22 Ago Posición crítica sobre a proposta de Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e serras do Iribio e Courel
As agrupacións municipalistas integradas en POR UN INTERIOR GALEGO VIVO pedirán á Xunta que promova encontros en cada un dos Concellos sobre a proposta de reserva da biosfera da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel.
POR UN INTERIOR GALEGO VIVO considera a candidatura un compendio de diferentes espazos naturais e comarcas históricas, sen unidade interna, e que semella pensado só para obter a distinción, pero non para traballar en serio na mellora das condicións ecolóxicas das distintas zonas, moi degradadas, para o cal se precisaría máis investimento do previsto.
Como sucedeu coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, falta debate social e implicación da sociedade civil das comarcas afectadas. Para a configuración da candidatura houbo un só contacto coas asociacións do territorio e pouco interese en que estas se implicaran.
A proposta non analiza as características do territorio, non mencionando unha soa vez o avellentamento da poboación nin as agresións medioambientais.
21 – agosto – 2019
As candidaturas de POR UN INTERIOR GALEGO VIVO solicitarán á Xunta, por vía dos deputados David Rodríguez Estévez e Paula Vázquez Verao, reunións en cada Concello integrado na candidatura Reserva da Biosfera, ás que se convoquen as persoas voceiras de todos os grupos municipais e asociacións e axentes sociais e económicos interesados. Nestas xuntanzas, as candidaturas de POR UN INTERIOR GALEGO VIVO queren trasladar á Xunta as numerosas agresións contra o patrimonio natural que sufrimos nestes territorios, especialmente contra os nosos ríos e regatos. Asemade, cómpre lembrar que se están a executar obras para un parque eólico na Serra do Iribio en plena Rede Natura.
A zona delimitada como proposta de reserva da Biosfera engloba os concellos que integran o Xeoparque Montañas do Courel, máis os Concellos de Triacastela e Samos (Iribio) e O Incio, así como os incluídos no BIC Ribeira Sacra máis Sarria, aínda que non se inclúe a zona do Bibei ou o Val do Navea, nin Montederramo. O núcleo da reserva serían as Zonas de Especial Conservación xa existentes, así como o Espazo Natural de Interese Local Loio-Ruxidoira.
* Os Ancares-Courel (a máis extensa, que engloba parte do Iribio).
* Río Cabe.
*Canón do Sil.
* Monte Faro.
A inmensidade do territorio escollido (o 10,3% da superficie galega), unido ás enormes necesidades de investimentos en materia de conservación da natureza farían necesario un maior esforzo da Xunta neste sentido, que debe partir dun coñecemento real da situación. Entendemos que o custo económico estimado para o Plan de Xestión (450.000 € anuais) non é suficiente, dado o volume do territorio e actuacións precisas. Ademais, o que cómpre son políticas reais de conservación da natureza. Por exemplo, a figura ZEC non impediu a contaminación dos ríos Pesqueiras e Enviande, as toneladas de lixo verquidas ao Sil en pleno canón ou os parques eólicos en Paradela e serra do Iribio ou a contaminación e falta de capacidade depuradora para o río Cabe.
As reservas da biosfera pretenden “conciliar e consolidar a conservación da natureza e o desenvolvemento económico e social”, algo que malamente se pode acadar sen a implicación da poboación local e se continúa o desleixo das Administracións cos servizos públicos e sectores produtivos do territorio, especialmente no que ten que ver co sector agrogandeiro (o gran configurador da paisaxe) ou co ferrocarril. Sen poboación nas comarcas, pérdense os elementos singulares da paisaxe coma os socalcos tradicionais ou os prados de rega. Fronte a isto, a candidatura non desenvolve os retos socioeconómicos e demográficos aos que se enfronta a cidadanía destas comarcas; é máis, ofrece unha visión optimista do desenvolvemento acadado: “se ha apostado por una serie de iniciativas destinadas a lograr un crecimiento económico local y regional, fomentando la consolidación de empleo, mejorando la calidad de vida de las personas, favoreciendo el consumo y venta de productos locales, etc., todo ello a través de un modelo de desarrollo económico y humano sostenible”. É significativo que non se mencione unha soa vez no documento o despoboamento nin o avellentamento da poboación.
A candidatura tampouco afonda nos retos medioambientais aos que se enfronta o territorio, polo que malamente se poderá responder ante eles. Pola contra, o documento afirma que “Actualmente, estas actividades son gestionadas de manera racional y sostenible y son compatibles con la conservación del medio natural, de modo que garantizan el cumplimiento de la función de desarrollo de las Reservas de Biosfera”.
A reserva da biosfera prevé un Foro de Participación, pero a participación das asociacións quedará bastante limitada (un representante de asociaciones o colectivos vinculados con el Patrimonio Cultural, un representante de asociaciones o colectivos vinculados con el Camino de Santiago, un representante de las asociaciones protectoras de en medio, un representante de asociaciones o colectivos vinculados a la juventud, un representante de los colectivos o asociaciones de mujeres), ao mesmo nivel que o sector enerxético, extractivo e industrial.
As asembleas locais das distintas candidaturas de POR UN INTERIOR GALEGO VIVO traballaremos en achegas ao documento presentado pola Xunta, que incluirán a proposta de erradicar os eucaliptos na zona, deter parques eólicos en Rede Natura ou apostar polo Parque Natural no Courel, así como aumentar a contía anual para o Plan de Xestión.
No Comments