior galego un acelerado cadro de demotanasia, que no noso caso se traduce nun elevado índice de avellentamento e na mingua de poboación que nos vai facer baixar dos 8000 habitantes por primeira vez na historia cando hai algo máis de 100 anos eramos a 9ª poboación da Galiza demograficamente falando. Só nas parroquias da ribeira, agora que se fala tanto desa inventio chamada Ribeira Sacra, perdeuse de media máis de 40% da poboación entre 2000-2020. Sen xente non hai futuro, non hai dinamismo económico, non hai paisaxe e as propriedades non teñen valor podendo ser acaparadas a prezos moi baixos por capital e intereses alleos ás nosas comunidades. Por outras palabras, estamos como o Hamlet de Shakespeare nunha encrucillada histórica: «to be, or not to be, that is the question». Imos perder ou non o que pode ser o último tren para seguirmos sendo unha vila con dinamismo e cabeceira no sistema comarcal galego? Imos comezar a facer políticas para converxer con outros territorios e evitar que o groso da pouca mocidade que timos se vaia ou imos a ritmo de polbo e verbena continuar coas receitas que nos conduciron a esta situación? Imos apostar polo sector primario e por fixar poboación das parroquias retroalimentando as potencialidades agro-alimentares e de transformación do polígono dos Acrivros ou imos deixar esmorecer o que nos fai verdadeiramente únicos para confiar todo no turismo? Queremos que nos leven regaladas as terras, as augas, o vento e o futuro das vindeiras xeraciós ou queremos traballar colectivamente por un futuro digno que permita manter as nosas parroquias e actividade no territorio con servizos dignos?

Todas as persoas sabemos que na vida hai que tomar decisiós e facer escollas e non sempre é doado facer a escolla certa, mais tamén sabemos que quen non arrisca non petisca. O clientelismo, o piloto automático e as receitas de sempre xa as coñecemos e xa sabemos o leite que dan. É hora de dar paso a outras persoas e ideas ou resignarse a esmorecer algo ao que nos negamos cada vez máis persoas no interior galego, por iso a participación activa en IGV non para de incrementarse.

A nivel persoal, que sacrificios e beneficios supón formar parte da oposición do Concello?

A participación activa, entendida como servizo público, no combate político e nas instituciós exixe numerosos sacrificios: familia, tempo e cartos. No meu caso cheguei a estar traballando en Lisboa ou no Grove e mantendo todos os meus compromisos. Foi duro, mais había moito que facer e polo que loitar. En segundo lugar, non é o mesmo ser concelleiro nunha forza independente, onde o único horizonte é mellorar a vida das persoas que te rodean, que noutros partidos onde non hai postos ou ascensos aos que aspirar ou mesmo onde hai persoas con remuneración. Actualmente, Por Chantada é a única forza onde ninguén vive da política e que non ten “liberados”, é dicir, persoas que traballen para o partido con remuneración.

A calquera persoa que se preocupe polo que é de todos diríalle que hai que telo moi claro e asumir que é un desgaste continuo e moi forte que non calquera persoa está en condiciós de padecer. Por iso, vaia o meu recoñecemento a todas esas concelleiras e concelleiros que nos concellos do rural combaten a lacra do caciquismo sen máis alento que o daquelas persoas que os apoian, ise é o “beneficio” real: facer comunidade, construír país e dar futuro aos que veñan despois de nós. Nun mundo onde semella que o carto é o deus omnipotente os valores e a comunidade son a esperanza no porvir.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Coas miñas compañeiras e compañeiros sermos capaces de que máis viciñas e viciños se acheguen a nós para construírmos unha maioría de goberno que nos permita cambiar as cousas en Chantada e mellorar. Tamén, por que non, erguer unha voz política para as comarcas rurais, non só centrada en denunciar os nosos problemas específicos, mais tamén en demandar e propor soluciós reais aos problemas que temos e que non se entenden desde os despachos de Madrid e Santiago. Queremos ter Futuro digno na nosa Terra: nada máis dramático que ter que vindicar algo tan elemental e inherente á natureza humana no século XXI. Ser menos non resta direitos!

Como son as relacións co equipo de Goberno?

Non hai relaciós reais fóra da educación e do decoro que hai que manter nos órganos colexiados para mostrar ao corpo social que son o diálogo e a razón os que fan a democracia e non o insulto e o odio ou as fake news, que a nível local xa existían moito antes de que chegase o anglicismo. O Pleno, que debería ser o lugar onde se deliberase e decidise a política local, baleirouse e aplícase o rodillo dos brazos de madeira que a lei eleitoral permitiu a pesar de que a oposición recebeu máis votos ca o goberno.

Antes de rematar quixera agracecer expresamente a Ribeira Sacra Xa esta iniciativa e o xornalismo heroico que fan aberto sempre á pluralidade de voces que hai na sociedade e non só ao estreito funil das subvenciós que peneira a grella informativa dos principais medios. Nise sentido, iniciativas como a vosa, ou no pasado a nosa tele local Televinte son unha lembranza de que outro xornalismo non só é posíbel, mais urxente e necesario.

Tags:
No Comments

Post A Comment