A orde da Xunta para a poda en verde na Ribeira Sacra e no Ribeiro discrimina a agricultura familiar

A orde da Xunta para a poda en verde na Ribeira Sacra e no Ribeiro discrimina a agricultura familiar

  • O Partido Popular abandona a agricultura familiar, as pequenas produciós e a agricultura familiar e deseña unha orde pensada só para os grandes grupos adegueiros.
  • IGV segue reclamando axudas directas para as persoas produtoras, tamén en autoconsumo, sen as cales non existe a paisaxe que se quere converter en Patrimonio da Humanidade: hai que rescatar as persoas que manteñen a superficie amurada de viñedo.

No Interior Galego, 06 de abril de 2025

En zonas de tradición vitícola como Nogueira de Miño é significativo o aumento de viñas abandonadas, como esta no paraxe denominado Cu de Sal. O abandono inzou moito e incrementarase pola actuación da Xunta na crise da DOP Ribeira Sacra. Foto: Interior Galego Vivo.

Dende IGV acollemos desde hai xa máis dun ano con moita preocupación a situación que están vivendo as persoas viticulturas da Ribeira Sacra, xa que, despois dunha campaña desastrosa en prezo e recollida para moitas pequenas e medianas produciós, agora observamos como a Xunta discrimina, tanto nas axudas á paisaxe canto na inminente liña de poda en verde, a agricultura familiar e o autoconsumo.

Co flavescencia dourada ás portas e cos aranceis e a desglobalización galopante en curso iste modo de actuar torticeiro da Xunta equivale a abandonar á súa sorte a maioría dos produtores e produtoras de uva das DOP Ribeira Sacra e Ribeiro, o que vai redundar en inxentes cantidades de viñedos abandonados que, por súa vez, contribuirán a espallar o fitoplasma da flavescencia. Para alén do anterior, a Xunta continúe sen un estudo de custes serio e fundamenta a poda en verde en prezos medios obviando que as persoas produtoras levan anos en Ribeira Sacra vendendo a perdas e incumpríndose, xa que logo, a Lei da Cadea Alimentar.

De feito, a orde contempla, apenas 600.000 euros, na súa totalidade procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) polo que a Xunta realmente non pon un peso para o sector. A maior abastanza, no artigo 25 “Cálculo da axuda”, compensar o 50% da perda de ingresos nas parcelas que fagan a poda en verde sobre un prezo medio de 1,17 €/kg, o que supón dar por boa a venda a perdas que leva anos dándose na Ribeira Sacra e que suporía 0.58 céntimos por quilo en poda en verde, por baixo do que se pagou noutros territorios do Estado onde é moito máis barato producir un quilo de uva. Para a Xunta a viticultura heroica só é un slogan para empregar como reclamo turístico.

Nos próximos días sairá no DOG a Orde do 4 de abril de 2025, pola que se estabelecen as bases reguladoras das axudas á colleita en verde da viña na Galiza e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR446C). O texto regula as bases das axudas, en concorrencia competitiva, para a invertención de colleita en verde no viñedo da Galiza e, na súa redacción actual e previsibelmente definitiva, está pensada para os grandes grupos adegueiros das DOP Ribeira Sacra e Ribeiro, en canto discrimina fulminantemente os viticultores e as viticultoras.

Desta arte, fundamentamos a nosa análise no artigo 4º da orde, “Requisitos da admisibilidade das parcelas”, onde se contempla como exixencia para poder acceder a esta liña de axudas que se deberá solicitar a totalidade da superficie da parcela até un máximo de 10 ha por viticultor e ano (lembramos que a superficie media en Ribeira Sacra non chea a 1ha por persoa produtora, en canto as SLU teñen varias formas de formular varias solicitudes saltando na práctica os topes de superficie):

a) Estar inscrita no Rexistro Vitícola da persoa solicitante ou solicitarse o cambio de titularidade desta, a data de apertura do prazo de presentación de solicitudes.

b) A parcela de viñedo deberá ter sido plantada previamente ás tres campañas anteriores.

c) A parcela de viñedo terá unicamente variedades de uva tinta, o que tamén exclúe na práctica viñedo tradicional e familiar con plantaciós multivarietais.

d) Ter unha superficie igual ou superior a 0,05 hectáreas (500 m2).

e) Dispor da declaración de colleita da campaña vitícola, o que exclúe o autoconsumo, moito forzado na pasada campaña por falta de compradores de uva.

f) Atoparse en produción e en bo estado vexetativo.

De modo que, os grandes grupos con moitas hectáreas poderán receber, a pesar da baixada de rendementos aprobada polo Consello Regulador da DOP Ribeira Sacra, até 6000 euros/ha, tendo en conta a compensación por retirada dos acios da parcela mais a poda en verde, é dicir até 60.000 euros, cifra análoga ao que acontecía coas “axudas á paisaxe”. En consecuencia, estase subvencionando moi forte os grandes grupos adegueiros e moi pouco as medianas e pequenas adegas co que se altera completamente o equilibrio nas DOP, sobretodo nun momento de crise. Canto á agricultura familiar e o autoconsumo condénanse ao feche e nen as migallas do banquete poden receber.

De por parte, e a pesar de que os prazos eran coñecidos pola Consellaría de Medio Rural, a orde sae a última hora e cun prazo de solicitude ridículo, que só se extenderá até o 25 de abril. Isto demostra, a total opacidade e improvisación nas actuaciós da Consellaría de Medio Rural. En canto a conselleira anda de verbena en verbena e de foto en foto, o esencial e importante descóidase, como aconteceu na exclusión da maioría de solicitantes de incorporacións ou na ausencia de xestión da Xunta dos nitratos que vai pagar a agricultura extensiva, semiextensiva e familiar. «Feitas as contas semella que o PP traballar para baleirar o interior galego e comarcas enteiras para regalarllas aos seus “amigos”, as multinacionais e os fundos de investimento, como acontece coa minaría ou con Altri – Greenalia», afirma Antom Fente, quen engade que «coa ordenación do territorio á carta para quen poxe máis por il e co absoluto abandono da agricultura familiar a Xunta liquida definitivamente os pequenos produtores da Ribeira Sacra, en canto con total cinismo e hipocrisía os vende como un reclamo central para conseguir o Patrimonio da Humanidade, que só lles interesa como marca turística e negocio, como demostra o estado dos servizos públicos, o abandono do patrimonio e o caos urbanístico na concesión de licenzas nos pontos máis sensíbeis das ribeiras»

Como sempre defendemos, a nosa principal aposta é que se recoñeza a singularidade do viñedo tradicional de ribeira, e que este tipo de cultivo estexa protexido e apoiado en maior medida, dada a fraxilidade do momento, cunha elevada media de idade das persoas produtoras e coa crise dos excedentes de viño tinto. Non hai futuro para a Denominación de Orixe e a Ribeira Sacra sen fixar poboación e sen paisaxe de ribeira cultivada de viñedo e, sobre todo, sen as xentes que a constrúen, non hai Patrimonio da Humanidade, só un parque temático con algún enclave turístico. Para evitar o abandono de terras e o despoboamento da zona, precisamos facer sustentábeis as actividades económicas, como a viticultura e axudas directas para as persoas produtoras, tamén en autoconsumo.

De feito, a crise só vai piorar nas vindeiras campañas, pois a propria Interprofesional do viño do Reino de España vén de tirar un comunicado en que alerta que «los nuevos aranceles anunciados por Estados Unidos afectarán al precio final y a la competitividad de los productores» e, segundo a súa estimación baseada nos prezos medios de importación estadounidense de viño envasado en 2024 este prezo aumentará un 20 % pasando de 6,15 euros para 7,38 euros, situándose por riba do prezo medio de importanción nos EUA en 2024 (6,47 €/l).

Finalmente, IGV quere subliñar que sen unha mobilización forte desde o sector e un compromiso firme desde os os gobernos locais para apoiar as demandas dos sindicatos, así como desde o Consellor Regulador para informar as persoas viticultoras e desenvolver medidas valentes vai ser irreversíbel o proceso de abandono macizo de hectáreas e viñedo na Ribeira Sacra comprometendo o elemento máis singular da DO e tamén a cerna da candidatura a Patrimonio da Humanidade. É tempo de altura de miras e audacia e non de autocomplacencias.

No Comments

Post A Comment