A UNESCO reprende á Xunta pola falta de protección ambiental da Ribeira Sacra e pola falta de xustificación da singularidade da candidatura

A UNESCO reprende á Xunta pola falta de protección ambiental da Ribeira Sacra e pola falta de xustificación da singularidade da candidatura

Non se pode pola mañá promover autovías, canteiras, louseiras, eucaliptos, encoros, eólicos e minicentrais e pola tarde dicir que “se fixeron as cousas ben” na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

A Xunta chegou a trasladar á UNESCO que os encoros do franquismo non supuxeron un impacto negativo significativo. No entanto, os avaliadores do ICOMOS mostráronse indemnes á propaganda oficial e a un relato –único, unilateral e inventado– que non pode ocultar o que está á vista, polo que lle sinalan á Xunta eivas da candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial no sentido de emendas formuladas por colectivos como Interior Galego Vivo.

Interior Galego Vivo propón un compromiso interadministrativo para aumento de fondos para a protección ambiental, fixar poboación no rural e o coñecemento científico e a documentación sobre os territorios do ámbito BIC da Ribeira Sacra, independentemente da continuidade da candidatura.

8 de xuño de 2021

A Xunta e o Goberno Central retiraron a presentación da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade este ano ante a UNESCO por un informe desfavorábel do ICOMOS, divulgado posteriormente, que sinala que recomenda a «non inscrición» da Ribeira Sacra na Listaxe do Patrimonio Mundial e, amais, a diferenza doutras candidaturas non hai propostas de mellora porque é preciso reformular o enfoque e a filosofía de toda a candidatura.

Coñecido o informe, vemos que se afasta do que transmitiron a Xunta e o Goberno central, pois as principais recomendacións teñen a ver coa necesidade de maior protección ambiental e a falta de singularidade da candidatura. O «adiantamento estratéxico», decretado por dous gobernos coma todo o proceso sempre desde arriba, é a continuación da farsa e do engano.

Imos comer turismo, como sinteticamente presentaramos o problema nas nosas alegacións. A Ribeira Sacra non pode mercantilizarse e ser negocio para as elites que exclúen á maioría social da participación. Así, o ICOMOS destaca a falta de planificación da carga turística sobre o territorio. A marca territorial Ribeira Sacra, tal e como se proxecta na candidatura, lonxe de sentar os alicerces en piares de protección e construción de futuro, alimenta un modelo de turismo co que a UNESCO discrepa, pois o Turismo non é quen de sustentar a vitalidade económica do territorio, en canto avanza o despoboamento e se neglixencia o futuro da agricultura tradicional.

Canto aos encoros, que expropiaron na ditadura a prezo de deserto terras fértiles e converteron nun deserto verde as parroquias ribeirás, para a UNESCO teñen un alto impacto negativo. Como outras formas de espolio do territorio detráense numerosos recursos do territorio sen calquera contraprestación para a poboación. Por iso, o informe do ICOMOS desfavorábel á inclusión da Ribeira Sacra na Lista do Patrimonio Mundial pon acento no impacto visual de eólicos, canteiras ou encoros, ademais dos incendios forestais – unha lacra recorrente – e as repoboacións con árbores alóctonas (coma eucaliptos). Sinala, como a alegación que propuxemos dende Interior Galego Vivo e que fora desestimada, que debería haber unha prohibición expresa de canteiras na área delimitada e que non deberían estar permitidos os seus impactos indirectos.

Por se o anterior fose pouco, a candidatura baseouse na sacralización do territorio, inexistente hodierno, e sen incluír todos os exemplos de arquitectura sacra importantes e sen avaliar correctamente o seu estado de conservación. A inventio da Ribeira Sacra non parte, xa que logo, da nosa propia historia e do noso patrimonio material e inmaterial, senón dun relato –único, unilateral e inventado– feito desde gabinetes de Madrid e Santiago, que absorben abondos recursos públicos, aínda por riba.

Sen data aínda prevista para retomar a presentación desta candidatura, a Xunta e o Goberno central anuncian «diálogo» entre administracións e a Xunta organizou unha foto nos Peares cos alcaldes da zona para facer unha profesión de fe, sen autocrítica algunha: «a Ribeira Sacra será Patrimonio Mundial». A participación real e efectiva das comunidades atinxidas terá que esperar, mediatizada por as voces que impuxeron un relato único e, agora xa sabemos que tamén fracasado.

Deste xeito, dende Interior Galego Vivo queremos facer as seguintes consideracións e propostas de actuación:

1. O ámbito “Ribeira Sacra” declarado BIC como Paisaxe Cultural precisa afondar nas políticas de restauración ecolóxica e conservación do Patrimonio, alén de que as Administración coordinen políticas que permitan alternativas de vida digna na zona. Independentemente da consecución da distinción da UNESCO, esta dinámica de cooperación interadministrativa debe estabelecerse.

2. A valoración negativa por parte do ICOMOS da candidatura debe facer reflexionar á Xunta, ao Consorcio de Turismo, ás Deputacións de Lugo e Ourense e ás alcaldías da Ribeira Sacra. É mester unha nova elaboración da candidatura con maior rigor científico e implicación cidadá.

3. Que varias organizacións e persoas, entre elas, integrantes de Interior Galego Vivo, rexistraran alegacións ao expediente que sinalaban a ausencia de explicación histórica para os encoros. Para alén diso, mistificouse unha paisaxe eminentemente antropizada para criar unha marca territorial e mercantilizalo cun turismo sen planificación da capacidade de carga. Así, eludiuse no expediente a valoración das consecuencias para a zona que trouxo a política do Franquismo, represión incluída, nun exercicio de desmemoria intolerábel para levar ante un organismo cultural internacional.

4. Que varias organizacións e persoas, entre elas, integrantes de Interior Galego Vivo, rexistraran alegacións ao expediente que sinalaban a necesidade de prohibir expresamente actividades de gran impacto ambiental e que non só non foron tidas en conta, mais mesmo houbo mudanzas lexislativas para continuar favorecendo o acaparamento de terras e a predación do territorio por parte das transnacionais.

5. Que a cartografía presenta aínda incorreccións.

6. Que a participación cidadá na candidatura non se fomentou, pois non se activou a participación cidadá na Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra e creouse só en finais de 2019 un suposto Consello de Parroquias da Ribeira Sacra, que, teoricamente, será o xerme dun consello asesor –segundo o Presidente do Consorcio de Turismo- avisando arbitrariamente ás persoas que a candidatura considerou representativas, sen ningún tipo de transparencia nin consideración democrática coas asociacións constituídas no territorio.

Así, Interior Galego Vivo propón a convocatoria de xuntanzas abertas coa sociedade civil interesada, para valorar a continuidade da candidatura e, de ser o caso, unha reformulación da mesma, coa reconsideración de alegacións presentadas ao expediente orixinal e a corrección das eivas detectadas pola UNESCO.

Tamén, propoñemos, independentemente da continuidade da candidatura:

A – o aumento dos fondos destinados ao Plan de Acción da Paisaxe, enfocado nas actuacións de restauración ecolóxica.

B – o fomento de máis estudos arqueolóxicos sobre as terrazas das ribeiras.

C – a promoción de foros de debate coa presenza tanto de persoas expertas nos ámbitos da Historia, Xeografía, Bioloxía, Lingüística ou Economía Agraria, para alén de con representantes dos sectores económicos da zona e, sobre todo, da viciñanza das parroquias atinxidas.

D – o impulso dun programa de conservación e divulgación do Patrimonio inmaterial, incluída a microtoponimia, con contratación de persoal para este fin, de acordo coas directrices do Plano nacional de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial.

E – a creación dun Centro de documentación e estudos ribeiraos (CEDER) e aumento das publicacións sobre documentación histórica da zona.

F – a necesidade dunha revisión da planimetría que parta dun rigoroso traballo de campo.


Consideramos que estas accións son propostas viables e necesarias, que deberían impulsarse en coordinación dende Xunta, Concellos, Deputacións e Goberno central, integrando á sociedade civil, independentemente do curso da candidatura.

Sexamos ou non Patrimonio Mundial as nosas ribeiras e as nosas xentes meréceno.

No interior galego, 8 de xuño de 2021.

* Aquí pode verse o documento do ICOMOS relativo á candidatura da Ribeira Sacra.

https://bit.ly/3pAcGPB

1 Comment

Post A Comment