19 Nov Tecer acordos electorais amplos nas provincias de Lugo e Ourense para rematar coa hexemonía do PP
Tecer acordos electorais amplos nas provincias de Lugo e Ourense para rematar coa hexemonía do PP e por a voz do interior galego no Parlamento
Interior Galego Vivo acorda dirixirse ás forzas progresistas galegas para, sobre a base dun programa centrado nas necesidades do rural, contribuír ao cambio político dende o interior galego
En Chantada, 18 de novembro de 2023.
Interior Galego Vivo celebrou a súa VIª Asemblea no Casino de Chantada, á que acudiron representantes de todas as asembleas locais que conforman Interior Galego Vivo e na que participaron colectivos e persoas de candidaturas municipalistas de todo o País.
Por unanimidade refrendouse a proposta de artellar un acordo amplo sobre un programa común de defensa do rural e dos servizos públicos en todo o territorio que garanta que nengún voto se perde en Lugo ou Ourense para acadar o necesario cambio político en Galicia.
O carácter da Xunta do PP, máis unha axencia de negocios ca un goberno, esixe, polo ben da cidadanía de todo o territorio, unha mudanza; no caso do interior, esta é vital para a nosa supervivencia. Se a prioridade é pór fin ás políticas depredadoras do territorio, que multiplican a desigualdade, o conxunto dos actores políticos deben, pois, impulsar un ACORDO AMPLO sobre a base dun ACORDO PROGRAMÁTICO COMÚN CENTRADO NO RURAL. O contexto é moi adverso, mais a oportunidade é histórica.
O axustado resultado das diferentes eleccións, que penaliza a fragmentación, e o carácter crítico do momento actual para o País, nomeadamente para as comarcas do interior galego que confrontamos o acaparamento e a desertización demográfica, exíxenos audacia e diálogo permanente con outras opcións que permitan artellar acordos amplos para avanzar en direitos e mellorar a calidade de vida das nosas poboacións.
No 2024 as eleicións á Xunta e ás europeas son dúas citas decisivas para os nosos territorios: dunha banda, só desde a unidade de acción e formulando unha fronte cívica con tradución no plano eleitoral nas provincias de Lugo e Ourense se pode rachar coa hexemonía e a rede clientelar do PP; doutra banda, é urxente actuar no nível da UE para actuar sobre unha arquitectura ordoliberal, ao servizo das grandes finanzas centroeuropeas, que compromete o despregue de calquera alternativa que non pase pola desvalorización interna e o aumento do foxo da desigualdade que, agora, alimentará o crecente militarismo e o chovinismo extremo ao tempo que se afasta calquera horizonte real de converxencia e se continúa cunha PAC que nos maltrata. Aínda así, hai elementos que permiten aferrarse á esperanza dunha Europa de cooperación dos pobos que se asente na loita contra a mudanza climática dende unha perspectiva social e cívica. Acreditamos nunha internacional rural e en levar a nosa voz a todas as instituciós, porque onde está IGV está o rural.
Desde hoxe mesmo, IGV traballará para tecer unha REDE DE ALIANZAS, sen apriorismos e desde a nosa riqueza interna – espello da complexidade da Galiza actual–. Audacia, humildade e transversalidade, principios inspiradores desde sempre do tecido social das nosas parroquias. Porque máis rural e máis comunidade son necesarios para unha Humanidade mellor que aposte pola paz e a resolución pacífica dos conflitos.
Deste xeito, IGV coordinará con outros colectivos e candidaturas municipalistas das provincias atlánticas un encontro galego e dirixirase ás forzas políticas progresistas do País.
En Chantada, 18 de novembro de 2023.
Accede ao documento aprobado:
No Comments