Modus operandi neocaciquil no denominado “Consello de Parroquias da Ribeira Sacra”

Modus operandi neocaciquil no denominado “Consello de Parroquias da Ribeira Sacra”

Interior Galego Vivo denuncia un modus operandi neocaciquil no denominado “Consello de Parroquias da Ribeira Sacra”

* IGV entende que debe ser un verdadeiro foro de participación cidadá e ter un funcionamento transparente e democrático para englobar a toda a sociedade civil da Ribeira Sacra.

* A entidade dirixe unha carta ao Presidente do Consorcio propoñendo un reinicio da súa composición, implicando a todas as comunidades parroquiais do ámbito BIC e a súa sociedade civil (asociacións viviñais e culturais, sindicatos, agrupacións de empresarios e comerciantes…).

15-maio-2021


Algunhas asociacións dos Concellos do ámbito do BIC Ribeira Sacra –sen coñecermos cal é o criterio para que unhas directivas de asociacións estean enteradas e outras non- recibiron unha carta de convocatoria ao Consello de Parroquias da Ribeira Sacra, indicando que foi constituído en decembro de 2019 en San Pedro de Rocas. A carta está asinada polo Presidente do Consorcio, quen tamén se identifica como representante da parroquia de San Martiño de Arroxo, en Sober.

Resulta sospeitoso e responde ao modus operandi habitual do neocaciquismo que se avise só a unhas parroquias e descoñécese a que criterio responde esta elección así como a dos seus representantes.

Este Consello de Parroquias non ten unha regulamentación publicada no DOG, pois o único organismo creado de xeito oficial para a participación cidadá no relativo á candidatura da Ribeira Sacra é a Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra que, tampouco, de momento, fomentou a participación regular do tecido asociativo como se pediu desde as alegacións que apresentaron entidades agrupadas en IGV.

Resulta desalentador comprobar unha e outra vez o mesmo: críase o foro do foro do chiringuito para estaren sempre os mesmos protagonistas e siglas, que se erguen como voz única da poboación da Ribeira Sacra, mais que realmente a exclúen. O termo neocaciquismo non é, daquela, gratuíto.

Descoñecendo cal é o funcionamento, composición e sistema de elección de representantes das parroquias dos Concellos da Ribeira Sacra, así como as funcións deste organismo, dende Interior Galego Vivo, reclamamos que o Consello de Parroquias:

1 – Desenvolva unha regulamentación transparente de funcionamento democrático e participativo para o conxunto da sociedade civil.

2 – Reiniciar a súa composición mediante un proceso de participación publicitado e no que todas as asociacións veciñais ou de ámbito parroquial legalmente constituídas poidan participar e escoller representantes en dito Consello, permitindo incorporacións posteriores.

3. – A participación cidadá é esencial para o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial pola UNESCO, polo que os organismos de participación deben estar regulados e dende a candidatura débese fomentar a participación real e implicación das comunidades locais, con convocatorias amplas, en lugar de montar foros só para os “elexidos” coa vontade de manter un nivel baixo de participación e debate. A este respecto, debe propiciarse a participación na Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra.


Dende Interior Galego Vivo consideramos imprescindíbel que a participación no proceso de candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade se reconduza cara a participación real da cidadanía, algo que, precisamente, é un valor para a consecución desta distinción, que nace xa con innúmeras mostras da súa verticalidade e que para nada é unha proposta xurdida ou socializada entre as mulleres e os homes que habitan e (a pesar de todo) resisten esta xeografía, talvez por termos elites instaladas desde hai demasiado tempo nas institucións e que semellan desconfiar do pobo que din representar furtándolle a súa voz.

No interior galego, 15 de maio de 2021.

1 Comment

Post A Comment