
19 Ago Agora Galicia e Interior Galego Vivo solidarízanse coa veciñanza afectada polo lume e denuncia falta de medios e descoordinación
Entre as causas estruturais dos terribles lumes da provincia de Ourense, a mudanza climática, o abandono institucional do rural e a burocracia e normativas que penalizan o autoconsumo e a gandeiría en extensivo.
“Agora toca estar coa veciñanza e co persoal do dispositivo antiincendios”.
Todo o alento de Agora Galicia para Vilardevós, Interior Galego Vivo. e Xuntos por Chandrexa
* Son xa varios días de loita contra o lume na provincia de Ourense, cun papel fundamental da veciñanza na defensa das aldeas. Tamara Balboa, Tenente de Alcaldesa de Vilardevós por IGV, que leva varias xornadas extenuantes acudindo aos núcleos asediados polo lume, sinala que “salvamos os lugares habitados grazas á xente. O lume reavívase día a día, cando se apaga nunha aldea, aparece noutra”. Balboa denuncia a falta de medios e a descoordinación nun momento de condicións climáticas extremas.
* Por outra parte, o incendio de Chandrexa avanza sen control, uníndose a outro lume do Macizo Central, o que xa o sitúa como o meirande da historia do País. Alí, o concelleiro Rubén Fernández, voceiro de Xuntos Por Chandrexa, leva días loitando contra o lume. “Gustaríame dicirlles catro cousas a Rueda e Feijóo, que viñeron sacar a foto, pero agora é o momento de estar coa veciñanza á que lles arde o presente e o futuro”.
* Dende Xuntas por Laza siguen a situación do grave incendio de Monterrei e lamentan que o Alcalde do PP convocara un pleno extraordinario urxente unicamente para unha cacicada: resolver unha situación persoal dun concelleiro e non pola gravidade da situación dos lumes.
* Pola contra, o Pleno de Vilardevós xa acordou o 13 de agosto solicitar que a zona sexa considerada afectada por emerxencia civil a instancias de IGV, así como medidas contra a flavescencia dourada.
Agora Galicia entendemos que a aceleración da mudanza climática e o abandono do rural son unha bomba de reloxaría ao que se une a perda de actividade agraria sendo o silvopastoreo esencial. “Un medio rural vivo con ordenación territorial sería e recuperación de usos como a gandeiría en extensivo, necesario fronte o modelo especulativo que o abandona á cobiza das multinacionais”.
Lamentamos tamén que non se aprendera nada dos incendios do Courel, onde se reduciron os efectivos das brigadas. Ademais, é unha constante como brigadistas están tirando das súas libranzas para reforzar o operativo.
Agora é o tempo de estar coa veciñanza e co persoal da loita contra incendios, desbordados pola situación. O noso recoñecemento e apoio, mais non esquezamos pois no 2022 eran Courel e Valdeorras e nada mudou desde a Xunta.
No Comments