
26 Xan Interior Galego Vivo acusa ao Goberno do Estado e á Xunta de vender todo o mundo rural a prezo de saldo
Interior Galego Vivo acusa ao Goberno do Estado e á Xunta de vender todo o mundo rural a prezo de saldo.
- PP e PSOE lexislan á medida dos fundos especulativos de investimento estranxeiros, que saben que o chao no interior galego é barato e a presión cidadá moi baixa polo envellecemento e a demotanasia.
- Interior Galego Vivo condena que a Xunta aprobe declaracións de impacto ambiental sen contestar as alegacións da sociedade civil e oponse igualmente aos artigos 22 e 23 do Real Decreto Lei 20/2022 de 27 de decembro.
- Mentres noutros estados europeus entre 25% e 30% dos beneficios son para o territorio aquí non chega ao 3%, de aí o furor dos fundos de investimento internacionais
As agrupacións de Interior Galego Vivo sinalan que tanto a Xunta canto o Goberno central están favorecendo a especulación e o acaparamento de terras de diferentes modos, mais, nomeadamente, por medio da ofensiva especulativa de fondos de investimento que impulsan parques eólicos, parques fotovoltaicos e sumidoiro de carbono. As estratexias de greenwashing malamente desimulan a desposesión das comunidades rurais e o espolio dos nosos recursos que benefician os grandes centros urbanos e o capital estranxeiro mentres continúa a demotanasia e o baleirado da nosa Terra.
Nas últimas semanas asistimos a publicación no DOG de ducias de declaracións de impacto ambiental favorábeis o que suporá instalar 77 parques eólicos novos no territorio e sen ter contestado a Xunta as alegacións de Interior Galego Vivo, por exemplo aos parques eólicos Paradela, Vacaloura ou Maxal. Estes 77 parques suporán 2000 megavatios, mais en nada vai repercutir sobre as comunidades locais. Desta arte, acelérase un ciclo que vén de lonxe, pois a Xunta leva anos lexislando á medida dos fondos de investimento e do oligopolio enerxético deixando de lado os direitos das comunidades rurais, o benestar animal e o sector primario e a protección do patrimonio natural e cultural.
Por outra banda, IGV lamenta igualmente que nengunha deputada ou deputado galego votasen en contra do Real Decreto Lei 20/2022 de 27 de decembro de medidas de resposta ás consecuencias económicas e sociais da Guerra de Ucraína e de apoio á reconstrución da illa de La Palma e a outras situacións de vulnerabilidade. Aínda que o decreto recolle medidas positivas a súa votación era unha trampa ao mesturar temas moi diversos e desde o mes de abril desde o grupo Teruel Existe demandaban a retirada dos artigos 22 e 23 ao desregularen a normativa para ubicación de centrais renovábeis que arrasarán os territorios das comunidades rurais e limitarán os procesos de información pública e participación producindo indefensión manifesta aos “indíxenas” que resistimos no interior galego.
O RDL 20/2022 de 27 de decembro apenas exclúe as zonas da Rede Natura 2000 deixando exposto 85% do territorio galego a ser reclasificado de solo rústico a polígonos industriais para a especulación. Neste sentido, é lamentábel que o Goberno incumprise a súa palabra de limitar estas medidas apenas ás zonas de baixa sensibilidade do mapa de zonificación ambiental do MITECO para implantación de renovábeis, e con proceso de alegacións e publicación no BOE.
Así as cousas, tanto o PP na Xunta, canto o PSOE no Goberno central incumpren o recente regulamento europeu, xa que non hai zonas específicas previas nen avaliación ambiental estratéxica e sáltanse tamén a fase de información da avaliación ambiental. Estes partidos renuncian á defensa do ben común e dos intereses colectivos e non ordenan o territorio nen protexen a paisaxe, entregando o mundo rural á especulación e a que nos atraveses grandes centrais e liñas de alta tensión nunha burbulla de renovábeis con especial incidencia no interior galego. Os fundos especulativos de investimento estranxeiros saben que o chao no interior galego é barato e que a presión cidadá é moi baixa polo envellecemento e o baleirado poboacional e, aínda por riba, PP e PSOE lexislan á súa medida sacrificando os territorios rurais.
Tanto o Goberno central canto a Xunta incumpren a transferencia de beneficios ás comunidades locais que Europa sinala imprescindíbel para unha transición enerxética xusta e afondan na configuración do interior galego como territorio de sacrificio para o enriquecemento do mundo urbano. Asistimos a un roubo planificado ás comunidades rurais, xa que deberían ser beneficiarias de todos estes proxectos através dun canon merecente desde nome e protagonistas de proxectos de xeración distribuída, proxectos que defende Interior Galego Vivo. Así as cousas, mentres noutros estados europeus entre 25% e 30% dos beneficios son para o territorio aquí non chega ao 3%, de aí o furor dos fundos de investimento internacionais que alimentan unha borbulla que é apenas un lucrativo negocio a escala mundial, que nada ten a ver coa ecoloxía nen coa xustiza.
No interior galego, 25 de xaneiro de 202
No Comments