Trasladamos á Deputación de Lugo a necesidade dun plan específico para garantir na provincia o acceso a oficinas bancarias e caixeiros a toda a poboación

Trasladamos á Deputación de Lugo a necesidade dun plan específico para garantir na provincia o acceso a oficinas bancarias e caixeiros a toda a poboación

Interior Galego Vivo presenta mocións nos concellos para que retiren os fondos de entidades bancarias sen sede física no municipio e para que trasladen á Deputación a necesidade dun plan específico para garantir na provincia o acceso a oficinas bancarias e caixeiros a toda a poboación

I. A exclusión financeira.

As entidades financeiras son un instrumento fundamental na estrutura económica de calquera país, mais Galiza perdeu nos últimos anos tres entidades que ocupaban un papel central na capacidade de desenvolvemento da economía, afondando na dependencia e carácter neocolonial da nosa estrutura económica. Por iso, é especialmente grave que este devalo fose alentado e amparado pola Xunta do PP, que defendeu o resgate de Abanca por 9.000 millóns de euros para logo regalarlla a un banco venezolano (Banesco) por 1.000 millóns, cando podería ser un instrumento público de crédito.

Así as cousas, a crise financeira de 2008 utilizouse para aumentar os procesos de concentración bancaria, pese a que foi a gran banca especulativa a responsábel deste cataclismo económico. O Banco Pastor e as caixas de aforro desapareceron como consecuencia de erros propios, mais tamén, e sobretodo, pola decisión do oligopolio bancario español de concentrar o negocio e o poder financeiro en apenas tres ou catro entidades. Un proceso de concentración que contou coa complicidade do Goberno central e a Xunta, por acción ou por omisión, e que contrasta coa fortaleza da banca pública noutros estados da UE como Alemaña.

Esa Abanca resgatada con cartos de todas e todos os galegos leva anos en curso de procesos de peche de sucursais en concellos pequenos e barrios de vilas e cidades, así como redución de servizos.

En 2009 o sistema financeiro na Galiza manexaba por volta de 50.000 millóns de euros en depósitos e mantiñan 70.000 millóns en créditos. No ano 2017 o total de depósitos no sistema financeiro galego era de 61.000 millóns de euros, mentres que os créditos totais acumulados ascendían apenas a 40.000 millóns. Por outras palabras, asistimos en poucos anos a un rateo entre créditos e depósitos do 65,5%; o mais baixo de toda España. Un retroceso brutal de emprego e de actividade, de financiamento da economía galega, acompañado da precarización das condicións de traballo das persoas que quedan e que explican a perda de peso das actividades financeiras na Galiza, que se cuantifica na caída de 25% da súa contribución ao PIB galego desde 2009. Un verdadeiro espolio financeiro.

A absorción dos tres bancos galegos ––Pastor, Etcheverría e Gallego–– pola gran banca española xerou un mercado cada vez mais dominado por menos entidades: Abanca controla o 40% do mercado, o Santander o 29%, e o BBVA e Caixabank o 10% cada un, entre as catro o 90%, un nivel de concentración por riba da media do estado e moi por riba do que se considera normal na Unión Europea. Tamén estas entidades teñen pechado oficinas no medio rural.

De feito, desde o ano 2008, a Galiza perdeu máis da metade das sucursais bancarias, acelerando un proceso de exclusión de servizos bancarios que afecta, sobre todo, ao medio rural, que tradicionalmente se caracterizou por elevados níveis de pequena poupanza mais onde o acceso ao crédito non sempre foi doado nen os investimentos produtivos abundantes.

No ano 2008 en Galicia funcionaban algo máis de 2.500 oficinas bancarias. En 2017 tan só quedan 1.599 oficinas, una redución do 36% en 8 anos. Para poder comprender a dimensión do proceso de peche de oficinas pódese indicar que temos menos que en 1978, ano no que existían en Galicia 1.668 oficinas bancarias, isto é, 69 oficinas máis que na actualidade.

O anuncio de novos peches de sucursais de Abanca afectará moito aos municipios rurais, pois ten arredor de 470 oficinas, case 40% do total de sucursais bancarias, 33% delas en municipios de menos de 5.000 habitantes, segundo datos recollidos por Praza Pública. En 128 municipios Abanca é a única entidade con sede. Cómpre ter en conta que a entidade fechou 2019, último ano do que dispomos dados, cun beneficio neto de 405 millóns, 6,7% máis ca no exercicio precedente.

A nova política de Abanca vai portanto incidir na exclusión financeira, que xa atinxía a 45 concellos, e quen máis se verá afectada será a cidadanía máis maior e con menores destrezas dixitais, así como as persoas que perden o emprego no sector da banca. Segundo o Banco de España 38 concellos galegos xa non teñen “ponto de acceso ao efectivo”, isto é, que nen sequera teñen un caixeiro automático.

A ocorrencia da Xunta, que pretende vender como “solución”, é subvencionar caixeiros das entidades que fechen sucursais, con case tres millóns de euros en total. Un concurso que, para máis INRI, gañou Abanca polo que, ao final de contas, a propria Xunta que liquidou as caixas galegas fomenta agora o feche de sucursais con fundos públicos.

No caso dos concellos da provincia de Lugo nos que Interior Galego Vivo ten presenza:

ANTAS DE ULLA: dende 2003 pechou unha oficina, quedando dúas sucurcais.

A POBRA DO BROLLÓN: dende 2003 perdeu a metade das sucursais, quedando 2.

CARBALLEDO: mantén 2 sucursais, mais a de Abanca desde este verao con horario reducido.

CHANTADA: dende 2008 pasouse de 9 a 5 sucursais.

FERREIRA DE PANTÓN: con catro oficinas en 2003, quedan 3.

FOLGOSO DO COUREL: mantén dúas sucursais, mais con horario e días de atención reducidos.

MONFORTE: de dezasete oficinas, só quedan 6, xa que o 15 de outubro fecha as portas o Sabadell mantendo só o caixeiro.

MONTERROSO: de catro oficinas en 2003, quedan 2.

NAVIA DE SUARNA: de catro oficinas en 2003, quedan 2, unha delas, Abanca, só abre dous días.

O SAVIÑAO: de catro oficinas, só queda 1.

PALAS DE REI: con catro oficinas en 2003, quedan 3.

QUIROGA: con cinco oficinas en 2003, só queda 1.

SAMOS: xa só tiña unha oficina, quedando agora sen nada, dotándose dun caixeiro recentemente por parte de Correos.

SOBER: queda só 1 oficina de Abanca aberta, cando había 3 ata hai pouco.

TABOADA: de catro oficinas, quedan 2.

VILALBA: de trece oficinas en 2003, pasa a ter 6.

Do anterior, despréndese que se perderon 43 sucursais e 4 máis viron reducido o seu horario de atención. Só no espazo da denominada Ribeira Sacra fecharon 28 sucursais e 4 viron reducido o seu horario. Desta arte, atopámonos nunha das zonas máis afectadas pola exclusión bancaria, que require un movemento solidario dos municipios do interior galego para rebelarse contra os ditados da gran banca e a buscar posíbeis solucións.

II.- Alternativas e solucións desde as administracións locais.

Desde IGV entendemos que, como cooperativa de crédito de ámbito galego con morada en Lugo (asociada ao Grupo Caja Rural) a entidade Caixa Rural Galega pode facer parte da solución. Non rexistrou perdas no momento da crise bancaria nin durante a pandemia e, de feito, a entidade aumentou o volume de negocio ao acoller a clientela procedente de bancos que fecharon oficinas en municipios rurais.

De por parte, Lugo é a provincia con maior implantación de Caixa Rural Galega (33 oficinas), aínda que insuficiente para cubrir o oco deixado polos feches de oficinas no rural. Asemade, as súas comisións distan de seren tan abusivas canto as practicadas na grande banca.

A nosa proposta dun convenio entre Caixa Rural Galega e a Deputación de Lugo non é utópica e xa conta con precedentes.Por pór algúns exemplos:

  • Teruel Existe e as entidades organizadas na denominada como España vaciada defenden a instalación de caixeiros multientidade no rural, pois xa son máis de 1.300.000 os cidadáns do Estado que sofren exclusión financeira severa. De feito, a agrupación de eleitores formulou emendas aos OXE para 2021 para xerar unha «subvención á instalación destes caixeiros multientidade en áreas rurais de menos de 1000 habitantes», mais foron rexeitadas tanto no Congreso canto no Senado. Esta cuestión pode abordarse en colaboración con Correos, que xa está a aplicar un proxecto piloto.
  • Desde 2018 existe un plano de axudas da Deputación de Cáceres (PSOE) para as entidades locais de menos de 20.000 habitantes dotado de 250.000€. No 2019 formularon levar unidades móbiles aos concellos, algo que recentemente asinaron Abanca e o Concello de San Xoán de Río (PP), se ben a propria Deputación recoñece que o ideal é manter abertas as oficinas das entidades. Para Álvaro Sánches Cortina (PSOE) “la exclusión financiera supone, a todos los efectos, la exclusión social de la población de los municipios afectados y conlleva un aumento del despoblamiento en las zonas rurales”.
  • Na provincia de Granada a práctica totalidade dos concellos contan cun servizo bancario. O “modelo” foi exposto no Senado polo seu presidente José Entrena (PSOE) e enmarcouno dentro do “deber legal” que teñen as deputacións “de prestar asistencia aos pequenos e medianos concellos e a obriga de velar que eses concellos conten con servizos básicos e esenciais”, xa que “os servizos bancarios son tamén un dereito da cidadanía”. Precisamente, neste modelo a solución veu da mao de Caja Rural instalando xa 37 caixeiros en zonas rurais.
  • A Deputación de Badaxoz (PSOE) recoñece que nos concellos pequenos se retrocedeu a níveis de hai 36 anos cun impacto moi negativo para “empresas e visitantes nos nosos lugares” e efeitos negativos para toda a provincia. En consecuencia, impulsan un Plano de loita contra a exclusión financeira instalando caixeiros automáticos nos concellos que ficaron sen servizos. Novamente a solución veu da mao da Caja Rural de Extremadura.
  • En febreiro deste 2021 o PSOE reclamaba, mediante unha moción, á deputación de Málaga (PP) “un plan para paliar la exclusión financiera en 22 municipios sin oficinas bancarias”. En Marzo coa Fundación Caixa Bank comezouse un programa-piloto coa Deputación para obter desde 20€ até 150€ nas farmacias. Tamén se encontran en conversas con Correos sobre os novos servizos nas localidades con menos de 3.000 habitantes.
  • A Deputación de Palencia prestaba un servizo de banca móbil até que en 2021 Unicaja deixou de oferecer este servizo conveniado.
  • En marzo de 2021, na Deputación de León o PP defendeu que a Deputación finacie a instalación de caixeiros e “tenemos que exigir a Unicaja un compromiso con León, con su desarrollo económico, con la lucha contra la despoblación”, pois “si a un pueblo le quitas una sucursal estás abriendo una puerta más para que nadie quiera ir a vivir allí y que los que estén se vayan”.
  • A Deputación de Salamanca (PP) usa agora os Bibliobuses tamén como caixeiros e oficinas móbiles para 129 concellos que carecen de oficinas.

Após esta nómina que ilustra que tanto PP canto PSOE defenderon solucións semellantes en diferentes institucións, ou mesmo as aplican – sempre apresentando cadansúa iniciativa como “pioneira”–, a plataforma Interior Galego Vivo reclama solucións análogas para Lugo, polo que entende que a Deputación de Lugo debe comezar as conversas para conseguir asinar un convenio coa cooperativa de crédito, con sede en Lugo, Caixa Rural Galega para dotar de oficinas, cando menos, todas as cabeceiras comarcais e núcleos importantes, cominando unidades móbiles e caixeiros multientidade no resto de entidades locais.

Por todo isto, Interior Galego Vivo trasladará nos concellos unha moción para acadar os seguintes acordos:

1.- O Pleno do Concello acorda comprometer a retirada de fundos das contas bancarias daquelas entidades que non teñan sede física no Concello optando polas que a manteñen e, nomeadamente, pola cooperativa de crédito Caixa Rural Galega.

2.- O Pleno do Concello acorda trasladar á Deputación Provincial de Lugo a proposta de impulsar un acordo entre o ente provincial e Caixa Rural Galega para acadar a implantación suficiente de oficinas desta cooperativa de crédito en toda a provincia e reverter a exclusión bancaria da veciñanza dos concellos de Lugo, para alén de recorrer a unidades móbiles e á instalación de caixeiros multientidade.

3.- A Corporación insta á Deputación de Lugo a criar un programa de axudas para concellos de menos de 5.000 habitantes sen servizos financeiros ou cunha única entidade para instalar caixeiros automáticos multientidade ou outra modalidade permitida por lei, cuxa finalidade sexa financiar os gastos de instalación e mantemento, comezando no presente 2021.

3.- Comunicar o presente acordo á Deputación de Lugo e aos concellos da provincia por se desexan sumarse ao mesmo.

Tags:
1 Comment

Post A Comment