Selfies e propaganda: o Plan de Acción da Paisaxe Ribeira Sacra é apenas acondicionar puntos para subir fotos a Instagram

Selfies e propaganda: o Plan de Acción da Paisaxe Ribeira Sacra é apenas acondicionar puntos para subir fotos a Instagram

O documento non dá instrumentos para corrixir os peores impactos na paisaxe, que o propio estudo identifica, e limítase a crear zonas para estacionamento e toma de fotografías ao longo de dous itinerarios para facer en automóbil.

  • Consulta aquí o documento de alegacións presentadas:

27 de abril de 2021

Estupor é a palabra axeitada para describir as sensacións que provoca o denominado con grande bombo por parte da Xunta da Galiza como Plan de acción da paisaxe da Ribeira Sacra, elaborado en marzo de 2021. Porén, é apenas unha proposta de sinalización de dous roteiros panorámicos a realizar en vehículos particulares, que contempla pequenas actuacións que non melloran os peores impactos sobre a paisaxe e fomenta un modelo turístico predador e fundamentado en converter o teritorio nunha marca territorial de consumo rápido e selfie.

Por outras palabras, preséntase como plan o que realmente son dúas actuacións puntuais para acondicionar lugares onde sacar fotos para o Instagram. De feito, se ben o plan identifica elementos disruptivos da paisaxe, non ten o suficiente orzamento como para acometer todas as actuacións necesarias, limitándose o groso das accións á racionalización da sinaléctica e información sobre dous futuros roteiros, así como certas medidas de revexetación, algo importante, mais absolutamente insuficiente, limitadas a plantar algunha árbore.

Unha auténtica tomadura de pelo cando se suceden as declaracións, plans e anuncios que non se traducen en inversións racionais que fixen poboación e melloren servizos. Pola contra, asistimos a un modelo de grandes anuncios e improvisacións que dá titulares na imprensa decote, mais non se traduce en actuacións que realmente poñan solución ás problemáticas que padecemos.

Desta arte, chamar Plan de acción da paisaxe da Ribeira Sacra a este documento venlle grande, tanto como cativo é o seu Orzamento: 132.110 € repartidos en tres anualidades e dez concellos, tocando a 13.211 € cada municipio. Cómpre descontar os 17.000 € xa gastados no estudo de actuacións e propostas. Asemade, contradicindo o artigo 23 do Decreto 96/2020, polo que se aproba o Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, ao plan fáltalle a descrición ben detallada de cada medida.

O documento identifica necesidades en relación á eliminación de vexetación alóctona e propón medidas necesarias, mais con escaso orzamento e só centradas nos puntos das rutas identificados como puntos de interese panorámico: erradicación de plantas invasoras, revexetación con especies autóctonas, información das especies. De feito, o propio documento recoñece «a imposibilidade de abordar o desenvolvemento de todas estas actuacións a través do orzamento do Plan de Acción», polo que se está presentando un plan de medidas parciais e puntuais, aínda que se recoñece que cómpren actuacións xerais. As palabras son boas, as obras inexistentes.

Estas medidas deberan implementarse no marco dun plan xeral para todos os concellos do ámbito

BIC da Ribeira Sacra, con fondos suficientes e coordinación entre administracións. Para variar, as persoas que habitamos o territorio deberiamos ter algunha cousas a dicir e canles de participación. A pobreza de fondos deriva na pobreza de actuacións. Así, para todo o Concello de Chantada: tres paneis informativos, plantación de dúas árbores, unha pérgola e reforma innecesaria dunha área de descanso en San Fiz, así como reordenar uns colectores. En Sober, dous paneis e unha árbore en Souto Chao. Actuacións que se poderían tramitar como subvencións de concorrencia non competitiva aos concellos atinxidos sen anunciar un grandilocuente Plan de acción da paisaxe da Ribeira Sacra. Accións poucas e planificación ningunha.

Dado que as actuacións de “revexetación” so ocupan 11.200 €, é dicir, 8,4% do plan, nada se pode agardar en canto a medidas necesarias como a erradicación de eucaliptos e outras especies invasoras ou control das plantacións prohibidas en Rede Natura.

O documento reserva unha serie de actuacións para que as implemente o Consorcio, que malamente o poderá facer sen un plan orzamentario amplo, pois trátase de actuacións moi necesarias que precisan gran volume de investimento e planificación, como é o soterramento de liñas eléctricas e a identificación de melloras nos entornos dos BIC, así como propor liñas de axuda a empresas e particulares. Mais non se sinala orzamento para elas.

A Xunta terá que explicar se este plan é a concreción definitiva, se isto se vai limitar a dúas rutas en coche de San Fiz de Asma até os Peares e dende Doade a Santo Estevo de Ribas de Sil, e deberá explicar como conxugalo co Plan de Sostibilidade Turística e o fomento de rutas en medios de transporte público, coma o tren.

Semella que o interese deste Plan de Acción é destacar a vista panorámica, crear itinerarios visitábeis en automóbil para comprender a paisaxe e facer fotografías, precisamente o modelo de turismo do que debemos refugar e que non xera valor para o territorio. Mais isto non é un plan de protección da paisaxe: é un plan de promoción turística da paisaxe.

Non negamos a importancia das actuacións previstas de racionalización da sinalización, pois a actual é un caos, mais a actuación sobre a paisaxe non pode limitarse a un plan de itinerarios turísticos. É unha tomadura de pelo facer pasar esta proposta de ridículo orzamento como unha acción que vai na liña de protexer a paisaxe, pois só se centra en fomentar a mobilidade en automóbil e a visión de postal.

O documento recoñece varios impactos na paisaxe cos que concordamos – vexetación alóctona, mal estado de conservación de núcleos… -, pero non ten propostas de solución nin financiamento. É máis, son problemáticas que vimos sinalando tamén nos períodos de exposición pública dos diferentes instrumentos de ordenación impulsados desde a Xunta (Reserva de Biosfera, BIC Ribeira Sacra, POMF San Fiz de Asma…) sen que se teñan feito nada ao respecto.

Tampouco sinala como ameaza de impacto sobre a paisaxe a instalación de macroeólicos nin os actuais muíños de vento existentes na contorna. Só ten impacto para a Xunta o que fan as persoas que viven no territorio, que deben lidar con crecentes trámites burocráticos e comezar a operar conforme a parámetros que baten frontalmente coa cultura do “ti vai facendo” promovida polos responsábeis públicos durante décadas.

Agora o “ti vai facendo” só se aplica ás multinacionais e aos fondos de inversión con sede en Luxemburgo. Cousas do “progreso” e da “protección” do territorio, eufemismos para unha ofensiva neocolonial e espoliadora dos medios de vida das poboacións locais. Así, dáse o paradoxo de que o documento identifica o impacto de granxas que «cortan as siluetas da paisaxe», mais non sinala iso mesmo das instalacións de enerxía eólica.

O documento recoñece que houbo pouca participación social, cuestión que debera ser incentivada, mais non entende que un territorio non se ordena de arriba abaixo sen contar coas poboacións nin fomentar unha cultura de codecisión, que nunca se incentivou. Tampouco as diferentes alegacións presentadas pola sociedade civil e polos colectivos que integramos Por un Interior Galego Vivo se tiveron en conta e rexeitáronse en redondo. No entanto, presentaremos máis unha vez alegacións ao texto centradas en propor máis investimento e actuacións na liña de «revexetación, restauración ecolóxica, limpeza e conservación», promover a participación social e elaborar un Plan de Acción da Paisaxe global con orzamento suficiente.

Porque non queremos unha paisaxe de consumo rápido para selfies nin falsos plans sen dotación económica. Queremos, como indicaba Otero Pedrayo, analizar e comprender o devalar do tempo na ribeira, na bocarribeira e na montaña… para transmitirlla nas mellores condicións ás futuras xeracións e que podan seguir vivindo aquí.

No interior galego, 27 de abril de 2021.

INTERIOR GALEGO VIVO https://interiorgalegovivo.wordpress.com/

2 Comments

Post A Comment