Parabéns colectivos polo 23 de xullo

Parabéns colectivos polo 23 de xullo

Interior Galego Vivo agradece a mobilización cidadá para frear o recorte de dereitos e liberdades, mais coida que a solución gubernativa debe pór sobre a mesa os problemas do mundo rural, cuxa hexemonía non se lle pode regalar a forzas reaccionarias que no interior galego sabemos ben que só alimentan a desigualdade, a demotanasia e o caciquismo.

En Galicia, as forzas progresistas suman máis ca o PP en votos e porcentaxe – parabéns polos escanos obtidos por PSOE, Sumar e BNG -, mais é incuestionábel a fortaleza do PP, sobre todo nas provincias interiores e a incapacidade dos proxectos existentes para disputarlle a hexemonía polo que na nosa axenda urxe o reforzo do proxecto de IGV e encarar o horizonte do novo ciclo eleitoral con maiores garantías para as nosas comarcas.

É evidente que en Ourense e en Lugo non é suficiente co que se está a facer e que precisamos unha gran mobilización para rematar co caciquismo e reverter todos os problemas de abandono que sufrimos. Interior Galego Vivo naceu con ese obxectivo e traballará en artellar un espazo para a rebelión cívica do interior galego.

Asemade, apelamos a que colectivamente entendamos que cómpren frontes amplas, sobre todo en determinadas circunstancias e ocasións, como poden ser as listaxes ao Senado, nas que arrasou o PP por un sistema maioritario.

IGV está e estará para dar voz e alternativas para o interior galego.

No interior galego, 24 de xullo de 2023.

No Comments

Post A Comment