Medidas urxentes para un interior galego vivo: documento Autonómicas 2020

Medidas urxentes para un interior galego vivo: documento Autonómicas 2020

Propostas dos grupos municipais, asembleas e persoas da Plataforma Por un Interior Galego Vivo cara ás Eleccións Galegas 2020 para as comarcas de Lemos, Chantada, A Ulloa, Quiroga-Courel, Trives, Caldelas, Maceda e Verín.

As candidaturas, grupos municipais, plataformas municipalistas e persoas integradas en Por un Interior Galego Vivo entenden que as eleccións ao Parlamento de Galiza, que se celebran o 12 de xullo, son unha oportunidade para amplificar as reivindicacións das nosas comarcas interiores, abandonadas polas políticas de todas as administracións e con problemas comúns que teñen un eido esencial de actuación dende o nivel autonómico.

Dende a independencia partidaria das plataformas, dende unha posición común de xustiza social, e a existencia de diversas preferencias político-partidarias no seo das distintas asembleas, as persoas e colectivos integrados en Por Un Interior Galego Vivo consideramos importante facer chegar a todos as candidaturas que se presentan ás Eleccións Galegas de 2020 as seguintes propostas.

* AFRONTAR A CRISE CLIMÁTICA E DETER AS AGRESIÓNS AO TERRITORIO

– Realización, conxuntamente coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, dun informe sobre o estado de ríos e regatos e as necesidades de saneamento en cada Concello, cun plan de axudas para rematar as obras necesarias nesta materia, en cooperación coas entidades locais, con especial atención ás depuradoras municipais mais ao saneamento das parroquias.

– Impulsar un Parque natural no Courel que conte coa veciñanza, respeite os seus usos e costumes e traia inversións reais para revivilo.

– Medición comarcal do CO2 secuestrado debendo repercutirse no desenvolvemento das mesmas mediante compensacións, nomeadamente para o sector primario.

– Unha ordenación do territorio ao servizo da conservación do patrimonio natural e dos ecosistemas, así como priorizar os pequenos produtores e a soberanía alimentar e non o acaparamento de terras e outras operacións especulativas que baleiran os nosos territorios e os degradan. Neste sentido, é necesario modificar a concepción e distribución dos fondos da PAC.

– Erradicación do eucalipto e outras especies pirofitas, como a paulonia, nestas zonas.

– Mudar o marco legal en relación á enerxía para evitar macroproxectos empresariais depredadores do medio; aposta por enerxías limpas e con responsabilidade social, que redunden, como noutros estados europeos, nos e nas produtoras do sector primario e nas persoas habitantes do mundo rural.

* VERTEBRACIÓN TERRITORIAL CO TRANSPORTE PÚBLICO E AS TIC

– Impulso de taxis compartidos bonificados para atender as necesidades de mobilidade de viaxeiras nas parroquias máis pequenas e dispersas, contando coas entidades locais no deseño das rutas de transporte.

– Rebaixa do prezo do billete de transporte compartido en bus.

– Impulso da rehabilitación no rural desde o IGVS e outros instrumentos como o ARI, mais axeitándoos á realidade e favorecendo que os prazos e os proxectos sexan viábeis para a maioría social e non para poucas persoas. Suficiente dotación económica para estes instrumentos.

* MELLORA DAS TELECOMUNICACIÓNS E ASEGURAR O ACCESO A ELAS NO RURAL

– Ampliación da cobertura da Internet: ningún lugar ou explotación sen conexión a prezos accesíbeis.

– O acceso a internet, e mesmo a cobertura móbil, é irregular no rural galego: Lugo é a provincia con peor cobertura do Estado. É labor das administracións solucionar ese problema, impulsando e lexislando que as compañías teñan que dar un servizo de calidade coa última tecnoloxía a todo o territorio, sen primaren a cantidade de poboación existente, para implantar as súas redes. Sería inviable achegar a fibra a todas as aldeas, pero si debería chegar 4G (con velocidades similares a FTTH) e 3G a todos os núcleos de poboación, a uns prezos regulados.

* EVITAR A EXCLUSIÓN FINANCEIRA

– Garantía de non exclusión financeira a nivel territorial, con caixeiros e sucursais suficientes.

* IMPULSO Á AGROGANDEIRÍA SOSTÍBEL

– Recuperación de viñedos históricos e apoio directo á pequena produción que é a que conserva a paisaxe histórica das ribeiras de Sil e Miño.

– Aposta pola transformación alimentar de produtos como o mel, o aceite, a cereixa, o leite, o trigo do país ou a castaña, xerando valor engadido e seguindo modelos cooperativos convertendo os nosos produtos en referencias internacionais. Combate á avispiña e axudas ao sector da castaña.

– Usar todos os mecanismos e instrumentos públicos e en materia lexislativa para impedir os abusos no prezo do leite e da carne. Favorecer as explotacións ecolóxicas e extensivas, a comezar polo acceso a unha suficiente base territorial.

– Impulsar unha DO para o aceite galego, comezando por espallar a DO de Quiroga a toda a Ribeira Sacra.

– Revitalización ou creación de mercados de alimentos locais, nomeadamente dinamizando as prazas de abastos.

– Impulso e apoio ás Comunidades Veciñais de Montes en Man Comúnfronte á vontade de privatización da xestión, contribuíndo á divulgación e apoio ás comunidades veciñais para a xestión do monte, apostando por actividades xeradoras de postos de traballo e conservadoras do medio.

* ATENDER AS NECESIDADES SOCIOSANITARIAS DE XEITO PÚBLICO

– Recuperación da área sanitaria de Monforte e do Barco e creación da de Verín.

– Defensa de condicións laborais dignas no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e ampliación do servizo para cubrir as necesidades de horas de atención a persoas dependentes. Aposta por un servizo 100% público.

– Estudo da situación do SAF en cada Concello e proxecto piloto de empresa pública ou xestión dende a Xunta.

– Aumento do persoal das equipas de valoración da Dependencia e da Discapacidade para eliminar as listaxes de agarda e cumprir cos prazos legais de valoración.

– Modificar o marco legal en relación ás residencias de maiores para garantir rateos de persoal axeitadas ás necesidades, condicións laborais dignas e aumento dos fondos para crear prazas públicas ben atendidas e xestionadas nos nosos territorios.

– Impulso de residencias-piloto en aldeas abandonadas, total ou parcialmente, restauradas a tal efeito.

– Creación dunha residencia de media estancia de referencia para estas zonas (sur de Lugo – Ourense), recurso para quen precise un ingreso residencial temporal (por exemplo, para sandar dunha doenza).

– Impulso de centros de día públicos para fomentar a autonomía persoal.

– Dotar de xeito suficiente a Atención Primaria para que sexa o centro do sistema, revertendo recortes de servizos no rural e incluíndo suficientes profesionais de psicoloxía, fisioterapia e traballo social.

* POLÍTICAS FEMINISTAS PARA REMATAR COA FENDA DE XÉNERO

– Ampliación da rede de CIM en colaboración coa administración local.

– Recuperación dos centros de información afectivo sexual (Quérote), garantindo, canto menos, un centro nas principais vilas.

– Cambio de localización do Punto de Encontro Familiar (PEF) da cidade de Ourense e creación dun PEF para o sur de Lugo, ampliando a capacidade dos mesmos e con xestión pública.

– Parque de vivenda dispoñíbel en todas as comarcas para vítimas de violencia de xénero e persoas en situación de exclusión social.

– Incremento das partidas destinadas a axudar economicamente as asociacións de mulleres rurais.

* UN DESEÑO ADMINISTRATIVO ACORDE COA REALIDADE DO PAÍS E PARA IMPULSAR POLÍTICAS XUSTAS

– Políticas de discriminación positiva para os territorios máis despoboados.

– Definición dunha rede e carteira básica de servizos públicos con accesibilidade territorial e garantía de non peche dos mesmos.

* MANTEMENTO DA CULTURA DE NOSO COMO VALOR SOCIAL

– Catalogación, recuperación e conservación do patrimonio material e inmaterial do noso territorio.

– Plan de recollida de microtoponimia e da memoria oral.

– Incremento das axudas para o asociacionismo rural, nomeadamente nos eidos da mocidade e da cultura. Apoio ás bandas de música, gaitas, grupos de teatro e entidades normalizadoras.

– Impulso de Redes de dinamización e normalización lingüística en todas as comarcas.

* PARTICIPACIÓN SOCIAL, INTEGRACIÓN DAS COMUNIDADES NO DESEÑO DAS POLÍTICAS PÚBLICAS

– Fomento da divulgación das figuras de protección entre a cidadanía, con transparencia e participación da sociedade civil no deseño dos plans para a zona (reserva da biosfera, BIC Ribeira Sacra).

– Deseño conxunto e participativo da estratexia turística, co foco no turismo cultural, de natureza e no enoturismo, reformando o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra converténdoo nun instrumento útil e participativo.

– Reforma da filosofía e funcionamento dos GDR, que xestionan boa parte dos fondos europeos destinados ao rural, aumentando a participación social e primando os proxectos produtivos sustentábeis.

Todo o exposto require un plan público de inversións e incentivos para o mundo rural que atenda os sectores primarios, a transformación alimentar, a vivenda e os servizos… Actualmente, calquera habitante do rural ten un sobrecusto en relación a un cidadán urbano: desprazamentos a servizos quilométricos, maior custe da Internet (solucións satélite requiren 200€/mes), desprazamento e vivendas para realizar ciclos formativos ou asistir á universidade, ausencia de transporte público e servizos de conciliación, problemas de potencia e fornecemento eléctrico etc. A maiores, os concellos do rural teñen menor financiamento que o conxunto dos municipios, pois depende do número de habitantes e non do número de lugares, da dispersión da poboación e dos quilómetros de extensión.

No interior galego. Xuño de 2020.

Tags:

Post A Comment