20 Set Interior Galego Vivo pide ás Alcaldías da “Ribeira Sacra” que esixan conxuntamente á Xunta a fin dos recortes educativos
Interior Galego Vivo pide ás Alcaldías da “Ribeira Sacra” que esixan conxuntamente á Xunta a fin dos recortes educativos
“Os alcaldes da Ribeira Sacra reúnense moito en eventos e festexos, pero pouco para analizar os problemas do territorio”.
– Varios centros educativos das comarcas da RS sofren falta de profesorado e precariedade de medios para atención educativa á Diversidade.
– “Un territorio que está na carreira por ser Patrimonio Mundial está abandonando o Ensino público: é hipócrita e indecente”, sinalou Paula Vázquez Verao.
– É o momento de esixir un Plano Específico de Ensino rural e o reforzo da atención á Diversidade.
No interior galego, a 20 de setembro de 2024.
O curso 2024-2025 inaugurouse na “Ribeira Sacra” con numerosos recortes educativos e en medio de protestas. Estamos ante unha dinámica de fondo especialmente lesiva para o ensino rural galego: as modificacións legais de recuperación de horario tan necesarias para o profesorado de Primaria pretenden facerse desde a Xunta a custo cero e sen dotar de máis profesorado os centros, co cal se perde a calidade educativa. A este respecto, dende Interior Galego Vivo sinalan que “os nenos e nenas do interior non son números, precisan contar coas mesmas oportunidades.” Estando na Ribeira Sacra, vemos que “un territorio que está na carreira por ser Patrimonio Mundial está abandonando o Ensino público: é hipócrita e indecente”, sinalou Paula Vázquez Verao.
En varios centros da zona se incumpren os acordos en canto ás rateos de alumnado por aula, o que penaliza ao conxunto do alumnado e, nomeadamente, a aquel que apresenta necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), pois o persoal de atención á Diversidade é tamén escaso.
Dende Interior Galego Vivo esiximos ás alcaldías da zona que, ante esta situación, se planten ante a Xunta e esixan conxuntamente á Xunta a fin dos recortes educativos, xa que vemos como “os alcaldes das comarcas da Ribeira Sacra se reúnen moito en eventos e festexos, pero pouco para analizar os problemas do territorio”.
Así, dende Interior Galego Vivo presentaremos mocións nos Concellos para solicitar á Xunta o cumprimento das rateos de profesorado acordadas no “Acordo de Melloras” de outubro de 2023 en todos os centros do interior galego, así como o aumento de horas para orientación e pedagoxía terapéutica nos centros de ensino do interior galego. Dende IGV pensamos que deben todas as Alcaldías dos Concellos do xeodestino “Ribeira Sacra” afectados por recortes facer unha fronte común en defensa de máis medios materiais e humanos no ensino rural e defender un Plan específico de ensino para o rural galego e un aumento do persoal de atención á diversidade nos centros de ensino público das comarcas da Ribeira Sacra.
Os recortes afectan, sobre todo, ao Eloísa Rivadulla en Chantada, ao CEIP Virxe do Carme de Sober, ao IES Río Cabe, ao CEIP da Pobra do Brollón e aos de Portomarín e Ribas de Sil, pero é unha problemática común en todos os centros a necesidade de máis persoal educativo. Asemade, no Courel tamén se presentan problemas co transporte escolar e vivimos o peche de escolas rurais coma Vilariño de Conso.
Por todo isto, non só esiximos que as Alcaldías se mobilicen contra os recortes deste curso, senón que tamén pedimos “un pacto político por un Plano Específico de Ensino rural e o reforzo da atención á Diversidade”.
É común a toda a “Ribeira Sacra” a falta de profesorado suficiente, o incumprimento dos acordos asinados pola propia Xunta do PP a precariedade de medios para a atención á Diversidade no eido educativo en todos os centros, ademais dos citados, ao que se suman os escasos recursos da Saúde Mental, nun momento en que aumentaron os trastornos entre a poboación menor.
No interior galego, a 20 de setembro de 2024.
Podes consultar a moción.
No Comments