08 Mai O rural toma a palabra na V Asemblea do movemento cidadá de IGV
O rural toma a palabra na V Asemblea do movemento cidadá de IGV
Diversos colectivos cidadás e políticos xuntan forzas para a defensa do rural en Antas de Ulla, arredor de diferentes mesas de traballo temáticas.
Hoxe, Interior Galego Vivo decide constituirse como organización política para acudir ás eleccións locais de 2023, mantendo a autonomía e identidade de cada unha das agrupacións que participan dela. Alén disto, a plataforma continúa a nutrirse de colectivos veciñais que, dende unha perspectiva cívica, teñen interese en favorecer que haxa grupos de traballo en cada municipio, que poidan reunirse e traballar en cuestións sociais, aínda sen o obxectivo de presentar unha candidatura municipal. A tal efecto, IGV constituirase tamén como asociación.
Nesta quinta asemblea, abordáronse as problemáticas do rural a través de varias mesas de traballo, nas que se aprobou afondar en cuestións como: necesidade de fomentar o transporte compartido no rural; a aposta por servizos sociais cen por cen públicos e a erradicación de macroresidencias; a necesidade de que estes servizos estean a un máximo de trinta minutos en coche de calquera das nosas parroquias; a implementación de ciclos formativos do sector agrogandeiro nas zonas rurais e que, en todo caso, teñan vinculación directa con traballos propios da zona; e unha fiscalidade que discrimine positivamente á poboación rural para contribuir a frear a caída demográfica, traducida por exemplo en bonificacións fiscais na vivenda habitual ou na transmisión patrimonial de vivendas con valor inferior a 190.000 euros en concellos avellentados ou despoboados.
Para impulsar estes acordos, constituiuse unha coordinadora ampliada e reforzada na que se integrarán novas persoas e proxectos municipalistas e asociativos tanto de Lugo como de Ourense, sobrepasando a trintena de concellos.
En breve, disporase en liña dos textos aprobados, que inclúen o funcionamento interno de IGV así como as súas liñas programáticas.
INTERIOR GALEGO VIVO
7 de maio de 2022
No Comments