13 Xan O campo galego véndese aos lobbies en Bruxelas: o que PP, PSOE e Vox votan, non o que din
O campo galego véndese aos lobbies en Bruxelas: o que PP, PSOE e Vox votan, non o que din
Interior Galego Vivo ten claro que a política partidaria faise nas instituciós e no que se vota ou propón nelas. O importante é o que se vota, non o que se di.

Vacas en Chandrexa de Queixa. Foto: Interior Galego Vivo.
Nos últimos meses, coa escusa das mobilizacións agrarias e da campaña eleitoral europea, asistimos a unha intensificación do discurso “en defensa do campo” por parte dos grandes partidos estatais. Porén, máis unha vez, cando se baixa do atril e se sobe ao hemiciclo do Parlamento Europeo, a realidade é outra ben distinta.
As decisións que afectan de maneira directa ao futuro do agro galego non se toman en roldas de imprensa nin en declaracións grandilocuentes, mais en votacións técnicas, emendas e resolucións en Bruxelas e Estrasburgo. E é aí onde PP, PSOE e Vox coinciden de maneira reiterada no sentido de voto a prol dos tratados de libre comercio e, como non, a prol de Mercosur.
Do dito ao feito hai un treito.
Moitos partidos estatais practican un duplo rexistro perfectamente calculado para enganar os votantes: mensaxe dura a nível estatal ou autonómico para apropriarse do malestar do sector primario; logo, en Europa, “voto responsábel”, é dicir, favorábel ao sistema de libre comercio, mesmo cando este prexudica directamente á produción agraria galega.
O PP, o PSOE e Vox votaron no Parlamento Europeu unha e outra vez a prol da continuidade dos tratados de libre comercio, incluído o acordo UE-Mercosul, cando houbo ocasións reais de frealos. As súas discrepancias limítanse, no mellor dos casos, a emendas menores de reciprocidade, que non cuestionan o fondo do modelo porque o grande Capital e os fondos de investimento están por cima da agricultura familiar.
Vox: moito ruído, poucos feitos
O caso de Vox é especialmente revelador. O partido declara publicamente que se opón ao acordo UE-Mercosul e emprega unha retórica moi dura en defensa do sector primario (onde ten un caladoiro de votos como toda a extrema direita europea). Porén, cando se analizan as votacións reais, a súa oposición desaparece, asi como Meloni e Italia apoiaron Mercosur.
Vox non promoveu nen apoiou con coherencia resolucións efectivas para bloquear, suspender ou rexeitar os tratados de libre comercio. É máis, en votacións chave, votou xunto a PP e PSOE. Isto non é casualidade: Vox mantén un programa económico ultraliberal, incompatíbel cunha defensa real do agro.
A votación clave durante as protestas agrarias
Durante as mobilizacións agrarias en Europa, e no contexto da campaña das eleicións europeas, apresentouse no Parlamento Europeu unha proposta clara e non simbólica: suspender ou frear os tratados de libre comercio (incluíndo Mercosur) en canto non se garantise: a reciprocidade ambiental, o cumprimento das normas sanitarias, e a protección efectiva do sector primario europeo.
Esta votación pretendía parar de facto a dinámica dos acordos comerciais que afogan ao agro. O resultado foi esclarecedor:
EN CONTRA: PP (PPE), PSOE (S&D) e Vox votaron en contra da suspensión, permitindo que o libre comercio continuase.
A FAVOR: The Left (A Esquerda) e Verdes/ALE apoiaron a proposta e manteñen un voto sistematicamente contrario aos tratados de libre comercio.
Conclusión: quen vende o campo galego?
A conclusión é incómoda pero necesaria: PP, PSOE e Vox venden o campo galego cada vez que votan en Europa, por moito que logo tenten vender outro relato á cidadanía. Non se trata de opinións nen de discursos, senón de feitos contrastábeis como a inacción da Xunta en moitos temas como o uso do prato para o xurro.
O voto e non os contos definen a política. E en Bruxelas, os partidos estatais aliñanse co libre comercio, non co agro galego.
Defender o campo non é poñerse unha boina ou subirse a un cabalo nun mitin: é votar en contra dos tratados que o destrúen. Por iso precisamos forzas políticas por e para o campo e non señoritos que desde Madrid nos vendan fumo unha e outra vez.
No Comments