Interior Galego Vivo exixe actuar inmediatamente na N-540 e un eixo vertebrador digno para Lugo e Ourense

Interior Galego Vivo exixe actuar inmediatamente na N-540 e un eixo vertebrador digno para Lugo e Ourense

Interior Galego Vivo considera que o estado calamitoso da N-540 non permite que se demoren máis as actuacións para o seu aglomerado en condicións. Censuramos a irresponsabilidade de PP e PSOE que só se acordan do estado das vías na campaña eleitoral e só daquelas onde non gobernan, cando se trata de infraestrutura básica, cuxo mantemento compete ás institucións e que non pode ser un problema recorrente que causa roturas, pinchazos e mesmo accidentes graves.

Foto dun recente duplo pinchazo na N-540 entre a incorporación desde a Avenida de Monforte (Chantada) e o Polígono dos Acivros. Foto: Por Chantada

.

Un desleixo recorrente.

Xa no mes de xaneiro de 2023 desde Interior Galego Vivo, por iniciativa das nosas agrupacións das comarcas da Ulloa e de Chantada (Por Chantada), manifestamos ao MITMA que o estado da N-540 era completamente lamentábel e que se trataba dunha situación recorrente ao longo dos anos, a pesares de ser a principal vía de comunicación entre Lugo e Ourense, ou sexa, o principal nó comunicativo da Galiza interior.

A nosa agrupación Por Chantada tamén levou ao pleno iniciativas en diferentes ocasións para o correcto adecentamento desta infraestrutura e até a Corporación acordou por unanimidade, a instancias do noso grupo, dirixirse ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana en 2018 e 2020.

Lembremos igualmente, que xa o 22 de xuño de 2017 a Comisión de Seguranza Vial do Congreso aprobou unha proposición non de lei para que o Ministerio de Fomento efectuase actuacións de reforma e rehabilitación en diferentes trechos na N-540 na provincia de Lugo. No entanto, observamos unha ininterrupida continuidade no mal estado do firme que se agudiza nos meses infernais con todo o que trae consigo: perigosidade na condución e avarías que requiren custosas reparacións a unha poboación que, por máis sinais, non dispón de alternativas de transporte público e tampouco dun tren que conecte as cabeceiras do sistema comarcal galego (conforme as Directrices de Ordenación do Territorio que a propria Xunta incumpre sistematicamente).


Interior Galego Vivo redorda do mesmo xeito o informe de 2015 da Asociación Española de la Carretera que situaba xa naquela altura a Galiza entre as cinco CCAA co firme das estradas en pior estado, situación que desde entón – e é en extremo lamentábel ter que subliñalo, apenas empiorou, con especial intensidade na comarca de Chantada. Un dos viais que o estudo de 2015 sinalaba xa como especialmente calamitoso era precisamente o que nos ocupa e entón gobernaba o PPde Mariano Rajoy.

Estes antecedentes son unha dupla mostra de que a N-540 sofre un desleixo crónico e que o interior galego padece un abandono insitucional palmario con independencia de que goberne o Partido Popular ou o Partido Socialista.

Promesas incumpridas.

No pasado ano o MITMA contestouno, através da subdirectora xeral Belén Roel de Lara, o seguinte:

En relación con la queja presentada a través de registro electrónico a este Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana con N.º de Registro: REGAGE23e00001207514, del 08/01/2023 acerca del estado del firme de la N-540 en Lugo y Ourense, desde la Dirección General de Carreteras se traslada:

Le informamos que están en avanzada fase de redacción varios proyectos de mejora de dicha carretera en la provincia de Lugo, con presupuesto de más de 13 millones de euros, cuyas obras se han programado como prioritarias para este año 2023. Además, este Ministerio invirtió más de 200.000 euros el pasado año en la rehabilitación del firme de la travesía de Guntín.

Por nuestra parte, agradecemos su queja, porque nos ayuda a mejorar los servicios que prestamos a los ciudadanos y quedamos a su disposición para cualquier otro asunto de su interés.

No entanto, a 28 de xaneiro de 2024 o estado da N-540 ao seu paso polos concellos de Carballedo, Chantada e Taboada segue a ser lamentábel e poderíase até dicir que máis calamitoso ca nunca, polo que a “prioridade” que se nos indicara para o 2023 ficou en auga de castañas. Así as cousas, volvemos dirixirnos agora ao Ministerio para que repare unha situación que supón a quebra do principio constitucional de igualdade ao discriminr as comarcas rurais do interior galego que encabezamos os índices estatais de envellecemento e demotanasia, ao tempo que se prexudica gravemente a particulares e empresas que suportan continuos rebentóns en pneumáticos e outras avarías provocadas polo mal estado da estrada.

Amais, o deterioro nas marxe da malla cinexética provocou diversos accidentes, até algúns de falta desenlace, pola invasión de xabarís na vía que son moi difíciles de distinguir de noite ou con condicións de baixa visibilidade habituais na comarca de Chantada (néboa, choiva intensa…).

É o momento das solucións.

Interior Galego Vivo acredita que é tempo de solucións. En vez dunha eterna promesa de autoestrada entre Lugo e Ourense, que nunca vai efectivizaarse ou tardaría no mellor dos casos décadas, precisamos centrar os esforzos en ampliar a N-540 cun aglomerado acorde á tonelaxe e ao tránsito da estrada; con redución de curvas nos piores tramos e carrís de adiantamento en todo momento cando menos nun sentido; e, como proposta de futuro e vertebración territorial real, que a mellora e ampliación incorpore un tren en paralelo que mellore a conectivade das comarcas dun modo máis ecolóxico e reducindo así as emisións de CO2 ao tempo que se crie un eixo comunicativo entre Lugo e Chaves que vertebre o interior da Euro-região Galiza – Portugal Norte.

Cada novo quilómetro de autoestrada custaría hoxe por volta de 9 millóns de euros polo que se podería facer todo isto e ter un eixo vertebrador merecente do seu nome por moitos menos cartos. Desde IGV seguiremos traballando para que as nosas propostas sexan ouvidas, pois só queremos xustiza e igualdade no trato para os nosos territorios.

No Comments

Post A Comment