Agroma Sober-IGV reclama un cambio de rumbo na prevención de incendios forestais tras o devastador incendio de Pombeiro

Agroma Sober-IGV reclama un cambio de rumbo na prevención de incendios forestais tras o devastador incendio de Pombeiro

Nas ribeiras do Cabe e do Sil, 23 de setembro de 2025.

O Grupo Municipal Agroma Sober, integrado en Interior Galego Vivo, vén de rexistrar unha moción no Concello para o seu debate este 25 de setembro, no Pleno ordinario, reclamando un cambio profundo nas políticas de prevención de incendios tras o grave lume de Pombeiro, que arrasou arredor de 2.000 hectáreas e puxo en risco vivendas e vidas tanto en Sober coma en Ferreira de Pantón.

Agroma Sober propón 22 medidas de prevención de incendios e de recuperación do queimado que “deberían ter xa reflexo nos orzamentos municipais de 2026, reducindo as partidas de festexos e publicidade en favor das de medio rural”.

O cambio climático impón que os grandes incendios vaian ser frecuentes, polo que as administracións locais deben actuar no marco das súas competencias: “a xente é consciente de que se este lume ten lugar cando se produciu a vaga de agosto, as aldeas queimaríanse e o risco para a poboación serían maior. Non se pode mirar a outro lado, hai que crear xa unha comisión de prevención de incendios xunto cas parroquias e deseñar perímetros, corta lumes e bocas de auga en todas as aldeas” – sinala Paula Vázquez Verao, voceira da organización -.

“Os concellos da chamada Ribeira Sacra tenen que deixarse de meter millonadas en festivais e feiras do viño e protexer a xente, paisaxe e economía tradicional, que é o que permite ter viño e turismo. A disxuntiva é ou patrimonio real da xente, ou decorado (calcinado).” – insiste a formación política -.

Expoñen dende Agroma Sober-IGV que, malia que a Xunta ten a maior parte das competencias, os concellos tamén teñen obrigas legais que non se están a cumprir, como a actualización dos plans de prevención ou a vixilancia das faixas de xestión da biomasa, deixando na veciñanza a responsabilidade de alertar sobre quen non mantén limpas as fincas, cando esto é responsabilidade do Concello.

“As aldeas non poden quedar indefensas” – afirma Agroma Sober -. O incendio, que obrigou a evacuar persoas en Anllo e Rosende, puxo en evidencia a precariedade da política de prevención. Foi grazas á entrega do dispositivo e da veciñanza – que colaborou para salvar as aldeas – que a situación non foi tan grave.

Cómpre un gran debate social e un acordo amplo para afrontar os retos do futuro: o cambio climático acelerado e o proceso de despoboamento de décadas que vivimos na nosa comarca favorece a virulencia dos lumes, co retroceso das terras agrarias, a proliferación das plantacións de piñeiros sen ordenar (herdanza das políticas franquistas) e as pistas e camiños intransitables.

Propostas de Agroma Sober

O grupo de IGV formula unha batería de medidas que deberían marcar a folla de ruta dos vindeiros orzamentos municipais e dun debate social amplo sobre o futuro do medio rural. Entre elas destacan:


Transparencia: información pública sobre a execución do Plan Municipal de Prevención, mapa das zonas afectadas e auditoría da Xunta sobre as brigadas municipais.


Protección Civil: creación dunha Comisión Municipal de Prevención de Incendios con participación veciñal e actualización do Plan de Protección Civil.


Cultivos forestais: erradicación dos eucaliptos en 2028, control das plantacións ilegais e fomento da castaña e doutros usos alternativos do monte.

Sanidade: revisión das traídas de auga e fontes parroquiais tras os lumes.


Faixas de biomasa: contratación de dous técnicos forestais estábeis, vixilancia e axilidade municipal dos incumprimentos e mellora das pistas, accesos e bocas de rego en todas as aldeas.

Plan de emerxencias da Ribeira Sacra, proposta que xa teñen lanzado colectivos como a Federación de asociaciós da Ribeira Sacra.


Trasladar a ADIF a urxencia de retirada do material de restos da obra da vía Monforte-Ourense, asi como dos desperfectos, na zona entre Areas e Santo Estevo, que constitúen un risco medioambiental.


Agrogandeiría: apoio a proxectos de gando extensivo e creación dun rabaño municipal de cabras para limpeza do monte.

Estabelecemento dun plano de ordenación do territorio coa recuperación dos usos agrarios como prioritarios.

Axudas: solicitar ao abeiro do Decreto 76/2025 a reparación de danos e declarar as zonas afectadas como de emerxencia de Protección Civil.

Un reto de país

Agroma Sober conclúe que “o cambio climático e o despoboamento fan que cada verán os lumes sexan máis virulentos, pero non podemos resignarnos. É hora de actuar con valentía para recuperar o solo agrario, diversificar os montes e garantir a seguridade da veciñanza”.

O grupo comprométese a facer seguimento destas propostas e a insistir na súa incorporación aos orzamentos municipais de 2026, entendendo que “a loita contra os incendios é un dos maiores retos sociais e ambientais que temos como país”.

O Patrimonio da Humanidade revelouse como simple decorado para a propaganda, cando a realidade é unha total falta de planificación e ordenación do territorio e que pon en risco aldeas e vidas por igual. Fronte á posta idílica que se quere vender, a realidade é a do abandono institucional máis descarnado.

Tags:
No Comments

Post A Comment